furancho a de luis en castrelo

Furancho A de Luis en Castrelo, Cambados… Ou quizá habería que falar de bodegas Albamar? En calquera caso, un bo lugar para un bo viño, boas viandas e mellor compaña.

IMG_3729

Xa na tardiña do verán, con Luz e Luis e con ganas de probar algo novo.
Tiñamos a referencia de cando estivemos no seu veciño, Sito (tamén furancho, normal, coma outros tantos) e custounos pouco decidirnos.

A primeira impresión é favorable: bastantes inquilinos e, polo que se ve, todos veciños da zona, sen o maremagnum de cores, formas e poses no que se está a converter a zona de Cobas.
Viño branco en xerra que ao final foron dúas; bastante máis que aceptable, dos mellores da categoría… E iso que non falamos de palabras maiores, coma o propio Albamar, albariño embotellado, ou o Lusco, un mencía que dá ganas de probalo, ou buque insignia da adega, Sesenta e nove arrobas, albariño cun consistente paso por barrica do que leo ferventes loubanzas.

IMG_36812 IMG_36832

De acompañamento do viño, uns chinchiños acabados de fritir en aceite de categoría, no punto, ben torradiños por fóra: unha delicia.

IMG_36852

Logo a carta habitual: tortilla, luras…

IMG_36872

Tiramos por un pratiño de xamón (caseiro, cortado a coitelo) acompañado de tacos de queixo (demasiado frío) e as luras fritas enteiras (unha fonte enorme). As luras riquísimas, o xamón bo, e o queixo prescindible.

IMG_36892

Xa contra o final, e de acompañamento a segunda xerra de albariño, un prato de mexillóns guisados con cebola que reciben unha chea de parabéns dos incondicionais do mexillón que sentamos á mesa.

Polas dúas xerras de viño, as luras e o prato de xamón e queixo, que é o que en realidade pagamos, saímos a 7€ por cabeza.

Entra a formar parte do noso grupo de referencia entre os furanchos do Salnés.

Furancho A de Luís (Adega Albamar)
Aldea O Adro, 11, Castrelo.
36635 Cambados
660 292 750
Facebook

GPS: 42.479923N,  8.811947O
Cociña: Furancho
Prezo: 10-12€