sen novidade na fronte (occidental)

A edición da Guía Michelín España e Portugal 2020, lémbrame, en sentido contrario, o título da marabillosa novela sobre a Gran Guerra de Erich Maria Remarque: sen novidade na fronte.

MichelinLibro20      sin-novedadLibro

Hai unha adaptación ao cine, a estadounidense de 1930, de Lewis Milestone, que acadou dous dos Óscar maiores (por non dicir os ‘dous Óscar’ da terceira edición dos premios de Hollywood: mellor película e mellor dirección).
Novela e película siguen os pasos de Paul Bäumer, mozo estudante na Alemaña Imperial que, xunto co seu grupo de amigos, e persuadidos por un fanático profesor,  alístanse no exército para defender a patria. Alegres e desenfadados, mesmo xoguetóns e optimistas, comezan o período de entrenamento…, que non darán rematado: as esixencias da guerra envíanos precipitadamente á fronte.
Alí descubren que guerra non é o ideal que lles venderan senón unha tráxica sucesión de fame, cansanzo, medo, rancor, dor, morte…, pura desilusión. Tanto a novela como a película lévannos a empatizar con Paul Bäuner e a odiar as guerras.
Por iso, o final, o que dá nome a libro e película, resulta ao tempo maxistral e demoledor. A guerra está case acabada e unha bala perdida mata ao noso protagonista, a Paul Bäuner (‘caeu en outubro de 1918, un día tan tranquilo, tan quedo en todos os sectores, que o comunicado oficial limitouse á frase: sen novidade na fronte’). O parte do día, ausente ás vidas e inquedanzas dos seres humanos, do ser humano concreto que a nós nos afecta, limítase a unha frase que resultará lapidaria: sen novidade na fronte occidental. ‘Vivimos nas trincheiras e loitamos. Tratamos de non ser asasinados, iso é todo’. Iso é a guerra en palabras de Paul Bäumer.

SinNovedadPeli      

Moi lonxe de trivializar a guerra, e só por aproveitar un título que me seduciu de sempre, salvando as distancias e en sentido literal é que ouso escribir este sen novidade na fronte occidental das estrelas Michelín 2020.
Ben, si, hai unha novidade, e moi, moi significativa: a segunda estrela para Rui Paula na súa Casa de Chá da Boa Nova. Perfecto. Totalmente de acordo. Son seguidor de Rui Paula desde decembro de 2010 (Restaurante DOC: degustar, ousar, comunicar); un ano despois, e coa mesma celebración como excusa, visitamos o seu novo restaurante (DOP: Desgustar e ousar no Porto), e, xa por fin, e de novo arredor do 6 de decembro pasamos pola Casa de Chá da Boa Nova (Estreando a estrela de Rui Paula). Sempre saímos contentos. Parabéns. Segunda estrela merecida.

MichelinLibro20

Salvando a Rui Paula, desde o Atlántico á liña que dá continuidade á fronteira portuguesa entre o Douro e o Cantábrico, non hai máis novidades.
Eu, historicamente, apostei desde un principio pola segunda estrela para Javier Olleros e a súa Culler de Pau; na nosa visita de decembro de 2017, e vistos os cambios radicais, caín da burra para compartir a opinión xeneralizada de que Pepe Solla vai sobrado para a segunda estrela (titulaba a entrada, precisamente, Para cando a segunda estrela?) e, que me dicides do paso adiante de Luis Veira ao trasladar o seu restaurante aos altos de San Pedro?
E se falamos do Portugal Norte, e como tamén veño reclamando desde hai anos, para cando a estrela para Renato Cunha e o seu Ferrugem?

Nesas arroutadas que me dan, e para saber se realmente hai ‘algo’ ou só se trata de teimas dun galego enfurruñado, dediqueime a contar as estrelas Michelín que hai por España adiante agrupándoas por comunidades autónomas. Resultados? Galicia é a única comunidade costeira que non ten ningún restaurante con dúas estrelas (mesmo comunidades uniprovinciais como Asturias, Cantabria ou Murcia teñen as súas dúas estrelas); só hai tres rexións en España sen restaurantes con dúas estrelas: Castela-León, Aragón… e Galicia.
Tanto se partimos do protagonismo galego no sector turístico dos últimos anos (Galicia, segundo diferentes fontes, ocupa o quinto lugar entre as comunidades de preferencia entre o turismo nacional, e non esquezamos que os restaurantes están onde hai clientes e, salvo en grandes urbes como Madrid ou Barcelona, os locais do nivel Michelín dependen en boa parte do turismo), como se damos crédito ao tópico de que en Galicia se come moi ben (no seu II Estudo de demanda de Turismo gastronómico en España (2019), a consultora especializada Dinamiza situaba a Galicia no segundo lugar de España no tocante a demanda do turismo gastronómico, só superada por Andalucía; por provincias, a de Pontevedra ocupa o quinto lugar entre cincuenta).
Isto contrasta coas estrelas Michelín que teñen os nosos restaurantes. Se facemos unha clasificación polo número de estrelas co criterio que se utiliza, por exemplo, no podio dos Xogos Olímpicos (primeiro os que máis teñen de ouro, clasificados estes por número de pratas en por último número de bronces; segundo os que teñen máis pratas e dentro destes polo número de bronces, e terceiro os que só teñen bronce), Galicia ocuparía o penúltimo lugar (empatada con Castela-León) entre todas as comunidades españolas (primeira País Vasco 4/1/19, segunda Cataluña 3/7/42, terceira Madrid 1/5/18, cuarta Valencia 1/4/16, quinta Andalucía 1/3/14… así ata chegar ao posto 13 de Murcia 0/1/1, ao 14 de Extremadura 0/1/0, o 15 de Galicia e Castela-León 0/0/11 e o último, o 16, para Aragón 0/0/4.

Será cuestión de falta de nivel?, de que non hai máis candidatos?
Rotundamente non. E aí están os exemplos citados anteriormente.

Cada vez son menos da Vermella. Está aí, cada vez máis presente, con maior repercusión mediática, desenvolvendo un circo que cada ano supera as espectativas…, afianzada como a referencia.
Eu utilízoa ás veces, cando quero utilizala…, pero teño para min que, paseniño, aos poucos, vai perdendo credibilidade…