inato bistrô

Inato Bistrô. Miguel Rodrigues, Tiago Costa. Praza do Municipio 7, Braga. +351939588277. Técnicas e estética actuais aplicadas a produtos habituais con algunha incorporación internacional. Local moderno, moi coidado e agradable.

Inato Braga Decoracion

O Inato é un dos representantes en Braga dunha tendencia gastronómica que gaña peso día a día en Portugal. Falamos de cociñeiros novos, cunha oferta orixinal e urbana, en locais extremadamente coidados.
E, en efecto o primeiro que chama a atención ao entrar, é a decoración do local; poucas mesas, moita madeira clara, algo de pedra e moito deseño; todo estudado ata o mínimo detalle. Espectacular o teito. Un conxunto que resulta moi atractivo e, sobre todo, acolledor. Entrando, á dereita, un pequeno reservado cunha mesa para 8-10 comensais.

A carta dá cumprida referencia do cabe esperar do IN”ATO”: “uma cozinha criativa e versátil onde a primazia da utilização dos melhores ingredientes aliados às técnicas mais inovadoras resultan numa explosão única de sabor”.
No Ato I atopamos o pan de cereais e a focaccia con manteiga das Açores e hummus.
Ato II. Tempura de couve flor, maionese de especiarias (6€), Tártaro de salmão (7€), Camembert gratinado (7€) ou Cabala curada, abacate, wasabi (7€).
Ato III. Caril de legumes, arroz basmati (17€), Robalo, mexilhão, cenoura assada (23€), Arroz de marisco, Carabineiro (25€), Coxa de pato confit, arroz negro, alface romana (22€), Presa de porco preto ibérico, cogumelos, mazá (23€), Entrecote de boi, espargos, risoto de trufa (26€).
Correcta selección de viños, principalmente nacionais. Eliximos un Dão de prezo baixo que, aínda que algo astrinxente, entra ben e cumpre.

Inato Braga Pan
Inato Braga Humus

Os pans, o humus e a manteiga animan o principio da comida.

Inato Braga Tacos lagostino

Compartimos os Tacos de camarão com maionese picante. Bocado divertido e equilibrado; está moi rico, alegre pero sen excesos; boa execución e presentación impecable (vén cun anaquiño de lima que non lle vai nada mal á leituga).

Inato Risotto Coliflor

O Risoto de couve flor assada resulta meloso e sabrosón; quizá domina en exceso o queixo que dilúe a esencia da coliflor. Rico e perfecto de punto.

Inato Bacallau
Inato Guiso garavanzos

Bacalhau, grão de bico, tomate, ovo a baixa temperatura. O bacallau, inmellorable; tratado á perfección, mantén toda a esencia dun bo bacallau; sabor puro, sen distracións. O acompañamento podería ser un prato en si mesmo: un rustrido no que manda o tomate, con garavanzos, e un ovo a baixa temperatura roto e mesturado co guiso; moi rico. Por separado, ambos bocados resultan excelentes; en conxunto, bastante que ver co típico potaxe de vixía ao que só lle faltan as espinacas. Gustoume. Moito.

Inato Sobremesa Chocolate
Inato Sobremesa Goiaba

Deixamos fóra o Caramelo salgado, mascarpone, tamaras, para centrarnos no Chocolate e avelã e no Parmesão, goiabada e noz.
O cuarto acto resulta espectacular; as dúas sobremesas son orixinais, moi traballadas, complexas e, por riba de todo, moi, moi ricas. Non podo decantarme por ningunha delas; xa se sabe que son incondicional do chocolate, e, con todos estes tropezóns, raia nun nivel moi alto; pero a complexidade e a perfecta conxunción do xeado de goiaba coa noz, a crema e o parmesán por riba pareceume espectacular.

Restaurante-Bistrô moi recomendable que, a un prezo razoable para o conxunto da oferta, ofrece algo diferente aos clásicos restaurantes de Braga.
Con café, bebidas e auga pagamos 44 euros cada un.

Inato Bistrô

Capela DST

A excursión valeu para coñecer unha desas pequenas xoíñas relixosas ás que Braga nos ten acostumados.
A capela DST de Nuno Ferreira Capa está no campus do xigante portugués DST, en Braga (localización GPS: 41.591711N, 8.419711O).
Ideada como como un lugar de reflexión, descanso espiritual e contemplación do entorno, está formada por dous volumes en formigón visto, separados por unha incisión, un cruce libre, que separa o lugar divino do humano, sen se tocar.
Toda unha declaración da arquitectura da escola de Porto; minimalismo en esencia; predecible pero indispensable.

Capela DST Nuno Ferreira
Capela DST Nuno Ferreira
Capela DST Nuno Ferreira
Capela DST Nuno Ferreira