mary quintero

A imaxinación no interior dun estudo. Exposición de fotografías de Mary Quintero (Melide, 1931). Museo do Mar de Galicia, Vigo. 26 de outubro 2023 a 28 de xaneiro de 20224.

Expo Mary Quintero Cartel

Mary Quintero fotografou a varias xeracións de vigueses e viguesas. Ao longo de máis de cincuenta anos de actividade, pasou por diferentes momentos no seu xeito de entender o retrato e foi innovadora no uso de técnicas como o retoque fotográfico ou o uso do proxector de fondos para o retrato.
Esta exposición, con fondos do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra quere amosar algúns dos materiais máis destacados da colección desta fotógrafa viguesa recoñecida internacionalmente, materiais de grande interese para entender a sociedade galega contemporánea, en xeral, e a viguesa en particular.

Expo Mari Quintero Composición

Filla de pais fotógrafos, que velaron pola súa formación fotográfica, con 15 anos (falamos de 1946) Mary Quintero realiza a súa primeira exposición; con vinte, xa era unha fotógrafa recoñecida pola súa habilidade para colorear as súas propias fotografías.

A mostra está organizada seguindo dous eixos, un, cronolóxico, no que descubrimos a evolución da fotógrafa no tocante ás técnicas utilizadas, e un segundo eixo máis temático, que asoman os mundos fotográficos de Mary Quintero, o retrato en si, o entroido, o teatro, etc.

Expo Mari Quintero Coloreado
Expo Mari Quintero Coloreado

Os primeiros tempos (décadas de 1950, 60 e 70) céntrase no coloreado dos seus retratos que xa destacan polas cualidades de composición, iluminación, etc. Cunha técnica depurada, moita paciencia e unha sensibilidade especial para a selección de cores, transforma as súas fotografías en obras moi próximas á pintura; grazas a este diálogo coas artes plásticas, eleva as súas fotografías á categoría de obras de arte.

Expo Mari Quintero Suavidade

Nos anos sesenta, influída polo bum internacional de David Hamilton, adopta un estilo moito máis suave dominado polo efecto flou, as cores suaves, os tons cálidos, etc. Paralelamente, e no seu traballo de aproximación a outras artes plásticas, realiza transferencias de fotografías a lenzos.

Expo Mari Quintero Fondos

Para Mary Quintero, centrada na fotografía de estudo, a gran innovación dos anos setenta foi o proxector de fondos. Pioneira nesta técnica, o seu virtuosismo chegou a convertela nun referente na profesión.

Expo Mari Quintero Movida

Os oitenta foron os anos da Movida e Mary Quintero non permañeceu allea aos cambios sociais e nos mundos das artes. Influenciada pola estética Punk, evolucionaría cara a unhas imaxes con moitísima máis forza, moi lonxe dos ambientes melancólicos e esvaídos da etapa anterior. Soubo achegarse á realidade social e realizar retratos que reflexeban a modernidade do momento. Luces fortes, estética ambiental negra e reflexos que proxectaban os ambientes da época.

Expo Mari Quintero Experimental

Paralelamente, e como expoñente da súa época, durante os anos setenta, oitenta e noventa, Mary Quintero procurou novidades dentro da fotografía experimental. Buscou solucións na luz negra e o contraste extremo, no cambio de tempos de exposición, efectos de zoom, uso de filtros, varridos, etc., sempre coa idea de crear unha nova perspectiva da imaxe.

No tocante aos temas, e sempre dentro do que é o retrato de estudo, traballou temas do mundo do espectáculo, da actualidade social e política da cidade, do entroido, a ambientación e o xa mencionado da fotografía experimental.

Expo Mari Quintero Espectáculo
Expo Mari Quintero Teatro
Expo Mari Quintero Teatro
Expo Mari Quintero Retrato
Expo Mari Quintero Retrato
Expo Mari Quintero Retrato
Expo Mari Quintero Retrato
Expo Mari Quintero Retrato
Expo Mari Quintero Retrato
Expo Mari Quintero Ambientación
Expo Mari Quintero Entroido
Expo Mari Quintero Experimentación