Carlos Teixeira. Reguengos de Monsaraz, Alentejo. +351266509280. Cociña de autor, produto de proximidade e raíces alentexanas. Comedor de inspiración nórdica luminoso e agradábel. Menú curto de 5 pases, prezo 70€.

O restaurante está situado na bodega do mesmo nome, unha das clásicas de Portugal; inicialmente viño da zona, do Alentejo, na actualidade extende a súa produción ás DO Vinho Verde e Douro. En conxunto, un destacábel complexo dedicado ao enoturismo.
Importante progresión cara ao asentamento definitivo entre as mellores mesas de Portugal.
Na última edición (xaneiro de 2022), o restaurante sobe 11 lugares até situarse no posto número 14 entre os mellores restaurantes de Portugal do Mesa Marcada (ver listado completo, ver quen son o Mesa Marcada); entre os chefes, Carlos Teixeira ascende atá o lugar 17. Na guía Michelín 2022 (decembro de 2021), o Esporão alcanza a súa primeira estrela. O autoabastecemento, o produto de proximidade, e a tendencia á autosuficiencia total fan que reciba, tamén, a estrela verde
Asentamento excepcional en medio de viñas e con vistas á lagoa de Alqueva.
O restaurante (ten outros espazos máis informais para comer) está decorado ao cen por cen con deseño nórdico; as grandes ventás con vistas ao patio interior e ás viñas con Alqueva ao fondo suavizan e dan unidade e un espazo cómodo e acolledor.
O servizo, na mellor das liñas actuais: mozos coa formación, experiencia e solvencia persoal necesarias para completar o que din os pratos; profesionais, pero tamén nunha destacábel liña de proximidade.
O menú ten servizo á carta e dúas opcións de degustación, as chamadas Carta branca, a experiência Esporão á escolha do chef.
Algunhas das propostas, entrantes: Brioch, lagostino, tomate verde (5€), Tortaleta, feixón verde, allo-branco (5€); primeiros: Millo, ovo, estragón (17€), Agnolotti, queixo atabafado, verdolagas (18€); peixe: Choco, feixón, bisque (27€), Peixe-galo, berenxena, feixón de meloal (36€); carne: Pato, remolacha, pexego (30€), Año, arroz de forno, laranxa (32€); sobremesas: Abelá, aceite Cordovil, malte (10€), Figo, eucalipto, xenxibre (10€).
A Carta branca pode ser de de 5 momentos (70€, harmonización de tres viños 18€, de cinco viños 30€, e con extra de queixo 5€ a unidade). O menú de sete momentos ten un prezo de 85€ e un pairing de 4 viños (24€) ou a harmonización premium (48€).
O Esporão oferta en carta un menú infantil (até os 13 anos) de 25€, que pode ir acompañado da súa harmonización sen alcol (12 euros).
Eliximos o menú curto con armonización de tres viños.












Harmonización de viños: Ameal loureiro branco (Vinho Verde-Ponte de Lima), Esporão branco reserva (Alentejo), Murças reserva (Douro).
Magnífica comida, cos seus altibaixos, máis por preferencias persoais que polos propios pratos.
O aperitivo abre as portas de xeito orixinal e maxistral: refrescante e harmonioso. Eu, en concreto, e sen dúbida, destaco os entrantes; a textura da anguía afumada pareceume excepcional, os tomates -catro variedades das hortas da Herdade- cun sabor brutal, o pepino (apenas perceptíbel) e a cidreira granizada reforzan sabores. O peixe, ben, pero sen espaventos; afeitos aos peixes de mar, o lucio queda un pouco curto de sabor se ben o coandro contrarresta con eficiencia as posibeis eivas; os coentros están omnipresentes na cociña de Carlos Teixeira; visto o visto ultimamente -lembro, a bote pronto, Euskalduna-, haberá que afacerse cun sabor que non está na miña memoria, que ás veces me resulta demasiado dominante e astrinxente, pero que é parte instrínseca da cociña portuguesa e que os novos cociñeiros están a redescubrir máis alá dos arroces, os guisos ou as açordas). O porco gustoume; o acompañamento da ensalada de feixóns sobre unha fina crema de morcilla dá o punto de equilibrio a unha carne magnificamente traballada. Moi ben o doce e os petit fours.
Un aspecto que quero destacar é o referido ao pan. Máis alá das variedades que se serven como base da comida (o de pesto, fóra de serie), as totas de cristal para os queixos, ou a base de pan fritido baixo o figo e o touciño, marcan unha singularidade especial nunha tendencia cada vez máis presente nos grandes restaurantes.
Ao Esporão hai que ir. Non é deses lugares que aproveitas porque pasabas por alí cerca, en especial desde España. O desprazamento (no noso caso desde Mérida e aproveitando o día para visitar os pobos que abeiran a lagoa de Alqueva) vese compensando con creces.
O prezo pareceunos compensado; está ben unha harmonización de tres viños que non rompen o peto; os pratos son os de gama máis baixa dentro das súas categorías, pero creo que se axustan ao prezo global da experiencia. Non é doado atopar un menú de degustación completo estrela Michelín por 70 euros.
Un pouco caro o prato de queixos, pero foi opción nosa.
Ao final, con todo incluído, pagamos 106€ cada un.
Ocórrenseme as reservas de sempre: son moitos cartos, pero creo que a comida ben os vale e mesmo diría que se trata dun prezo xusto e nada esaxerado.
A visita de Carlos Teixeira, un mozo, apenas 29 anos, coa sobremesa, deu pé a unha calorosa parolada que axudou a redondear unha experiencia moi salientábel.


O fin último da escapada era visitar -non sen tempo!- o Museo Nacional de Arte Romana, cumio da arquitectura española do post-franquismo. A obra de Rafael Moneo é o símbolo de toda unha era da nosa arquitectura; deseñada nun período moi concreto, o seu historicismo, a formulación culta, o deseño decorativo, lonxe de perder vixencia co cambio de gustos, afianzouse até se converter nunha das poucas obras que se poden definir como indispensábeis.
A súa transcendencia está perfectamente reflexada na portada do icónico Spain Builds, Arquitectura en España 1975-2005 (Terence Riley, Fernández-Galiano, Arquitectura Viva – MoMa – BBVA). O libro, consecuencia e complemento da exposición do MoMa On-Site, New Architecture In Spain, na súa portada, presenta a toda páxina a nave central do MNAR enmarcando, ao fondo, unha composición que xoga co Guggenheim (Bilbao, Frank Gehry) e o Cemiterio de Igualada (Enric Miralles e Carme Pinós), se cadra, as tres obras que máis marcaron un dos período máis frutíferos da arquitectura española.


Herdade do Esporão
Carlos Teixeira
Reguengos de Monsaraz
7200-999, Portugal
+351 266 509 280
GPS: 38.379685N, 7.561120O
esporao.com
Facebook
Instagram
Cociña: moderna
Prezo: menú 70€, menú 85€
Estrela Michelín (2022) (Estrela verde sustentabilidade)
Mesa Marcada (2021): Posto 14 entre os mellores restaurantes de Portugal