lucía freitas

Desfrutar dun menú de degustación de Lucía Freitas en Lume  -8 momentos- custa 40€.
Vela a ela trasfegar con calquera labor que se lle poña por diante, non ten prezo.

Lume Lucìía Freitas 02

Os fados, sempre caprichosos, quixeron que esta semana se centrase nos menús máis accesibles dalgunhas das mellores cociñeiras galegas.
Se o pasado mércores era o Loaira de Iñaqui Bretal, onte correspondeulle a quenda ao Lume de Lucía Freitas.

Non podo meterme en fariña sen antes expresar a miña admiración por esta cociñeira.

Lume Lucìía Freitas 03

Como ben escribía na entrada correspondente (Menú do día na Tafona en Compostela), coñecín A Tafona, alá por 2012, grazas ás Paparotas de Manolo Lago; e quixo a casualidade que o día que o inauguramos, o gran pope do Internet gastronómico galego tamén andase por alí.
A experiencia do menú do día que viña de saltar dos 12 aos 15€ foi brutal; aquel menú empezou a espertar o interese coa sona de ser un dos mellores dunha xeografía moi ambiciosa (Galicia?, España? o mundo enteiro?).
A Lucía, efectivamente, abriulle as portas do mundo e provocou o seu saltou a Nova York co seu Tomiño.
Había que repetir e volvemos en novembro de 2017; había que degustar a cociña de Lucía Freitas en toda a súa intensidade e o título da entrada fala á perfección do que nos atopamos: Aposta decidida por un lugar na elite.
O cambio, a madurez, a afouteza, o salto adiante sen trazas de vórtice anunciaban que algo estaba a pasar e que os recoñecementos eran obrigados; para moitas, xa tardaban en chegar.
E por fin pasou, en 2019, o salto definitivo á elite gastronómica, a subida ás nubes, ao Sol de Repsol, en febreiro, e, en novembro, ás estrelas Michelín.
Só un ano despois, 2020, Lucía Freitas facíase merecedora do segundo Sol.

Un ano espectacular polo que houbo que loitar moito.
En diferentes entrevistas Lucía lembra os momentos en que A Tafona e ela eran unha, ela era todo na Tafona, cociñeira, camareira, fregapratos, porteira e, se facía falla, limpadora; interminables sesións de traballo que podían pasar das 15 horas diarias.
Unha parte importante da loita centrouse en facerse un lugar nun mundo non só de homes, senón, e tamén, profundamente machista. Multiplicar por cinco ou por dez o traballo para poder estar na mesma liña de saída que os cociñeiros (masculinos) cando empeza a competición de verdade.
Hoxe, onte mesmo, en Lume, con todos os seus galardóns e estrelas no ombreiro, podemos observar a Lucía en labores de soldado raso, con absoluta normalidade e sen que se lle caian os aneis; servindo as mesas, cortando o pan, sacando a vaixela do lavalouzas ou mesmo poñendo o casco e montando na moto para levar un pedido a domicilio.
Teimosía, traballo duro, cordialidade, fortaleza, modestia, sinxeleza, feminismo.
Toda a miña admiración por unha muller así.

 

Lume Lucía Freitas Facebook
(Imaxe do Facebook de Lume)

Lume é un local moi pequeno, na milla de ouro da gastronomía compostelá (arredor da praza de abastos), deseñado para resultar cómodo, divertido e, cando as restricións o permiten, moi, moi versátil.
Ofrece, unicamente, dous menús: un curto, o Miúdo de 32€ persoa (5 pratos), e o Lume, 40€, 8 momentos. Antóllaseme que o Miúdo pode resultar un chisco escaso e que paga a pena poñer 8€ por riba para degustar en toda a súa extensión e intensidade os sabores de Lucía Freitas.

No tocante á filosofía, rescato unha frase dunha entrevista na Voz de Galicia (xuño de 2016) despois de proclamarse segunda mellor cociñeira de España. Di Lucía: sempre tiven unha cousa moi clara, como cociñeira son moi sensata. Teño unha liña de cociña clara e sei que é o que quero facer. Pratos moi galegos. A cociña de A Tafona é moi de mar, moi de horta propia. Teño unha cociña cunha base moi tradicional, con produtos galegos e de tempada.

E velaí o resultado, na súa variante máis popular, en Lume:

Lume Lucìía Freitas 05
Empanada líquida de zorza

Lume Lucìía Freitas 06
Croqueta cremosa de sardiña afumada e pementos de Herbón

Lume Lucìía Freitas 08
Aguachile de espárragos brancos, bok choy e améndoa

Lume Lucìía Freitas 09
Ovo de kika, chícharos, tirabeques e sansho

Lume Lucìía Freitas 10
Pesca de Rías. Pescada en mollo verde con

Lume Lucìía Freitas 12
Mogote ibérico de landra á brasa, teriyaki e verduriñas do horto

Lume Lucìía Freitas 13
Mango, paixón e framboesas

Lume Lucìía Freitas 15
Piña flamexada, ron, xeado de leite fresco e faba tonka

Non vou caer na tentación de analizar prato por prato. Os nomes están aí e definen ás claras a intención de cada un dos bocados que metes na boca e os aromas que che entran polo nariz.
Variedade, equilibrio, produtos galegos clásicos traballados con técnicas depuradas e, ás veces, cunha deconstrución pícara e transgresora das receitas máis tradicionais; aparicións constantes pero medidas de ingredientes de importación adaptados á propia terra; en fin, un menú completiño do que quero destacar outro aspecto que se me antolla fundamental: a medida milimétrica das cantidades; para que cada bocado sexa suficiente para saborear, no límite de querer aínda máis, e sen chegar ao momento odioso en que empeza a empapuzar; un conxunto no que chegas aínda fresco e con todos os sentidos alerta ao momento da carne e que valoras como de proporcións perfectas mentres arrepañas do prato os últimos suspiros do xeado de leite fresco.

Unha visita inevitable no panorama actual da gastronomía galega.

Lume
Lucía Freitas

Rúa das Ameas 2
Santiago 15704 (A Coruña)
981 56 47 73
GPS: 42.879772N, 8.54171O
Facebook
Instagram
Cociña: Actual, galega con matices asiáticos
Peche: martes (durante as restricións, confirmar horarios)
Prezo: menú degustación: 32 ou 40€
Repsol Recomendado
Michelín Recomendado