moito máis que peixe cru

Despois de máis de cinco anos, o restaurante Hiroki logra sobrevivir ao tempo e á, cada vez máis dura, competencia de locais asiáticos en Vigo. Boa cociña a prezos asequíbeis.

Hiroki 02

Foi unha agradábel reunión de tres avós Cebolleta para rememorar, unha vez máis!, as batalliñas dos vellos tempos.
Que se a vida non che é como era, que se esta xuventude, que se Sabina, que se a tensión, a maldita próstata, o Trump ese, que se o último episodio da Guerra Interminábel de Almudena Grandes…
En fin, nada novo baixo o sol dos sesenta.
A comida, a verdade, axudou moito ao ferver das lembranzas.
A oferta, moito máis alá do sushi e o sashimi, rompe co gran tópico sobre a cociña xaponesa: a gastronomía nipona é máis, moitísimo máis, que peixe cru.

Hiroki 06

O Hiroki Sushi Bar está no Paseo de Alfonso, no que foi a Casa Roxa, entre a entrada da Ferreiría e a subida ao Castelo.
Xa no interior atopamos dúas alturas. A baixa, moito máis coqueta e apetecíbel, coas mesas a rentes do chan e asentos directamente no tatami, e a parte alta, máis tradicional para os gustos occidentais, e tamén un punto máis amorfa. Comemos nesta.
O ambiente, en xeral, algo menos abaixo, dista bastante da delicadeza e o atractivo dunha típica decoración xaponesa.
O servizo é amábel e correcto; amósase solícito e paciente cos neófitos no tema.

Hiroki 08

A carta, un desfile completiño de especialidades xaponesas, loce os nomes orixinais; ademais, o que é de agradecer polos que somos profanos, a correspondente explicación de ingredientes en castelán.
Está dividida en Entrantes especiais entre os 5.5 (Goma Wakame, ensalada de algas con sésamo) e os 23.50€ (Tartar de atún con aguacate e mollo picante).
Entrantes que van desde o 3.5 (Misoshiru, sopa de soia con tofu, ceboliña e alga) aos 13.50€ da Tempura Yasau (8 unidades de tempura de lagostinos).
A continuación pasamos ao sushi, e comezamos polos Nigiri: cilindro ovalado de sushi –arroz cocido glutinoso aderezado con vinagre de arroz, azucre e sal– con peza de marisco ou peixe cru por riba; entre os 4.90 euros do de xurelo con xenxibre e ceboliña, ate os 9.10€, do de ventrecha de atún.
Os Gunkan: coma o nigiri, pero cilindrico e envolto en alga; os 5.80€ do Sake (salmón con maionesa, ceboliña e sésamo) e os 6.80€ do Ikura (con ovas de salmón).
Os Jo: Gunkan envolto en salmón en vez de alga; arredor dos 6€, de ovas de salmón, de pez voador, de fígado de pato…
Hosomaki: roliños de 2×2 cm co ingrediente envolto en arroz-sushi e todo rodeado de alga. 4.30€ o de aguacate, 4.90 de tortilla xaponesa, 5.80€ de salmón, 7.20 anguía asada…
Huramaki: roliño de 2×2 no que a alga envolve o ingrediente e o arroz a alga; entre 13 e 14€, 8 unidades. Spicy Tuna (atún, aguacate e salsa picante), California (lagostino cocido, cogombro doce e aguacate), Sake Chizu (salmón, mango e queixo crema), etc.
Futomaki: rolo máis groso, entre 2-3cm de espesor e 4-5cm de largo e con dous ou tres ingredientes; 6 unidades entre os 7 e os 13€. Hotate Sake (vieira crocante, salmón, aguacate e maionesa picante), Futo Maki especial (peixe branco, lagostino e coliña; crocante, envolto en alga con arroz, ovas de peixe voador, maionesa xaponesa e salsa Hiroki), etc.

Hiroki 14

Temaki: cono de alga feito a man e recheo dunha base de arroz e os ingredientes correspondentes: atún con ceboliña; pel crocante de salmón, ovas de salmón e salsa Hiroki; lagostino en tempura con leituga e maionesa xaponesa; etc.
Sashimi: (propiamente non se trata de sushi, pois non leva arroz, pero si se adoita englobar nos sushi), tallada de peixe ou marisco crús, moi frescos; o que dá carácter a este bocado é o xeito específico de cortar cada parte de cada peixe. Cortes de atún (Maguro, 22.90€ dez cortes), de salmón (Sake, 12.90€), peixe branco do día (Shiromi, 13.50€), de cabala ou xurelo (Saba, Aji, 7.50€), etc.
Este apartado da carta remata cos variados, e como exemplo pode estar o Sushi to Sashimi, con 9 pezas de sashimi, 3 nigiri, 4 uramaki e 6 futomaki, por 24.50€.
Por último atopamos os Wok e os Teppan; tecnicamente, ambos son utensilios de cociña e non preparacións propiamente ditas; o wok (chino) é unha especie de tixola abombada no fondo e o teppan é grella xaponesa. A carta inclúe wok de pasta de trigo, verduras e polo salteados con salsa Tonkatsu (Yakisoba Tori, 12.50€), ou o de arroz, lagostinos, tenreira e verduras salteadas con soia (Yakimeshi Hiroki). Teppan Sake (salmón no teppan con soia doce e arroz, 13.90€) ou o Teppan Gyu (solombo no teppan con soia doce e arroz, 17.90€).

