la radio de pepe solla

Pepe Solla ofrece en La Radio a súa versión máis roqueira, máis divertida, canalla, diría que máis auténtica. Propostas para compartir a base de pescada de Celeiro e porco Joselito.

La Radio Pepe Solla

Dentro do que é tendencia cada vez máis estendida á opción B dos grandes cociñeiros, esta de Pepe Solla pareceume, no tocante ao concepto, moi orixinal. A idea de pratos para partillar, a utilización de dous únicos ingredientes base, a decoración musical e desenfadada, en fin, a propia sona, La Radio, en alusión a ese pequeno cacharro que forma parte das nosas vidas e que axudou, de xeito protagonista, á formación musical de moitos mozos e mozas, a maioría, xa, e a día de hoxe, vellos.

Centeno, a segunda casa de Rafa, para facer asequibles as propostas de Maruja Limón; o marabilloso Lume, de Lucía Freitas, porta con porta coa Radio; ou Loaria, a versión tapería do Eirado de Iñaki Bretal, por citar os tres últimos nos que estuvimos e todos, sen excepción, acadando unha magnífica valoración.

La Radio Pepe Solla

La Radio está nunha vella casa da Praza de San Fiz, veciña íntima do mercado de Santiago. Orixinalmente, como a maioría das edificacións da zona, algo de granito nos marcos e moito branco, un encalado que pide moito mantemento pero que se fai moi atractivo á vista.
Dentro, mantense a liña exterior; iso si, adozada con moita madeira clara, formas rectas, e un sinfín de alusións aos dous protagonistas (porco e pescada), ao aparato de radio e a eses vellos roqueiros que nunca morren. Especial atención ás dedicatorias dos músicos que pasan pola Radio, ben no programa das xiras que percorren Galicia, ou directamente sobre a parede. Non faltan os dous monstros galegos: Iván Ferreiro e Joel López; o programa de Iván sóame coñecido (Ansiedad, Tupolev, Casa, Bosson de Higgs, La otra mitad…), quizá do penúltimo concerto nese lugar común a toda esta xentalla que é o Náutico de O Grove.

La Radio Pepe Solla

A carta, coa estética do local, ofrece toda unha exhibición de orixinalidade para sacar todo o que pode haber dentro dunha pescada de Celeiro ou dun porco ibérico Joselito.
Que che apetece? O noso boliño pastrami (7.5€), Xamón ibérico puro Joselito con pan e tomate (24€ 80 gr), Bikini de Celeiro (12.5€), Pescada, curri vermello e setas (15€), Cachopo-coulant ibérico (19€)…
De noso forno Josper. Darne de pescada glaseado (12€ 100gr), Cogote de pescada coa nosa Donostiarra (8€ 100gr, dependendo do mercado), Costela Joselito (11.5€ 100 gr), Mogote e mole verde (14€ 100gr)…
Podes acompañalo con… (4.5€) Ensalada de rebentos e aliño alegre, Patacas cuarteirón con maionesa picante, Verduras escalivadas, Puré de boniato asado.

Ademais, catro menús de intensidade e prezo crecente: o máis básico é o menú Punk (tartar ibérico, cunca-croqueta de pescada kimchi, brioche de rabiño, ensaladilla pescada crocante e maionesa de encurtido alegre, ventrecha ibérica Joselito e sobremesa) por un prezo de 35€.
Logo están o Indie 45€, o Rock 55€, e o Festival. O máis longo, o Festival, ofrécese unicamente previo encargo e está composto por: tartar ibérico, bikini de celeiro, cunca-croqueta de pescada en salsa verde, taco crocante de pescada kimchi, brioche de rabiño, san choi de abanico ibérico, pescada curri vermello e setas, dame de pescada glaseado, mogote e mole verde e sobremesa.
En todos os casos o prezo é polo menú; as bebidas son á parte.

Decidimos probar algo intermedio e pensamos no menú Indie.

