furancho alto da aldea

Furancho Alto da Aldea (Soutelo). Lugar de Soutelo 33, Goián (Pontevedra). 670599960. Auténtico furancho acollido ao Decreto 201/2012. Famoso polos seus viños e polos embutidos caseiros. Prezos moi, moi axustados.

Furancho Alto da Aldea Cartel

Temos falado en diferentes ocasións do tema furanchos. Do que significan na tradición galega. Da competencia ilegal. Do intrusismo…
A día de hoxe, moitos dos que no seu nome se anuncian como ‘furanchos’ están acollidos a outra variedade de establecemento de restauranción que non é a de furancho (bar, mesón, restaurante, tapería, etc…). Son poucos, este do Alto da Aldea (tamén coñecido como Furancho de Soutelo), que manteñen a auténtica esencia furanchil.
Ás veces non está de máis lembrar a lexislación que regula os furanchos (Decreto 215/2012, de 31 de outubro, polo que se regulan os furanchos da Comunidade Autónoma de Galicia).

Despois de caracterizar legalmente os furanchos (“locais utilizados principalmente como vivenda privada onde os seus propietarios/as venden o excedente do viño da colleita propia, elaborado en casa para o seu consumo particular, xunto coas tapas que, como produtos alimenticios preparados regularmente por eles/elas, servan de acompañamento”) o decreto especifica os requisitos prácticos que deben cumprir os furanchos:

  • O viño debe saír directamente do barril e, polo tanto, non pode ser embotellado.
  • Poden ofertar ata un máximo de 5 tapas entre as opcións que se marcan no Anexo correspondente (táboas de queixo-embutidos, pementos de Padrón, orella-chourizo, zorza-lombo, costela, ovos fritidos, sardiñas-xurelos na brasa, callos con garavanzos ou fabas, tortilla de patacas, empanada-empanadillas, croquetas).
  • Antes da tempada terán que cumprimentar unha serie de requisitos entre os que están a declaración obrigatoria do sector vitivinícola, a regularización da totalidade dos viñedos no rexitro correspondente, etc.
  • Deben observar os requisitos sanitarios referidos á lexislación de elaboración, distribución e comercio de alimentos preparados.
  • Cumprir a normativa de prevención e protección contra incendios, a sanitaria fronte ao tabaquismo e todas as que sexan legalmente aplicables.
  • Terán que ter follas de reclamacións.
  • Teñen que emitir un xustificante de pago dos servizos prestados.
  • Deberán ter en lugar visible a póla de loureiro que os identifica como furanchos.
  • Póliza de protección civil.
  • Documento de ter abonado as taxas correspondentes para a actividade.

Outros aspectos de interese que afectan á regulación dos furanchos poden ser:

  • A lexislación dos furanchos corresponde á Xunta de Galicia.
  • O rexistro e control depende dos Concellos.
  • Os furanchos só poderán abrir un total de tres meses ao ano.
  • O período de apertura irá desde o 1 de xaneiro ao 30 de xuño.
  • Excepcionalmente, e previa solicitude, a apertura poderá ir ata o 31 de xullo (sempre respectando o máximo de tres meses)
Furancho Alto da Aldea Pizarra Menú

Este ano, o furancho Alto da Aldea abre entre o 1 de maio e o 31 de xullo coas tapas e prezos que vedes na foto. O horario é de luns a venres de 20 a 24 horas e sábados, domingos e festivos de 12 a 24 horas. Os mércores está pechado.
Nun entorno rural, dispón dun amplo aparcamento. As mesas están todas no exterior aínda que a maioría cubertas. Así a ollo de bo cubeiro, ten capacidade para unhas cen persoas.
É imprescindible reservar pois está sempre a tope. Para facelo abonda con enviar un whatsapp a número de teléfono do furancho (670 599 960).

Furancho Alto da Aldea Lentellas

Somos dous e pedimos unha xerra pequena de viño branco (albariño); está bastante bo, mellor que a maioría dos que temos probado ultimamente noutros furanchos. Ten, ademais, un rosado elaborado con uvas de morango, e o tinto (múltiples uvas). A cazoliña de lentellas é a tapa de cortesía que vén hoxe co viño.

Furancho Alto da Aldea Embutidos

Para min, sen dúbida, e no tocante ás tapas, o protagonismo absoluto é para as táboas, neste caso de embutidos; trátase de embutidos caseiros: salchichón, chourizo doce e picante, xamón, lacón prensado con pemento e aceite, e un paté caseiro. Son todos moi, moi ricos, sen poder destacar ningún nin por arriba nin por abaixo (quizá, o xamón cortado a máquina un pouco fino de máis). O prato que vedes na foto é de media táboa, cun prezo de 6€, e máis que suficiente para dúas persoas.

Furancho Alto da Aldea Empanadillas

As empanadillas veñen precedidas da súa sona; son seis variadas (metade de bacallau e metade de legumes-pisto). Están boas. Quedounos a espiniña de probar a empanada.

Furancho Alto da Aldea Ovos con chourizo

Os ovos fritidos con patacas e chourizo. Os ovos están moi ben fritos, con puntilla e a xema preparada para mollar o pan; os tropezóns de chourizo moi ricos, e as patacas un pouco por debaixo da media, pero tamén boas.

Furancho Alto da Aldea Mirabeles

De sobremesa ofrecen cunca de kiwis ou cunca de mirabeis. Tiramos por unha de mirabeis para compartir; están no seu punto; maduriños e embebidos nun xarope ben elaborado.

Por todo o anterior pagamos 29€ (Viño 5€, media táboa de embutidos 6€, seis empanadillas 8€, os ovos fritidos con chourizo 6€, os mirabeles 3€ e 1€ polo pan.
O prezo está moi, moi ben. E da relación calidade-prezo…, mellor xa nin falar.
Opción óptima para unha comida, merenda ou cea, pero hai que aproveitar os tres meses de apertura e, en todo caso, reservar.

Furancho Alto da Aldea
  • (Furancho de Soutelo)
  • Lugar de Soutelo 33
  • 36750 Goián (Pontevedra)
  • 670 599 960
  • GPS: 41.956629N, 8.7818043O
  • Cociña: tradicional, tapas, furancho
  • Prezo 10-15 euros
  • Apertura: 3 meses ao ano (maio a xullo), luns a venres pola tarde; sábados, domingos e festivos mediodía e noite. Mércores pechado