fronteira gastrobar

Fronteira Gastrobar. Avenida de España 1, Valença, Portugal. +351967598489. Lugar de encontro e de partilha. Gastrobar, Tapas, Vinhos & Gins, Cafetaria e Bar. Menú do día completo por 8.50 euros.

Fronteira Gastrobar Ponte
Fronteira Gastrobar Tarxeta

O de Fronteira está claro e amósase de xeito inequívoco no reverso da tarxeta de presentación.
O Fronteira Gastrobar é a primeira construción que atopamos, á dereita, despois de pasar a vella aduana portuguesa tras a fermosa ponte internacional. Mesmo pode confundirse coa propia instalación da aduana. Por medio, unicamente o camiño de peóns que sube á fortaleza.
O de gastrobar tampouco necesita explicación. Trátase dun local moderno, dentro do clasicismo, cunha oferta moi aberta. Os apelidos que inclúen no nome (Tapas, Vinhos & Gins, Cafetaria e Bar) é unha boa proba disto. Pero, ademais, e para redondear a oferta, un menú do día tradicional.

Fronteira Gastrobar Sopa
Crema de cenoria

Hai uns días lía un interesante artigo na Voz de Galicia (O menú do día: 8 euros no norte de Portugal, 12,90 no sur de Galicia) que matizaba o titular con unha entradiña demoledora: “Os galegos cruzan a fronteira todos os días para comer e aforrar unha media de 5 euros”. Para ilustrar a noticia, a autora, a periodista Alejandra Pascual, inclúe ata cinco exemplos de menús do día cerca da raia nos que se pode comer cada día por menos dos nove euros. O percorrido comeza con A taberna do Caniço (Avenida de São Teotónio, Edificio Lepanto, en Valença); o xoves da visita do periódico ofrecían de primeiro un caldo de legumes e de segundo a escoller entre arroz de feijão, filetes de polo ou salmón grelhado, e, a maiores, bebida, café e sobremesa; e todo por 8 euros. O segundo exemplo é a Pizzeria Piazza (Largo Santa Marinha 1029, Vila Nova da Cerveira): sopa ou caldo e pasta ou pizza, tamén por 8 euros. O récord da reportaxe recae no Davide Afonso (Lda.Nacional 13, 79 Formigosa Gandra, Valença) que por sete euros propón un primeiro, segundo, café, sobremesa e bebida, con especialidades portuguesas. Como exemplo do outro lado da fronteira propón a Tapería Época e La de Manu, onde o menú completo custa 13 euros.

Fronteira Gastrobar Destacada

Na reportaxe figura, tamén, este Fronteira que hoxe analizamos. O día da visita do periódico ofrecían sopa (a sopa ou o prato de culler están sempre de primieiro) e un bacallau gratinado, que xunto coa bebida, a sobremesa e o café, son 8.50€.

Fóra do menú, a carta é unha mestura de tradición e propostas máis casuais dirixidas á xuventude. Hai Saladas (Noces e queixo, Caprese ou Presunto e parmesão, calquera delas por 4.90€); “Entre dúas fatias de pão” están as hamburguesas (de carne barrosã con queixo de Seia, bacon, leituga e mollo, 6€; a de alheira, con ovo, queixo, leituga e mollo por 5.90€; ou a de grão bico, con queixo, salada e mollo, tamén 5.90 euros; está tamén o Preguinho de vacia en bolo do caco con queixo e leituga con mostaza antiga.
Hai unha proposta máis formal, con propostas ‘Para comenzar’ como o Queixo da Serra con compota e tostas (4.90), a Táboa de queixos nacionais (ovella, vaca, amanteigado, doce e tostas, 9.50€) ou a Táboa Mista (presunto, enchidos e queixos, 13.90€).
O apartado de ‘Tapas’ é, quizá o máis consistente e novidoso con propostas como a Alheira con mazá acaramelada e compota (5.40€), Gyozas de legumes con alga wakame e mollo agridoce, 6€, ou os Cogumelos recheados de queixo e beicon, 5.50€, sen esquecer os clásicos como as croquetas, as gambas ao allo ou os rissois de bacallau.
E, xa para rematar, unha contundente proposta de carnes: Posta barrosã 16,90€, Chuletão de vitela para dúas persoas 26€, Segredos de porco 9€ ou o Pernil a baixa temperatura con pataca rústica e ensalada, 14,90 euros).

Fronteira Gastrobar Pescada
Pescada
Fronteira Gastrobar Sobremesa
Xeado e café

Un pequeno inconveniente é que o menú do día é pechado, non hai onde elixir: un primeiro, un segundo e unha sobremesa.
Hoxe, de primeiro, unha crema de cenoria; perfecta, como adoitan ser estas ‘sopas’ en calquera local portugués. Quentiña, no seu punto, sabe a gloria.
O prato consite nuns filetes de pescada acompañados de arroz e ensalada. Aquí xa entra un pouco máis a filosofía do local; a pescada vén rebozada en pan raiado de textura grosa e contundente, moi crocante e cubrindo un peixe saboroso e moi zumento; acompáñase cun mollo tártaro: rico e suave, sen pasarse nos sabores; a ensalada vén perfectamente temperada con aceite de oliva e con vinagre de Módena; o vinagre dálle un plus de sabor. O arroz, coma sempre, moi rico.
A sobremesa de hoxe é unha mazá asada e, ante a miña negativa (non está entre as miñas preferencias) ofrécenme xeado de vainilla.
Café, unha xenerosa copa de viño tinto (máis que aceptable para o prezo da comida), e sen trampa nin cartón: 8.5 euros.
Un menú moito máis que recomendable.

O servizo non destaca por virtudes nin por defectos, pero resulta correcto e eficiente.
O restaurante ten dúas zonas diferenciadas, a interior y unha especie de terraza cuberta; o comedor interior está totalmente ateigado e, ademais, a maioría das mesas con reservas. Está moi mal día e non hai demasiados galegos animados pola feria. Entre a xente local, hai unha variedade absoluta de feituras: desde o fato de traballo e o chaleco reflectante ata a garavata e o traxe sastre en mozas.
A maioría, por non dicir o comedor enteiro, está aquí polo menú do día.
Pola contra, semella que moitas das mesas da zona semi-exterior están comendo a base de tapas.

Fronteira Gatrobar
  • Avenida de Espanha 1
  • 4930-677 Valença (Portugal)
  • +351 967 598 489
  • GPS: 42.033983N, 8.644330O
  • fronteiragastrobar
  • Facebook
  • Cociña: tradicional, casual
  • Prezo: menú do día 8.5 euros
  • Peche: luns e martes