La Radio Pepe Solla Caldo de gloria
O aperitivo: o Caldo de Gloria de Rosalía
Repolo asado, sopa de peixe e toques asiáticos

La Radio Pepe Solla Tartar de porco
Tartar ibérico
Maionesa, mollo de mostaza, pataca suflé

La Radio Pepe Solla Empanada
Empanada de pescada
Con allos porros e setas

La Radio Pepe Solla Croqueta de xamón
Croqueta moi cremosa de xamón

La Radio Pepe Solla Croqueta de pescada
Cunca-croqueta de pescada en salsa verde

La Radio Pepe Solla Taco crocante de pescada
Taco crocante de pescada kimchi

La Radio Pepe Solla Brioche de rabito
Brioche de rabiño

La Radio Pepe Solla Ensaladilla e pescada crocante
Ensaladilla e pescada crocante
Con maionesa de encurtido alegre

La Radio Pepe Solla Ventresca Ibérica Joselito
Ventrecha ibérica Joselito
Con ensalada de rebentos

Un magnífico menú, variado, heteroxéneo e abundante, por 45 euros.
Moi, moi difícil salientar un sabor por riba dos demais; todos, sen excepción, están a un gran nivel de idea e execución.
O Caldo de Gloria de Rosalía destaca pola súa orixinalidade (e risco) no versionado. Moi lograda a conxunción de sabores para o caldo definitivo.
Os mollos do tartar danlle vida e un sabor moi destacable; é de agradecer a presenza da pataca máis aristocrática de todas.
A masa da empanada, algo follada, está perfecta; moi bo o compango, sen destacar ningún sabor nin textura sobre a intensidade do conxunto.
A croqueta, tal cal se anuncia: de xamón e moi, moi cremosa
A deconstrución da croqueta de pescada en mollo verde é, quizá, unha das ofertas máis sorprendentes. Suave, saborosa e ben amigada.
O taco de pescada foi, para min, un dos momentos cume da comida. Perfecta harmonización dun bocado multi-cultural.
Sempre, sempre agradezo ese bocado ligado coas partes máis xelatinosas do porquiño; neste caso o rabicho, sobre un pan brioche que acompaña á perfección.
Ben a ensaladilla, ben os bocados de pescada crocante, e especialmente ben a maionesa que dá unidade ao grupo.
Excepcional a ventrecha de porco. Pola nobreza do corte e tamén pola depurada técnica no tratamento. Trátase dun corte moi pouco habitual pero do que gocei como de poucos bocados de carne (cuestión á parte son as queixas do meu colesterol, que haberei de coidar por uns días para devolvelo á normalidade). A ventrecha, de ventre, ten bastante en común coa panceta; de feito non imos moi desencamiñados se afirmamos que a ventresca condensa o pouco de carne magra que poida haber na panceta. O de corte ‘nobre’ non é a expresión máis apropiada. Pero si a de exquisito. Se os grandes bocados do porco ibérico destacan por ser cortes magros con abundante veteado de graxa, no caso da ventresca case poderiamos dicir o contrario: o mellor corte de graxa do porco, a panceta, cun maxestoso veteado de carne magra.

A sobremesa pódese elixir entre toda a oferta da carta. Algo doce?… Sweet Glory. A torrada de brioche acaramelada, o Cremoso de froita da paixón e coco, a compostelana.

La Radio Pepe Solla Web 9

Algo extraordinario está a piques de acontecer: sweet glory, a doce gloria do Suflé especial Casa Solla.
Mil veces que falemos de Solla (en xeral, e non particularizando na actual estrela, Pepe), mil veces que, cedo ou tarde, haberemos de caer no suflé. Sen palabras. Deses momentos que compensan dous centos quilómetros e os dous centos que che quedan de volta. Mágoa que os estómagos xa estaban saturados e non puidemos dar conta completa del; a ración, para dúas persoas, é moi, moi xenerosa; pero se vés de percorrer todo o camiño do menú Indie, entón…, antóllaseme excesiva.

Ao cabo, con auga grande, dúas copas de mencía Do Umia (Pedralonga, moi recomendable, un viño redondo máis alá do típico mencía; o petisco de Caeiro e ese algo máis de caíño dan como resultado un viño especialmente froitreiro ao que non faltan sensuais toques florais), e café, 50 euros xustos por persoa.

Un chanzo máis ao que recorrer cando se trata dunha festa gastronómica galega en clase turista (polo prezo, que non pola festa en si).

La Radio
David Abalo – Pepe Solla

Praza de san Fiz de Solovio 2
15704 Santiago (A Coruña)
981 57 11 85 / 659 82 27 26
GPS: 42.879407N, 8.541891O
laradiopepesolla.com
Facebook
Instagram
Cociña: actual
Prezo: menús 35, 45 e 55€
Peche: luns, martes; domingo noite