Hai un ano xusto, finais de 2010, visitabamos Laurel, restaurante de Toñi Vicente, daquela, en Noalla, Sanxenxo.
Aproveitaba a ocasión para escribir a miña modesta homenaxe a Toñi por todo o que representou no meu espertar e posterior camiñar por este mundo do coitelo e garfo.
O sábado fomos renovar votos, con Maru Diego e Roi -ten que ir afacéndose-, ao último proxecto de Toñi Vicente: un novo Laurel, no porto de san Adrián de Cobres.
Na súa entrevista ao Faro co gallo da inauguración, Toñi adiantaba que se trataba dun proxecto rompedor, un achegarse -físico e culinario- ás orixes, ao sur, a Vigo, á tradición, á cociña familiar do Pé do Muño alá por terras de Tomiño.
O contorno do restaurante é marabilloso. Unha palafita literalmente enriba do mar, sobre postes de madeira, no porto deportivo de san Adrián de Cobres (o local que antes ocupou o Noray).
O interior, aberto en todo o seu perímetro ao mar, mantén o ‘toque’ Toñi Vicente, un estilo que, antes dela, era difícil atopar nesta nosa Galicia. Ese plus de sinxeleza, de cores pastel tirando a neutras só rotas pola arte multicor que colga das paredes, un centro navideño aquí, claridade, limpeza decorativa, orde, delicadeza, sobriedade, equilibrio, cada cousa no seu lugar… Os asentos, algún cadro, a vella pintura de Laxeiro… iconas que levan con ela moitos, moitos anos e colaboran nesa certa sensación de regreso a casa.
A proposta, como prometera a cociñeira, é clásica, a propia dun local que ofrece ‘Pata con Garbanzos’ todos os xoves e ‘Lacón con Grelos’ os domingos. Ademais, e unicamente por encargo, un menú de degustación de 35 €, moi na liña do que tomamos hai un ano en Revolta (ver).
Entre os entrantes, algún marisquiño bivalvo (as ameixas fritas ao cilantro ou as navallas ás prancha) e moitos clásicos (as croquetas, empanada, o carpaccio de polbo, o salmón marinado, revoltos…).
Peixes centrados na pescada, o bacallao e o peixe sapo enfrontados a diferentes preparacións (á galega, á prancha…)
Das carnes, o magret de pato, o clásico solombo á pementa verde ou ao queixo de Cabrales (lembro cando o tomei por primeira vez no Síbaris…), perdiz en escabeche morno (que por certo hoxe non quedaba), etc.
Carta de viños bastante curta pero equilibrada e ben confeccionada tanto en denominacións como en prezos.
Malia a reconversión -en especial de prezos- Toñi non perde os bos costumes e obséquianos cun chupito de crema que, quente como vén, axuda a entonar os corpos e preparar os estómagos. Compartimos as croquetas, a empanada (de bonito) e unhas zamburiñas á prancha.
De prato, un pixín á prancha (Carmen), dúas de fígado de parrulo braseado sobre torrada, e eu o bacallao con cebola pochada e cachelos.
De sobremesa eu tomei a, tamén clásica, Torrada da miña nai con xeado de piña, Carmen a Torta de mazá quente con xeado de vainilla, e Maru e Diego o Coulant de chocolate.
Total, con cafés, augas e un Ébano (por certo, un Ribera que xa me sorprendeu no seu momento, que me gusta ben, e cunha magnífica relación calidade-prezo, moi válido para comer en restaurante), dicía que pagamos apenas os 30 euros por persoa.
Por moitos avatares que teña pasado nos últimos anos, Toñi Vicente segue a ser Toñi Vicente, coa súa man para os puntos de cocción, coa técnica, a experiencia acumulada ao longo dos anos, con ese especial sexto sentido para a cociña, coa súa tremenda sensibilidade…
Imaxinade o que pode resultar de dedicar todo o anterior a pasar unhas zamburiñas pola prancha, ou a ligar a bechamel para as croquetas, ou a preparar a torrada da nai e poñela de base a un figado de parrulo pasado pola brasa.
Un luxo. Un auténtico luxo… agora ao alcance de todos.
O que si, termos moi claro para evitar malos entendidos a que imos a Laurel.
Non a degustar as creacións que fixeron de Toñi Vicente a gran innovadora da cociña galega, a que sentou as bases do espléndido momento que hoxe vivimos, senón a aplicar todo aquilo a un simple solombo con patacas.
Laurel
Toñi Vicente
Porto deportivo. San Adrián de Cobres s/n
36142 Vilaboa
986 672 582
GPS: 42° 18′ o4.65″N, 8° 39′ 18.42″W
Localización en Mapas de Google