Hiroki 00

Xa para rematar, unha atractiva proposta de menú do día.
Trátase de elixir un primeiro entre seis opcións, un segundo entre catro posibilidades, a bebida e a sobremesa do día ou ben café, e pagar 15.80€. É un prezo elevado para un menú do día, para comer todos os días en plan batalla, pero axustado e moi recomendábel para darse un gusto xaponés.

Hiroki 09

Antes de comezar sorpréndenos –non resulta normal nun menú do día– cun aperitivo da casa: un sashimi de peixe branco do día. Unha boa ración e entrada de cheo na esencia xaponesa. Delicioso.

Hiroki 10Hiroki 11Hiroki 12

Hai división de opinións cos entrantes. Un pide o Harumaki (dous roliños primavera de verduras), Gyoza (tres empanadillas xaponesas de polo con verduras), e eu, o Tartar (de salmón con maionesa, ceboliña, sésamo e salsa punzu). No que coincidimos os tres é nas valoracións: os tres están moi, moi ricos. Se teño que afinar, poría en primeiro lugar o meu tartar, de segundo as empanadillas e no último lugar o harumaki.
Ademais, na oferta de entrantes do menú do día está a Tempura (seis pezas variadas de verduras), o Yakitori (dous muslos de polo á prancha) ou o Misoshiru, a sopa xaponesa de soia fermentada.

Hiroki 13

Para o prato principal hai unanimidade: o Sashimi 13 (4 sashimi, 2 nigiri, 4 uramaki e 3 hosomaki).
Claro que tamén podería ter sido un Wok á carta (pasta ou arroz con verduras e con tenreira ou polo), o Teppanyaki (salmón á prancha con teriyaki, acompañado de arroz e ensalada) ou o Sushi 13 (4 uramaki, 6 futomaki e 3 hosomaki).
(Como vedes, e para os máis aprensivos, podedes elaborar un menú do día completo sen tocar o pexie cru. Unha tempura de verduras ou as aliñas de polo para comezar, e o wok ou o salmón á prancha como prato forte.
Agora, se queres gozar ao cen por cen do Hiroki, non dubides en pedir o Sashimi 13. Como profano e consumidor moi, moi esporádico dese maremagnum que adoita resumirse como sushi, non podo valorar se o que comemos estaba, tecnicamente, ben elaborado, mantendo os cortes, as texturas, os ingredientes, as combinacións, os aderezos…, que mandan os canons, fieis á gastronomía xaponesa.
O que si garanto é que calquera dos bocados que probei estaba realmente moi, moi rico. Todos, sen excepción. Apuntar que en diferentes ocasións falei de que non son moi amigo do potente sabor das algas, que en máis dunha ocasión estragaron, no meu padal, un bocado que podería ter sido exquisito. Pois nesta ocasión os sashimi que levaban nori (ben por fóra, hosomaki, ben polo interior do arroz, uramaki) estaban especialmente ricos.
Algo terá que ver Fernando Sousa, chef brasileiro que, con quince anos de experiencia ás costas, montou este Hiroki Sushi Bar (como mérito, apuntar que Fernando Sousa foi finalista da edición española do Global Sushi Challenge de 2015).

Hiroki 15Hiroki 18

A sobremesa é pechada, a que toque no día. Hoxe, en concreto, unha das especialidades da casa, o Biscoito de te verde con xeado de vainilla. Ante a petición dun doce que non conteña glute, a proposta é xeado caseiro, de té verde e de chocolate.
A sobremesa (que ben podería ter sido a Tempura de xeado 4.5€, o Dorayaki (biscoito recheado de doce de fabas vermellas, 3.5€) ou o Daifuku (mousse de chocolate ou xeado de sésamo recubertos dunha capa de arroz, 3.5€), está á altura do resto da comida: moi ben.

Cada vez me gusta máis a cociña asiática, e este Hiroki é un bo local para degustala, a un bo nivel e por un prezo razoábel (tamén para levar para casa).

Hiroki Sushi Bar
Fernando Sousa

Paseo Alfonso XII, 1
36202, Vigo
986 121 022
Web
Facebook
Peche: luns e martes
Cociña: xaponesa
Prezo: menú do día 15€