lugares olvidados

Con isto das autopistas e autovías acabas por perder o sentido da viaxe e no único que pensas é en chegar. Turismo no lugar de viaxe.
Orixe, destino, distancia total, custo, tempo… Banalidades.
Todo o que queda no medio deixa de existir. O camiño en si deixa de selo.

     Restaurante Ferrugem 1

Agora, entre Vigo e Porto, apenas unha paradinha en Viana (Segredos do Mar, O Camelo), algunha que outra excursión ao interior (A Carvalheira, Costa do Vez), ou aquela transgresión na que o restaurante resulta ser fin en si mesmo (Ferrugem).
Logo, polo medio, miles de lugariños que afogan nas propias veleidades do progreso.
E, con eles, ducias dos seus restaurantes clásicos que sobreviven esquecidos dos españois e sen que se lles recoñeza o que realmente valen e o que lograron, cara ao exterior, pola cociña portuguesa.
O Camelo de Apúlia, Casa D’Armas, O Machado, Ibraim, Romando, Pedra Furada…

o_marinheiro
Imaxe: todocoleccion.net

O martes, aproveitando que Alfonso e José collían o avión en Matosinhos ás catro da tarde, caímos, sen premeditación pero quizá con aleivosía, no Marinheiro de Póvoa.
Había cousa de dez ou quince anos que non nos pasabamos por alí. Unha das últimas, con Pepe e Merce para celebrar a chegada de Anxo…
Anxo xa é estudante universitario…

P1050515     P1050521

O Marinheiro conserva a estética de barco ancorado en terra firme que o fixo famoso alá polos anos sesenta. Iso si, está perfectamente mantido e actualizado.
Nos tempos que vivimos, segunda década do século XXI, a estética dos camareiros vestidos de branco impoluto, disfrazados de auténticos mariñeiros, chirría un pouco, resulta un tanto anacrónica.

Restaurante O Marinheiro 04     Restaurante O Marinheiro 05

O paradigma de O Marinheiro segue a ser, tamén, o mesmo que o aupou ao lugar que ocupa: o mellor produto do mar de Póvoa; peixes e mariscos de primeira cualidade que se preparan ao gusto do comensal. Ademais, algúns clásicos da cociña portuguesa. Suficiente carta de viños da que pedimos un Quinta do Regueiro, Alvarinho Reserva de 2010; excelente relación cualidade-prezo.
Perfecta diferencia na carta entre racións completas e medias dosis.

Restaurante O Marinheiro 07     Restaurante O Marinheiro 08

Despois dos entrantes (manteiga salgada, paté de atún, xamón, melón), Alfonso pide arroz de marisco (media) e José e mais eu o bacallao con broa (unha ración para os dous). Cantidades máis que suficientes e preparacións na liña que os fixo famosos.

Restaurante O Marinheiro 09     Restaurante O Marinheiro 10

De sobremesa tomamos unha filloa (crêpe) recheada con xeado de vainilla e flambeada con augardente velha, e outra, tamén con xeado, pero con chocolate fundido e nata. Moi boas. As filloas mesmo apuntaban un fermoso encaixe.

Restaurante O Marinheiro 06

Co viño, un auga e os cafés pagamos un prezo moi axustado, sobre os 23€ por persoa.
Polo espazo, o servizo, a materia prima, a cociña… e a conxunción de todo o anterior co prezo, un local esquecido que ben merece ser rescatado da memoria para ocupar o lugar que realmente merece.

Restaurante O Marinheiro
Rúa Gomes de Amorim 1842
(Estrada Nacional 13)
Fontes Novas / A Ver-o-Mar
4490-091 Póvoa de Varzim
Teléfono: +351 252 682 151
Fax: 252 682 151
GPS: 41.398139ºN  8.766641ºW
Localización en Mapas de Google
Michelín: Mencionado
BCBM: Mencionado