muralha de caminha

Muralha de Caminha. Praza de España, Caminha (Portugal). 258728199. Local portugués como nos vellos tempos; ampla carta de pratos rexionais e tradicionais, ben elaborados e a uns prezos sen competencia.

Muralha de Caminha Tarxeta

Portugal, por motivos económicos, chegou tarde ao estoupido inmobiliario dos anos sesenta.
Este feito, en principio negativo, converteuse no mellor aliado na conservación dun patrimonio arquitectónico histórico que en moitos casos desapareceu baixo a presión do crecemento incontrolado de cidades e pobos. En Vigo temos unha triste lista de edificios que despareceron ao longo do século XX (e, incluso, xa no XXI, cunha visión crítica moito máis desenvolvida, vimos caer a estación de tren de Urzáiz). Os cines (Odeón ou Royalty), os mercados (Progreso), o patrimonio modernista (moitos, pero sirva como exemplo o edificio Rubira) ou mesmo os castelos (o de San Sebastián recibiu a puntilla para construír no seu lugar a casa do concello). Cuestión á parte sería o deterioro e perda do ríquisimo patrimonio industrial da nosa cidade.
No extremo contrario están un milleiro de pobos e pequenas cidades portuguesas que manteñen, con afouteza, o seu legado arquitectónico.
O exemplo máis significativo pode ser o caso de Viana. Camiñar polo Passeio das Mordomas da romaria, pola avenida dos Combatentes da grande guerra, ou por ruelas como Gago Coutinho, da Bandeira ou Manuel Espregueira, para caer, inevitablemente na Praça da República é un luxo que temos aí ao lado. Atoparemos toda a historia da cidade, desde as construcións medievais ata os precursores da arquitectura moderna, pasando por unha incríble sucesión de edificios barrocos. E logo, claro está, e ser necesidade de destruír o que temos, unha exposición inesgotable da arquitectura máis actual. Abonda con deixarse caer pola zona da alameda e da praça da Liberdade para atopar reunidos, en tres edificios moi significativos, os tres grandes da arquitectura actual portuguesa: a propia praza e o edificio de servizos de Fernando Távora, a biblioteca de Siza Vieira e o centro cultura de Souto de Moura.

Viana do Castelo

Ao seu nivel, Caminha é outro bo exemplo. Comezando polo Terreio (coa Torre do Relógio, a Porta medieval ou chafariz, e para perdernos por ruelas que conducen á Sé e que nos levan, tamén, ao mercado. O paseo abeirando o Minho ata a Foz é un luxo ben barato.

E logo, para pechar a mañá, unha boa comida.
Caminha sempre foi boa praza mariñeira, polo mercado en si, pero tamén polos numerosos restaurantes que se foron sucendendo na cidade. Os que xa temos unha certa idade devecemos por nomes como aquel Napoleón (en Seixas), o Solar do pescado (aínda vivo), o Foz do Minho (o arroz de marisco!), O barão, Conde de Caminha, etc.

Hoxe, no tocante a oferta tradicional, seica o Muralha de Caminha é o local máis significado dentro, e tamén fóra, para moitos galeguiños que imos comer o sábado despois de gastar solas dos zapatos na feria de Cerveira.

O Muralhas está nun lugar privilexiado. En primeira liña de mar (neste caso do aínda vivo río Minho), xusto a carón da igrexa matriz (un magnífico exemplo de arquitectura manuelina con elementos góticos puros anteriores e algunha influenza, xa, renacentista).
No tocante á idade, non é un clásico. É un restaurante cuns poucos anos de vida que aproveitou para facerse unha sona, hoxe, moi asentada.
Por fóra ten un toque moderno que anima a entrar. Xa dentro atopamos un local amplo e luminoso cun segundo comedor interior; se o tempo o permite, tamén terraza. A decoración é austera, sinxela, sen pretensións pero tamén sen disonancias.
Estamos a sábado, temos reserva para as 2 e, cando chegamos só hai dúas mesas libres, a nosa e outra que se ocupa case que inmediatamente; o resto (tamén o comedor interior) totalmente ateigado de xentes locais; a medida que comemos, as mesas vanse desaloxando e son ocupadas, nunha segunda quenda, esta vez por españois.

Muralha de Caminha Manteiga

A carta é moi ampla, con moitas especialidades do mar, pero sen descoidar a carne. Cómpre subliñar que vén especificada coma nos vellos tempos: en moitas das especialidades diferenzan entre a dose (para 2 pessoas) e a meia dose (para un).
Entre as entradas, Amêijoas à marinheiro (500 gr, 14.30€), Gambas al Guillo (12), Alheira de Mirandela (7.40), Tábua de queijos (9.50), Salpicão do cachaço fatiado (7€), Chouriça de cebola grelhada (7.30), sopa do día (2.70) ou variedade de ensaladas.
Peixes: Polvo à lagareiro (dose, 38.50€), Feijoada de marisco (dose, 33€), Arroz de tamboril (dose 33.50€), Bacallau com broa (15.50/29.50 euros), Bacalhau com natas (13.50/24.50), Dourado… E, tamén, peixe fresco dependendo do mercado: Robalo da costa grelhado ou Lumbrigante da costa.
Entre as carnes destacan o Lombo de boi à pementa (considerado especialidade da casa, 19.80/36.50 euros), Lombo de boi na telha, Picanha á brasileira (34.80€), Bife à Chefe (29€) ou o Pernil assado no forno (27.50 euros para dúas persoas).

Muralha de Caminha Salgadinhos

Para comezar conformámonos co ‘cuberto’: a manteiga, paté de sardiña e os ‘salgadinhos’ (a un euro a unidade); un boliño bacallau e un rissol de carne para cada un; calquera dos dous, excepcionais; gosto máis do boliño, pero é unha teima persoal, é un bocado do que gozo especialmente…, e este está realmente moi, moi bo.

Muralha de Caminha Pescada
Muralha de Caminha Bacallau

De prato principal, dúas opcións moi similares: os lombiños de pescada e o bacalhau à Muralha. En ambos casos veñen en barro directamente de forno, gratinados e con puré.
O meu, o bacallau, está perfecto; un moi bo bacallau, perfectamente desalgado e cociñado con man experta. A pescada, tamén, pero resulta moito máis suave no sabor, non ten a forza do bacallau. Lembroume o prato mítico do non menos mítico Napoleón; alí servía o bacallau dun xeito moi semellante pero a bechamel e o bacallau levaban tropezóns de gambas cun resultado que é deses que persisten na memoria.

Muralha de Caminha Tarta Bolacha
Muralha de Caminha Pera Bebeda

O Bolo de bolacha e a Pêra Bêbeda. Ademais dunha boa oferta de xeados, especialidades típicas dun local destas características entre as que non pode faltar, por exemplo, o Leite Creme, mousse de chocolate ou Baba de camelo. As sobremesas manteñen moi dignamente o nivel da comida. Unha das miñas debilidade, a pera, cargadiña de canela e intensa de viño, gústame moito.
Para beber, auga, garrafa de Crasto tinto Douro pequena e café. Pagamos 27 euros cada un, que para o que comemos, non está nada, nada mal.

Muralha de Caminha
  • Praça de Espanha
  • 4910-164 Caminha (Portugal)
  • +351 258 728 199
  • GPS: 41.877997N, 8.839491O
  • Facebook
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 25-30 euros
  • Peche: mércores