furancho ou café-bar?

Un alguén anónimo, agochado precisamente tras o anonimato, escribe con bastante mala uva un comentario sobre os furanchos.

 Lourancho 04

En esencia vén dar as grazas a este modesto blog por ter aportado datos tan abundantes e minuciosos sobre os furanchos da provincia de Pontevedra, ‘mesmo a localización co GPS’. O anónimo individuo di agradecer a chea de información que lle permitirá ir a todos estes locais ‘clandestinos’, de ‘competencia desleal’ e que ‘tanto mal fan ao turismo’ para abrir os correspondentes expedientes e sancionalos como corresponde.

Lourancho 02

Alguén que se agocha detrás do anonimato non merece nin media palabra, pero estes locais polos que sinto tanto aprezo, si se fixeron acreedores de que rompa unha lanza por eles.

Lourancho 06  Lourancho 07

En diversas ocasións teño tentado profundar sobre os furanchos e a lexislación que os regula (A voltas con furanchos e loureirosA voltas con furanchos e loureiros, continuación).
Así, creo non equivocarme se afirmo con rotundidade que todos os locais que aparecen neste blog como ‘furanchos’ ou ‘louranchos’ son, en realidade, e segundo a lexislación actual, ‘cafés’ ou ‘bares’.

  Lourancho 07b

Por certo, todas as fotos son do Lourancho de Manolo, como sabedes, un dos meus favoritos no Salnés. Imos en día de resaca, na tardiña posterior á festa de aniversario: pulpeira, churrasco nas braxas, tortillas, orquestra, licor café, baile… Comenta Maribel que foi un éxito rotundo; máis de catrocentas reservas máis todos os que alí se presentaron sen ter chamado de antemán. Disque había xente das catro provincias galegas e que a troula foise ata ver a luz do sol.

IMG_3139

No Lourancho de Manolo, en lugar ben visible, para quen lle interese, está exposto o certificado da Consellería de Cultura e Turismo, con todas as sinaturas e carimbos correspondentes, e que máis ou menos vén dicir algo así como: ‘Expediente: tal, tal, tal… Vista a solicitude formulada por Fulanita, na súa calidade de Titular, referente á inscrición da empresa/actividade de CAFÉ-BAR, denominada O LOURANCHO, situado no lugar … Considerando que na tramitación do expediente observáronse todos os requisitos e formalidades establecidas polo Decreto 82/1987 de 26 de narzo…
RESOLVE: Proceder á inscrición da referida empresa no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas dentro do apartado I do anexo I) do referido Decreto 82/1987 de 26 de marzo…

Ou sexa, e que quede claro, que se escribo a merenda no Lourancho de Manolo, ou o viño con zorza no Furancho de Juan, ou a tortilla en calquera dos loureiros que xa andan por estas páxinas, é que merendamos no Café-Bar ‘O Lourancho’ ou no Café-Bar ‘O furancho de Juan’, que tal categoría é a que todos teñen.
Manter o de ‘furancho’, ‘loureiro’ ou ‘lourancho’ son retrincos de cada quen para bautizar o seu local mantendo a esencia tradicional do que en realidade son; o de ‘Furancho’ é nome propio do local, non a súa categoría. Todos cumpren os requisitos da lei, pagan os seus impostos e manteñen unha oferta dificilmente igualable por locais, digamos, máis clásicos (ou sexa, encorsetados, que non tradicionais). Quizá aí está o problema e o motivo das queixas fóra de ton.
E se substitúen o cartel de neón polo loureiro é que non precisan doutra publicidade.