na meca dos cogomelos

Todo amante da gastronomía debería pasar unha vez na súa vida polo restaurante O Empalme (Rionegro da Ponte), na estrada que vai de Vigo a Madrid, entre Sanabria e Benavente.

NuevoDocumento 2018-11-17 16.43.32

O Empalme vén de que está xusto alí, no cruzamento da vella N-525 (orixinalmente Vigo-Villacastín, e co paso do tempo Benavente-Santiago por Ourense) e a N631, que une a anterior coa cidade de Zamora.
É deses lugares que poderiamos chamar de ‘peregrinación’, que hai que visitar pero, realmente, están en ningures, no centro da nada.
Vas, comes e segues o teu camiño.
E, se cadra, regresas algún día.

Restaurante El Empalme 03

O Empalme ten unha carta especial na que apenas entran as setas.
Os clásicos para comezar: As alcachofas salteadas(14€), Os espárragos brancos á crema de allo (14€), A minestra de verduras (10€) ou O pucherete de Elías (8€).
As aves… As codornices con ameixas ou escabechadas (18€), Os escalopíns quentes de foie en meloso de froitas (19€) ou o magret de parrulo ao cava (20€).
As carnes… O filet mignon (26€), O solombo de tenreira á pementa, con froitas de tempada ou ao queixo (26€).
Os peixes… O bacallau con pementos (18€), O peixe de tempada ou a Ensalada de ventresca de bonito (18€).
Algo doce… As mazás asadas, O xeado feito na casa, O batido tropical ou o Pim, pam pum (sen abelás), todas as sobremesas a 6€.
Pero todo o anterior cae no esquecemento, resulta case banal cando sae á luz a proposta dun menú de degustación (segundo a denominación da casa, o Menú sorpresa e confianza (50€ por comensal). É neste menú onde entran a esencia da cociña e os cogomelos en toda a súa intensidade.
O menú consta de oito pratos e sobremesa. A verdade é que non lembro que setas entraban en cada preparado e tampouco, con exactitude, como estaban preparadas. Existe un certo secretismo con este punto. Sei que escoitamos falar de boletus, de amanitas, de lepiotas, de trompetas, de trufas, de cardos… Preparadas en potaxe con fabas e arroz, en carpaccio, con crema de mostaza, en risotto, con tomate, acompañando á codorniz, salteadas en foie ou acompañando a pata de parrulo xunto cunhas castañas bestiais. E, tamén, no xeado da sobremesa.
Aí van as fotos e que cada quen una as pistas anteriores e tente adiviñar.

Restaurante El Empalme 10Restaurante El Empalme 11Restaurante El Empalme 16Restaurante El Empalme 19Restaurante El Empalme 21Restaurante El Empalme 24Restaurante El Empalme 25Restaurante El Empalme 29Restaurante El Empalme 31Restaurante El Empalme 33

Houbo coincidencias en resaltar os cardos con mostaza, as trompetas salteadas en foie ou a trufa co tomate. Coincidencia, tamén, na valoración máis baixa para o carpaccio. O resto, un pouco por gustos.

NuevoDocumento 2018-11-17 16.43.32

No Empalme non busques outra cousa que non sexan as setas: unha variedade case impensable (cando menos para un profano coma min), cociñadas cunha chea de receitas marabillosas. Unha viaxe única ao mundo da micoloxía da man dunha cociñeira que pasa por ser a número un no tratamento das setas.
Pero non vaias ao Empalme á procura dun entorno ou tentando dar un paseo para abrir o apetito ou axudar á dixestión: arredor non hai nada, só un enorme páramo.
Tampouco esperando os luxos que se poderían esperar do nivel da cociña e do menú: trátase dunha vella venta, un auténtico bar de estrada (case) dos anos sesenta.
Nin se che ocorra pensar no deseño, na estética, na tontería… A primeira imaxe que me vén á cabeza achégase bastante a unha especie de casa dos horrores; mesón castelán carente en absoluto de atractivo, sen unha liña decorativa que marque estilo; só os cogomelos (presentes mesmo nas caducas cortinas) e unha ampla dose de autocompracencia a través de fotos e recortes de prensa que exaltan a fantástica cociña do Empalme, e soltadas polas paredes ao chou, sen o mínimo interese de agradar á vista do visitante.
E tampouco vaias ao Empalme esperando un sorriso, unha palabra amable, un derroche de amabilidade. Porque podes atopar que Gloria, dona, cociñeira e alma mater do Empalme (xunto con Elías e os seus viños), e nada más entrar, che meta na man un matamoscas e che pida que elimines aquelas dúas que revoan por alá arriba, e que logo che rife por deixar o teito sementado de cadáveres; ou que sen previo aviso che arranque o garfo da man e comece a remexer no teu prato para identificar as setas que che tocaron en sorte; ou que non che informe, xa non dos pormenores da receita, senón simplemente do que estás a meter na boca (de feito preguntamos un par de veces ao camareiro pero seica teñen prohibido dar ningún tipo de información); ou mesmo che pode tocar unha mala contestación se, por un aquel, nun momento determinado cambia o vento. Tamén se pode dar o caso de que despois de pagar os trescentos euros da comida, resulte que entre os seis bebestes tres botellas de Parlaor (roble de Toro) e non dúas, e vos pida a maiores outros 10€.

Pero, insisto, hai que ir.
E gozar da comida.
Cando menos unha vez na vida.

El Empalme
Gloria Lucía

Estrada Nacional N-525, km 52
Río Negro del Puente (Zamora)
980 752 016
www.restauranteelempalme.com
GPS: 42.010694N  6.263111O
Cociña: caseira, tradicional, setas
Prezo: menú degustación 50€; carta 30-40€
Peche: domingo noite; luns
Repsol: 1 sol