Mesón Barcelona. Rúa Barcelona, 5, Vigo. 986410392. Bodegón de toda a vida que mantén toda a súa esencia tanto na feitura como na carta. Cociña tradicional e menú do día.

Lembro cando de mozo iamos ao Barcelona a tomar o viño xunto cunha tapa de porco, o fociño, o lacón, a orella… Eran das mellores do noso círculo de experiencias.
Hoxe, tantos anos despois, fomos a probar o cocido.
Dicir que o espazo apenas ten cambios; si un pouco no calexón de entrada, pero abaixo, no comedor, apenas novidades; nin na decoración nin no mobiliario.
O servizo actual ben, pero un tanto mecánico.
A carta, cada vez máis ampla en oferta.
Entrantes: Peixiños Fritos (10,00 €), Ensalada Completa (8,00 €), Empanada de Bonito (4,50 €), Orella á feira (Con pimentón picante y aceite de oliva 9,00 €), Croquetas de Chocos na súa Tinta (11,00 €), Sopa de Cocido (4,50 €), Morro á feira (9,00 €), Pemento de Padrón (7,50 €), Polbo á Feria (20,00 €), Luras Fritas (13,00 €), Caldo Galego (4,50 €)…
Carnes: Cordeiro ao forno ou estufado (17,00 €), Milanesa de Tenreira (13,00 €), Chuleta de Tenreira (15,00 €), Xamón Asado (11,00 €), Solombo á pementa ou ao Porto (22,00 €) Entrecosto á Pementa (17,00 €), Tenreira Asada (13,00 €), Callos (10,00 €), Lingua Estufada (13,00 €).
Peixes: Linguado á Prancha (22,00 €), Bacalao (á Galega, cocido, na prancha, 18,00 €), Peixe sapo (cocido, na prancha, (18,00 €), Peixe sapo na cazola (22€), Pescada (romana, á galega, na prancha, (15,00 €), Paella de marisco (22,00 €)…

E, os xoves, cocido.
Pero antes de entrar en faena, e como no mellor dos furanchos, unhas lascas de queixo manchego para acompañar o viño (un tinto da casa que non pasa do aceptable).


De cocido, e por decisión do camareiro, traen unha ración e media, que vén sendo o que vedes.
Entre as carnes, tenreira, lacón, orella, costela e touciño de febra; chourizo de carne e de cebola; pataca e verdura.
A calidade do produto, en xeral, é excelente; as cantidades, salvo algunha excepción, suficientes aínda que algo desequilibradas; nalgún caso son excesivas e noutros, o touciño, insuficientes (un anaco non moi grande para os dous). Todos os ingredientes tiran a pouco cocidos; ou quizá son eu, que gosto do cocido moi cocido.
Con máis luces que sombras, o cocido paga a pena.


Boa oferta de doces e, ante a falta dos típicos do cocido, decantámonos pola tarta de galleta e o flan de café. Os dous caseiros e moi ricos.
Con auga, o viño mencionado e café pagamos 25€ cada un.
Tras unha análise de todas as variables coincidimos en que se trata dun prezo un pouco alto.
A ración de cocido custa 24 euros; o cocido, sen máis; a este prezo hai que sumarlle os complementos que entran na maioría dos cocidos, ben sexan como menú do día, ben como oferta de carta. Nestes 24€ non entra a sopa (4.5€ en carta), o viño, o postre ou o café.
A comida, o cocido, está moi bo, pero creo que deberían adecuar os prezos ás características do local e da súa oferta.
Mesón Barcelona
- Rúa Barcelona, 5,
- 36203 Vigo (Pontevedra)
- 986 410 392
- mesonbarcelonavigo.com
- GPS: 42.228139N, 8.721703O
- Cociña: tradicional, tapas
- Prezo: 25-35€
- Peche: luns e martes; mércores, xoves e domingo noite