O Armando Alves (mediano, 87.5€) do G Pousada, é un menú equilibrado, rexional e portugués, moi variado, perfectamente deseñado e desenvolvido na práctica. Consta de catro pratos e unha sobremesa.
Despois das oportunas e creo que necesarias presentacións (Excelência trasmontana), hoxe, e sen máis preámbulos, toca entrar de cheo no que foi a nosa cea no restaurante G (Geadas, Gonçalves) da Pousada de Bragança.
A experiencia comeza cunha selección de pans variados que acompañan a tres aceites locais de moi diversos aromas, sabores e acidez. Os pans, entre o máis habitual (trigo) ao sorprendente de mazá. Os aceites perfectos para que, profanos coma nós, apreciemos por comparación inmediata as clarísimas diferenzas que hai entre eles.
Manteiga dos Açores con bolo de pan feito na casa. Manteiga das de antes, potente, con sabor a manteiga, cun xeneroso punto de sal.
O primeiro dos aperitivos ten a súa xénese nos anos de estudante de António G no Algarve, cando vía os mozos coas súas cestas a vender berlinesas nas praias: Berlinesa de queixo Terrincho. A masa cede un pouco de dozura pero mantén as características orixinais; o recheo pasa de ser a crema pasteleira para se converter nunha saborosa crema de queixo terrincho; como acompañamento, unha lasca de xamón de porco bísaro e, por riba, unhas raiaduras de oliva negra deshidratada.
Un bocadiño perfecto, dos que deixa pegada na memoria.
Segundo snack: tartaleta recheada de atún marinado e garavanzos; vén presentada nunha caixa pechada con forma de centola. Moi rico; acusado contraste entre o peixe e o garavanzo.
Terceiro entrante: as fazulas estufadas con espárragos salvaxes salteados. Mantén o nivel das delicatesen anteriores; con moito sabor e todos os contrastes posibles entre os dous produtos principais: a faceira desfaise na boca, os espárragos no punto, al dente, a carne co sabor do mollo, os espárragos mantendo a súa esencia co seu leve toque de amargor. Conxunción máis que interesante.
O menú propiamente dito comeza cun prato que representa esa tendencia tan actual da mestura mar e monte. Estamos ante o Santiaguinho, trigo, salpicão de porco bísaro e courgette. Brillante. Para min dos momentos máis altos da cea; o millo (que de entrada confundes con arroz) salteado co salpicão, innovador e delicioso; o santiaguiño con ese mollo a base dos seus propios miolos, lembra os tempos de cando o santiaguiño era bastante máis común que agora. Prato redondo.
Segundo momento do menú: o Pargo, bivalves e milhos. Sabor a puro mar. Para Carmen, máis de peixe, mellor que para min, que non son moito de bivalves. En todo caso é gusto persoal, porque a execución de cada compoñente do prato é perfecta. A escuma da auga de cocer os bivalvos introduce na boca toda a intensidade da auga de mar, e a crema de millo do fondo suaviza a contundencia de todos os sabores do prato.
O apartado das carnes comeza cunha que, seica, é un dos buques insignia da casa: o Ossobuco e cogumelos de temporada. A esencia do prato está na carne da perna da vaca esfiañada e perfectamente traballada; o fondo do prato vén ‘pintado’ co miolo do óso. Para min, que non para Carmen, outro dos momentos álxidos da cea. Pese a ser carne, non moi forte, delicado, perfectamente acompañado de cantarelus, un espárrago verde e unha mini cenoria.
E a traca final dentro dos salgados, o prato máis xenuinamente trasmontano: o Pombo estufado à bragançana. O pombo preséntase en dúas preparacións diferentes: o peito pasado pola brasa, ben marcado no exterior e puro zume por dentro; logo unha pata que chega estufada xunto con patacas, cogumelos e verduriñas e que se presenta na mesa envolta no que semella ser o resultado dunha preparación á papillote. En todo caso, boísimo; non sei se votar polo estufado ou pola peituga ao natural.
O primeiro momento doce, como os aperitivos, está fóra de carta e chega a nós como pre-sobremesa: un biscoito con granizada de lima e laranxa. Perfecto para romper co ritmo das carnes e refrescar e prepara as bocas, xa no límite da saturación, para o que é a sobremesa propiamente dita.
De sobremesa, a mencionada en Excelência tramontana pola súa xénese: Beterraba, lavanda e queijo; ou sexa, remolacha, remolacha e remolacha: remolacha en tres texturas diferentes, coa súa crema de lavanda e o xeado de crema de queixo.
Quen ía pensar nun doce, nunha sobremesa centrada na remolacha? Pois Óscar e António Geada. Simplemente espectacular.
O café vén cunha deliciosa trufa.
Que engadir ao visto e escrito con anterioridade? (Ver Excelência tramontana)
Pois simplemente que malia barbaridade de diñeiro que son 90 euros por persoa, o disfrute da cea (e as lembranzas, as evocacións que deixa…, e como diría o meu irmán, …e o que dá despois para falar!) compensaron con creces o prezo que pagamos.
G Pousada
Óscar Gonçalves
Posada de São Bartolomeu
Rua Estrada do turismo
5300 – 271 Bragança
351 273 331 493
Web
Facebook
GPS: 41.802732N, 6.754143O
Cociña: de autor
Prezo: menú: 65, 87.5 ou 150€
Horario: funciona só para ceas
Mesa Marcada Ranking 2018: posto 28 (18 votantes, 83 puntos)
Michelín: 1 estrela
Guía Boa Cama, Boa mesa: Garfo de ouro