Furancho Moncho. Travesía Casalvito, 25, Combarro (Poio). 629858821. Típico furancho con variedade de viños e tapas. Maior calidade nas tapas que no viño. Prezos por debaixo da media dos furanchos.

Cada vez estou máis convencido de que, no tocante a furanchos, non hai bos nin malos; hainos, en todo caso, un chisco mellores ou un chisco peores; os que serven un viño especialmente rico; os que destacan pola tortilla; por algunha tapa especial diferente á media; porque apostan polos doces; por aquel cabritiño que tomamos naquela ocasión; pola cantidade e variedade das tapas; polo prezo; porque vaias cando vaias nunca defraudan; porque che cae ben aquela moza que sempre nos atende; polo patrón, un exemplar único; polos espazos exteriores; ou polos interiores; porque teñen un horario máis amplo e flexible; porque están dentro das túas rutas habituais; polo licor café; en fin, por cen e un motivos, moitos deles persoais, que para ti marcan unha pequena diferenza nas preferencias persoais.
Pero, a perfección, nos furanchos, non existe.
Como tampouco hai furanchos que resulten horrorosos.
O furancho de Moncho, en Combarro, non destaca especialmente polos seus viños.
Hoxe somos seis adultos, a merendar, e tomamos dúas xerras de catalán e unha de albariño; ningún dos dous está como para tirar foguetes; acompañamos con dúas gasosas e un auga grande. O éxito deste furancho está nas súas tapas. A tortilla, con cebola, con xamón e/ou tetilla, é das especialmente zumentas e ricas.

De tapa, cos viños, traen unha empanada de atún que está bastante boa.



Ademais da tortilla pedimos unha de orella (está moi boa) e unha de richada (pemento morrón e non asado, carne no seu punto, patacas ben regadas co mollo do porco). As racións, en especial a tortilla, son de tamaño considerable).

Completamos a merenda cun prato de queixo con marmelo que, a verdade, era perfectamente prescindible.
O furancho conta cun espazo interior de tamaño mediano, típico e tópico, e outro espazo a cabalo entre terraza e galería; sentamos neste segundo e a experiencia foi moi agradable. O servizo é amable e moi dilixente. Á hora de pagar foron 10 euros por persoa, prezo que non está nada mal para o que consumimos; diría que destaca positivamente por estar un pouco por debaixo do prezo medio dos furanchos.
As tapas e o prezo son os que fan especialmente apetecible a este funancho Moncho.
Furancho Moncho
- Travesía Casalvito, 25
- Combarro Poio. 36995 (Pontevedra)
- 629 858 821
- GPS: 42.435959N, 8.701798O
- Cociña: Furancho
- Prezo: 10-12€