A Taberna Morro Fino, rúa Serafín Avendaño de Vigo, apunta moi boas maneiras. O menú de degustación (39€) resultoume redondo. Variado, xusto nas proporcións, ben elaborado, con ritmo… Unha sorpresa.
Malia a calificación de ‘taberna’, que podería despistar, pois é, en todo, a antítese dunha taberna tradicional, Morro Fino fai honor á súa sona.
‘Morro fino: dícese da persoa de padal esixente e fino, que non se conforma con calquera cousa que lle boten no prato’.
Pois iso, a Taberna Morro Fino non defrauda aos comellóns de morro fino.
(imaxes do portal da COAG)
O primeiro que sorprende é a decoración: premio Gran de Area 2018 de aportación á arquitectura do COAG (arquitectos Fuertes-Penedo). O proxecto de reforma partía de catro presupostos: a amplitude do local, o presuposto limitado, as ideas claras sobre o tipo de negocio e o protagonismo que se lle quería dar á cociña, converténdoa en partícipe da unidade do local. O resultado, unha ‘taberna contemporánea’.
Trátase dun local moi diáfano, informal, rabiosamente moderno, no que se mesturan á vista diferentes materiais con acerto, cun resultado equilibrado, agradable, moi urbano. Por momentos (algúns cadros das paredes) divertidamente irreverente.
Unha gran barra separa a zona de cociña (aberta) da de mesas; ao fondo, un espazo separado por un tabique de ladrillo visto, cunha mesa para grupo mediano.
Persoal profesional, competente, no seu lugar pero próximo, preocupado en todo momento pola nosa satisfacción e pola opinión sobre cada un dos pratos que van traendo con moi boas maneiras.
A carta que prepara o chef Víctor Fernández resulta moi atractiva dentra da súa mestura de técnicas tradicionais, produtos locais, aportacións internacionais e a creatividade e depurada técnica do cociñeiro. Os pratos non son porque si, porque está de moda este condimento ou aquela preparación e imos xuntalos a ver que pasa. Non. Percébese de xeito moi nítido que os pratos están profundamente meditados e traballados. É a parte fundamental do éxito que lle auguramos. Aporta un plus importante a esa chea de locais de medio pelo que se limitan a copiar ‘pratiños’ ou a mesturar ideas ao chou, sen ton nin son.
Este concepto tamén aporta un pequeno plus ao resultado final da conta pero, creo, totalmente xustificado.
Atopamos propostas como O Tiradiño de xurelo en escabeche con nori (11,95€), o Steak tartar con alioli de allo negro (14,95€), as Cocochas confeitadas con setas (13€), a Pizza de mozzarella de búfala e vexetais (9.95€), o Canelón de polo de casarío con salsa pepitoria (12,5€), etc.
Entre os pratos máis potentes están o Arroz de carabineiro e costela de porco (16.95€), o Rabo de vaca con crema de pataca (16,95) ou o Lombo de vaca vella con piquillos confeitados e patacas (17,95).
Curta, e algo extraña, carta de viños. Comemos con auga e unha botella de Adobe (Ribeira Sacra 2017, 15,15€).
Pedimos o menú de degustación (39€) e para abrir boca obséquiannos cunha manteiga de pemento da Vera (exquisita) e uns nachos con mollo.
Todos os pratos do menú están na carta e a festa comeza pola Vieira de Cambados, crema de allo porro e migas crocantes. Bo comezo. Atípica preparación da vieira pero resultona; a mestura das textuas e sabores funciona moi ben na boca.
Gofre de pataca con kimchee e anguía afumada. Para min, persoa de sabores fortes e adicto a anguía en todas as súas preparacións, un dos momentos estelares da comida.
O ‘gofre de pataca’ crocante e moi rico, sen graxa, e a enguía afumada potente pero sen pasarse, moi saborosa; e, por fin, a salsa coreana, aporta frescura sen enmascarar os sabores. A mestura, unha ledicia.
Tartar de atún vermello picante con ovos rotos.
Moi ben. Quizá o máis obvio de todos os pratos pero non por iso menos rico. Perfecta elaboración.
Orella, gamba doce curada e salsa brava cítrica. A orella, prensada e moi torradiña, fantástica; quizá o segundo bocado do día; e a mestura mar-terra produce un cúmulo de sensacións no padal que transforman o prato nun éxito absoluto. Delicioso.
Big duck con mantou. Ou sexa: hamburguesa de pato con lascas de queixo por riba, boliño de pan chinés, xeado de mostaza verde e esferas de mostaza. Rompedor. Moi equilibrado na súa variedade. Póñoo no terceiro lugar do menú.
E, xa por fin, as dúas sobremesas. Escuma de laranxa, amorodo e froitos vermellos. Bo final. A delicadeza da escuma, o frescor do xeado, o estoupido dos anacos de morotes…
Non é o típico flan. Así vén na carta. E, en efecto, resulta diferente. Especialmente suave, moi, moi cremoso, coa capa superior triscante… Moi rico. O remate perfecto.
Agradecemos especialmente que o menú traia dous doces en vez dun prato máis de salgado e unha soa sobremesa. É un pequeno detalle que, para os nosos gustos, aporta un punto extra ao menú de degustación.
Son moitos os detalles que destacan a Taberna Morro Fino da media de restaurantes do seu nivel. Fixádevos, por exemplo, nas fotos, na varidade e oportunidade da vaixela.
Ademais do empratado dos alimentos, os propios pratos forman parte da escenificación: axústanse en cada caso ao que levan por riba.
Como exemplo aí vai nha vista completa do prato de enguía (sobre unha especie de pizarra grosa e non moi traballada, que trae labrada a espiña dun peixe)
Unha gran experiencia lonxe da media local. O Morro Fino de Víctor Fernández empeza a correr no boca a boca, no díxomedixome e xa sabemos o porque. A pesar de ser, coma quen di, un recén nacido, comeza a ser visita obrigada en Vigo.
A visita non pode deixar indiferente e con toda probabilidade vai ser do agrado das persoas que, admitindo ou non que o teñan, si gozan dese morro fino.
Taberna Morro Fino
Víctor Fernández
R/ Serafín Avendaño 4
36201, Vigo (Pontevedra)
886 114 204 / 698 119 477
Web
Facebook
GPS: 42.238395N 8.712836O
Cociña: moderna, actual
Prezo: menú degustación: 39. Carta: sobre 30€
Peche: domingo noite; luns