la hacienda de machado

La Hacienda de Machado. Avenida de Europa 93, Vigo, 986952538. Asador de carnes ao estilo brasileiro con prezos pechados segundo diferentes opcións. Local moi popular e valorado na nosa cidade.

Hacienda Machado Logo

Practicamente dende que abriu, por certo, nun local maldito na avenida de Europa chegando a Samil, La Hacienda de Machado soubo facerse un lugar moi, moi destacado no corazonciño dos usuarios que participan en redes sociais. De feito, leva tempo sendo o restaurante mellor valorado (TripAdvisor) da cidade de Vigo; despois de 1750 opinións (que non son poucas) acada a máxima puntación de 5 puntos sobre 5 (certo, e non é cuestión menor, que TA valora de medio punto en medio punto e, polo tanto, os 5 puntos é un redondeo e non significa -nin de lonxe- que para o cen por cen de usuarios sexa a excelencia).
De feito, na outra gran plataforma de opinión sobre restaurantes, Google, La Hacienda de Machado ten unha puntuación media de 4.6 puntos sobre 5. Iso si, con máis de mil valoracións por riba de TA.
Máis alá do redondeo, e das puntucións por tramos de 5 o 1 décima, hai unha certa discrepancia entre os usuarios de ambas plataformas; non excesiva, certo, pero si discrepancia.
Os 4.6 puntos de Google, en redondeo versión TA, quedarían nun, para min máis axustado) 4.5.
Levo tempo analizando as puntuacións de ambas plataformas para os mesmos restaurantes e atopo diferencias que nalgún momento haberá que estudar máis polo miúdo e ver se responden a unha diferente caracterización dos usuarios ou se pode haber outras variables (como pode ser, penso eu, o tipo de establecemento e a súa afinidade con determinados colectivos, como a ‘comida lixo’, os locais de carnes, ou as cociñas étnicas).

Hacienda Machado Pan SG

Dito o anterior, constatar que a experiencia en La hacienda de Machado comezou de xeito magnífico, inmellorable, efectivamente de 5 puntos sobre 5.
Vou co meu neto maior, celíaco, e ante esta tesitura a reacción é óptima, das mellores que teño atopado. Máis alá da atención e o trato, exquisitos, teñen pan sen glute, unha barriña individual, destas a media cocción que se acaban de facer no momento no forno; unha das mellores solucións. Logo, infórmannos de que toda a carta está adaptada con opcións sen glute, chegando ao extremo de pratos como o entrante chamado ‘pan de queixo’ é totalmente apto para celíacos ou que o clásico plátano frito, no lugar de eliminalo da oferta para celíacos, adáptano cun rebozado sen glute.

Hacienda-Machado-Carta

O local, sen grandes espaventos, e adaptado á proposta gastronómica, resulta agradable; o servizo moi bo, próximo, amable e sempre atento.
A carta é pechada, limitada a tres ou catro alternativas. Despois duns entrantes comúns, a elección céntrase na cantidade e calidade das carnes que desexas degustar.
Hai unha primeira opción, moi básica, limitada a cortes de carne nova: polo á mostaza, corazón de polo, peituga de pavo con touciño, lombo de porco, lombo de porco afumado, chourizo crioulo, costela de porco e costela de tenreira; opción máis que suficiente por 27.70 euros persoa.
A continuación está a ‘Degustación espada tradicional Extra picanha’, que, tomando como base a opción anterior, engaden varios cortes de vacún maior (picaña de corte, picaña filete, mamiña, fraldiña, solombo de bacon e queixo, cupim e entrecosto con allo). O prezo é de 32.50€ por comensal.
O ‘Degustación espada Especial Machado’ céntrase nos cortes de vacún maior e o seu prezo é de 35.50 euros.
E, xa por fin, a opción ‘Espada de picaña’ ofrece en exclusiva a carne de picaña, tanto ao corte como en filete: 42 euros por persoa.
En todos os casos no prezo entran os entrantes e os acompañamentos (plátano frito caramelizado, feixoada, farofa, coles salteadas con touciño, arroz branco, pataca asada e mollo chimichurri).

Chama a atención, e logo confirmaría a miña primeira impresión, o feito de que nun menú no que comes ao ritmo que che serven, directamente da ‘espada’, e de xeito liñal a todo o comedor, exista esa diferenza de menús. Entendo ben as dúas primeiras propostas, pero non a idea de que a segunda e a terceira descendan en carnes ofertadas e ascendan en prezo. Sen ser exactamente un ‘bufet libre’ ao xeito tradicional dos asadores brasileiros, o certo é que a medida que van pasando as carnes non hai límite para repetir.

Hacienda Machado Carpaccio
Hacienda Machado Setas
Hacienda Machado Polbo
Hacienda Machado Pan Queixo
Hacienda Machado Gambas

Os entrantes auguran unha magnífica comida. O carpaccio de boi é o prato forte e está moi, moi bo; os cogumelos salteados moi saborosos; o polbo á feira no seu punto; o pan de queixo (sen glute) cumpre á perfección o seu talante inclusivo; as gambas, tamén traballadas na brasa e espetadas na espada, zumentas e con carácter propio.

Hacienda Machado Pataca e Banana
Hacienda Machado Feijoada
Hacienda Machado Arroz Branco
Hacienda Machado Couve

Os acompañamentos acompañan ben e permiten maior ou menor atención en función dos propios gustos. O plátano -un pouco esvaído por fóra por mor do rebozado sen glute- está rico e é ao que máis atención lle dedico, máis que nada pola novidade. A pataca asada, ben sen máis; a feixoada, moi ben, quizá porque son fan incondicional; o arroz branco normaliño, moi lonxe dos arroces brancos portugueses de acompañamento; e a col salteada non me gustou moito. Cuestión de teimas persoais.

Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne
Hacienda Machado Carne

E, xa por fin, as carnes; en realidade o eixo central da oferta gastronómica de La hacienda de Machado.
Tendes, por orde, os dez bocados que probamos. Non me atrevo a bautizar os cortes, pois ao terceiro xa me perdín totalmente; entre a semellanza entre algúns deles, e as repeticións que non sabes se son repeticións ou non, chega un momento en que comes e tiras para diante. Indentificables con claridade, o anaco de picaña (foi polo que empezamos), o corazón de polo, o lombo de porco afumado, o crioulo, a ala de polo e os rolos de polo á mostaza e de pavo con touciño.

Carne a rachar. De moitos do bocados pasan ata tres e catro veces para repetir. Chega un momento en que, saturado, dis abonda xa.
Chegado este momento ves que che ofreceron dez bocados diferentes e que comeches a fartar dos dez; pero é tamén, cando te decatas de que na carta eran quince as especialidades propostas e que hai algo que non concorda.
Comeches ben?, pois si; a cantidade é máis que suficiente e poderías ter repetido sen límite do que che ofreceron?, pois tamén; pagas un prezo xusto pola comida?, creo que tamén…
Pero a min quedoume unha certa sensación de comida incompleta, de que houbo algo que me faltou para poder calificar a comida como de dez. Quero crer que todo se reduce a unha falta de planificación á hora de pasar os espetos polas mesas; creo que debería de haber unha orde establecida, pero tamén vexo difícil mantela cando cada mesa do comedor comezou a unha hora diferente e todas comemos a ritmos distintos.

Recomendable? Por suposto. En especial para comellóns e para carnívoros; e eu, cada vez son menos de ambos.
Excelencia? Pois non. Para min, un pouco lonxe da máxima puntuación posible para un restaurante.
E a ter en conta esa pequena espiniña de organización que turba un pouco a miña valoración global da experiencia.