la orensana

La Orensana. Rebeca Guede. Avenida Fragoso 55, Vigo, 672850909. Curiosa simbiose entre cociña canaria e galega con moitos toques foráneos. Os domingos, gran cocido. Servizo atento e prezos bastante populares.

La Orensana Logo

En apenas un ano, La Orensana soubo facerse un lugar entre os usuarios de Tripadvisor instalándose nos postos máis altos de recoñecemento na cidade de Vigo (máxima puntuación desta plataforma, 5 puntos de cinco, como produto de 150 valoracións).
Este éxito levou a que a prensa local lle dedicase unha atención especial (La voz de Galicia: El cocido que convirtió al restaurante La Orensana en el número 1 de Vigo, Atlántico: El cocido del restaurante La Orensana, entre los diez mejores de Vigo).

De orixe ourensá e formación canaria, Rebeca Guede presenta unha exitosa carta que conxuga ambas influencias. Máis alá do cocido dos domingos, protagonista de moitas das referencias e valoracións positivas de La Orensana, a proposta complétase con algúns pratos internacionais.
Entre os entrantes atopamos as Croquetas cremosas de rulo de cabra e marmelada de pemento asado (9€), a Espetada de gambón crocante con mollo de mango (11.5€), as Gyozas de verduriñas con salsa agridoce (7.90€) ou a Ensalada verde con polo de curral, tella de parmesán e pan frito (12€).
Pratos: Fideuá de lura na súa tinta con gambón e alioli (13€), Polo asado en mollo vermello ao estilo canario con papa arrugá (12.5€), Robaliza á prancha con mollo verde canario e papa arrugá (14€), Lasaña de pasta fresca con pisto, bechamel, espinacas e tomate confeitado, ou as exitosas Faceiras de porco en redución de Mencía con pataca Puente Nuevo (14,90€).

La Orensana Cocido 1

Nós fomos en domingo e a nosa gula ía detrás do cocido.
Tiñamos reserva e desde a nosa ubicación puidemos comprobar a cantidade de persoas que entrou a recoller o cocido para levar a casa, a cantidade de persoas que, sen reserva, non puideron levar para casa o cocido, e, quizá as máis, a cantidade de persoas que non puideron comer no local por estar todas as mesas ocupadas ou reservadas.
O servizo é próximo e servicial. A ubicación, nunha rúa bastante impersoal, non centrica, seica que non é a mellor tarxeta de visita, pero non é óbice para o éxito do restaurante.
A decoración tampouco destaca positivamente. Nótase unha intención pero, desde o meu punto de vista, fallida. O mobiliario é rústico, tipo castellano, e está pintado en chamativas cores branca e celeste (esta, posiblemente, por estar a escasos cen metro do estadio de Balaídos). O ambiente sería perfecto para unha xeadería, un deses locais modernos de intención orgánica, ou -intención inicial do proxecto-, un local de comida para levar. A decoración, moi primaveral, non axuda moito a escenificar un cocido (aínda que si as croquetas, as gyozas ou as diversas pastas que ofrece La Orensana).

La Orensana Sopa

A antesala do cocido, como non pode ser menos, é a sopa. Está deliciosa. Desas que se filtran directamente a vea e que esixen uns días de dieta rigorosa para pasar con éxito unha análise de colesterol. Por moito que o repitamos non deixa de ser unha obviedade que cómpre destacar: unha boa sopa (esta) é o preludio do que vai ser o cocido.

La Orensana Cocido 3

O cocido.
Ten xusta fama. É un cocido ben cumpridiño. A base son as patacas, o repolo e os garavanzos. Entre as carnes, un pouco de case todo; a tenreira (costela mamiña), as costelas salgadas, chourizo e morcilla, fociño, orella, touciño, rabo e lacón. Todo moi ben cocidiño (como debe ser o cocido, fóra das modas actuais de non cociñar nada en exceso para que non perda as súas cualidades) e perfecto de sal (complicado cando se trata desta variedade de bocados).

La Orensana Cocido 4

Por riba da cantidade e variedade, eu destacaria a calidade dalgúns dos compoñentes.
Sabemos que as miñas preferencias de tenreira varían entre a costela mamiña e o xarrete; nesta ocasión a costela está moi boa. A orella, o fociño e o rabo, especialmente ricos; o chourizo, carnoso e saboroso, tamén; comín a morcilla pero segue sen coarse entre as miñas preferencias; o lacón non era un corte espectacular, pero comíase ben.
En fin, un cocido de xusta sona. Non diría que o mellor do mundo, pero si está nun grupo destacado, no que se sitúa grazas ao nivel medio e ao seu xusto prezo (18.50€ a sopa e o cocido).

La Orensana Doces 2
La Orensana Doces 1

Sedutora oferta de sobremesas que van desde a Tarta de tres queixos galegos ao forno (esquerda) á Tarta da avoa Rosa (dereita). Ademais, a Tarta da avoa Loli (crema de galleta Lotus e galleta Lotus), a Tarta da avoa Nily (galleta Oreo e chocolate), a Tarta da avoa Fina (tarta xeada) ou os iogures caseiros (con mollo de froitos vermellos ou con mollo de mango).
As dúas que probamos están realmente fantásticas (a da avoa Rosa é de chocolate branco e queixo cremoso).

Bebemos o ribeiro tinto da casa (non estaba para foguetes, demasiado acedo e sen corpo) e tomo café. Pagamos un pouco menos dos 30 euros por persoa. Pensamos que non está mal para o que comemos e decidimos que haberá que volver a ver que dá de si esta Orensana máis alá do cocido (aínda que o cocido é obxectivo en si mesmo).

La Orensana
  • Avenida Fragoso 55
  • 36210 Vigo (Pontevedra)
  • 672850909
  • GPS: 42.216671N, 8.7348150O
  • web
  • Instagram
  • Cociña: internacional
  • Prezo: 30 euros
  • Peche: domingo noite; luns e martes
  • TripAdvisor: A día de hoxe é o quinto restaurante de Vigo mellor valorado