O bar La cueva, en Cabeiro, Redondela, é unha magnífica opción para un marisquiño e un peixe a prezos económicos. Tamén para un interesante menú do día por 10.50 euros.
Xa falamos en varias ocasións da fonte de virtudes gastronómicas que é a estrada que baixa de Peinador a Redondela.
Se hai cousa dun mes escribía sobre o cocido, rústico e pantagruélico, de Casa Pozas, hoxe a quenda é para o bar La Cueva.
Tiñamos ido en varias ocasións, mesmo para algunha celebración familiar, pero, non sei por que, ata hoxe non se me ocorreu dedicarlle unha entrada.
A carta ten os seus mariscos (Gambas 11€, Zamburiñas 16€, Bruño 20€, Camarón 9€, Ameixa á mariñeira 12€), as tapas (Polbo, segundo tamaño, 10, 17 ou 24€, Empandas, de polbo ou bacallau, 4.5€, Croquetas 4€, Fideo con ameixas 7€), os peixes (Peixiños fritidos –chincho, rapante, castañeta, acedía, faneca, lorcha– 10€, Pescada 10€, Coruxo, peixe sapo,… 16€), e, xa por fin, as carnes: Costela de 400 gr 14€, de 750gr 20€, Xamón asado 7.50€, Entrecosto 14€, Raxo 8€, Carne ao caldeiro 9€).
A comida de onte cadrounos por alí e paramos para probar o menú do día.
Primeiros pratos: caldo, xoubas ou rapantes pequenos; prato principal: carne guisada, rapante grande, croca ou raia.
Coincidimos nunhas xoubas que están de auténtico escándalo, boas e fritidas con mestría, cero graxa e cero olores contaminantes, como adoitan ser, os de aguerridos aceites batidos en mil e unha batallas.
A croca na prancha con patacas fritidas e o rapante con pataca cocida. Mellor, con diferenza, a croca; cociñada no seu punto e moi zumarenta, saborosa. Cando se trata dun peixe que non está ao cen por cen das súas cualidades, sempre é máis recomendábel a parte da cola que a cabeza; a cabeza é un bocado exquisito en condicións óptimas. Tocoume a metade da cabeza e estaba ben, pero non para moitos foguetes.
Con viño tinto da casa a rodar, 10.5€; con café, coma no meu caso, 11€.
A do bar La Cueva segue a ser unha cociña de diario moi interesante; os prezos, tamén de diario, fana aínda máis apetecíbel.
Bar La Cueva
Estrada de Negros 98
36813 Redondela (Pontrevedra)
986 402 444
GPS: 42.249646N, 8.627085O
Cociña: tradicional, caseira
Prezo: menú do día 10.50€
Peche: martes