estreando a estrela de rui paula

Estreando a estrela de Rui Paula na Casa de Chá da Boa Nova cun menú sensacional nun edificio de Álvaro Siza declarado patrimonio nacional: comer mar literalmente dentro do mar.

Boa_Nova_Tea_House_Renovation DSC00001_2

Do edificio xa pouco queda por dicir…
Só que, sendo este un espazo de gastronomía, a Casa de Cha mereceu unha entrada propia.

E de Rui Paula… Tampouco.
Despois das nosas visitas ao DOC e ao DOP, xa nos tardaba o momento de probar a Casa de Cha, así que, aproveitando unha vez máis a escusa dunha celebración, ala nos fomos o pasado sábado.

Podemos falar dunha experiencia única.
Por unha banda a sensación de estar a comer nunha icona da arquitectura moderna, case, case no medio do mar, e, por outra, a posibilidade de degustar unha cociña da que somos incondicionais e, aos poucos, case adictos.

A comida, de principio a fin, un pequeno alarde de teatralidade ben entendida.
Despois de acomodarnos, e tras un par de minutos para gozar do espazo, comeza o espectáculo. Un aperitivo? Non; directamente auga…
E inmediatamente, e sen pedir nada, catro snacks cos saúdos do chef.

DSC00008 DSC00011
DSC00014 DSC00015

Moi boa apertura. Un pouco de todo o que vai ser a comida. Creo que me quedo co cucurucho con queixo fresco e salmón e co mácaron de choco.

Pequeno respiro e chega a carta.
A Casa de Chá propón dous menús longos (9 pratos, 14 momentos, 120€; un exclusivamente do mar, ‘Atlántico’, e outro de ‘Mar e terra’) e un menú curto, o ‘Boa Nova’, en principio cun entrante, un peixe, unha carne e unha sobremesa (en todos os casos a elixir entre dúas posibilidades (85€); decantámonos polo menú curto e por pedir para poder probar toda a oferta.
Ademais, están os chamados ‘clásicos’: “Arroz caldoso de peixe e lavagante da nossa costa”, “Cataplana de peixe e marisco” e “Robalo ao Sal” (todos a 80 euros para dúas persoas)

DSC00019 DSC00020

Nova pausa para pensar nas bebidas e probar ata tres manteigas caseiras e tres pans diferentes –tamén de elaboración propia–. Carmen bebe cervexa e eu fago caso ao sumiller cunha copa dun Alentejo reserva de 2005.
E, agora si, arriba o pano.

DSC00022 DSC00025

Primeiro acto: dúas novas sorpresas de parte do chef. Unha sopa de bacallao e unha crema de cogumelos con raviolis e trufa. Vaia comezo! En especial este último; para min convértese nun dos grandes momentos da comida. Ademais, é a ocasión que aproveita o chef para presentarse e ser el quen raia a trufa por riba do prato de cogumelos. Logo, ao longo da comida repetiría o seu paso polas mesas ata en tres ocasións máis; sempre cunha actitude absolutamente próxima e amigable. Cumpre á perfección co seu rol de mestre de ceremonias mediático na representación.

DSC00029DSC00033

O entrante: A cola de cigala e a anguía. Dous pratos que destacan pola súa presentación, a diversidade de bocadiños (sabores) e primacía do mar nun contraste mar-terra. No meu caso (a anguía) sabores absolutamente demoledores pola intensidade e a variedade exquisitamente conxuntada.

DSC00034 DSC00037

Os peixes: a ‘caldeirada’ (peixe da nosa costa, lula e ‘petinga’) e o robalo ‘no seu hábitat’ (con bivalvos, algas e salsafi). Tócame, de novo, bailar cos sabores máis intensos, en especial no tocante ás dúas ou tres variedades diferentes de algas que acompañan o robalo. Todo o prato mar en estado puro.

DSC00043 DSC00048

Entrecosto de Wagyu (con setas e coliflor) ou o coello de monte. Sen menosprezar o costelar do coelliño, aquí o protagonismo é para Carmen. A súa carne é outro dos momentos estelares da noite; simplemente fantástica. Textura inigualable, sabor delicioso, contrastes exquisitos…; calquera parecido cos tochos de carne que ultimamente me sobran cada vez máis, pura coincidencia.

DSC00054

Pequeno respiro para refrescar a boca (xeado de queixo e xeado de ruibarbo) e directamente ás sobremesas:

DSC00058DSC00060DSC00062DSC00064

Coas sobremesas, e de novo, ‘variados’ de pequenos bocados nunha sucesión constante de saboriños sutís, de cores, de texturas, de formas… A miña sobremesa leva coma fío condutor a pera.

DSC00070  DSC00071

Café, petits fours… e o prezo esperado: o menú con todos os extras, que non foron poucos, 92€ por persoa.
Si, entendo, son moitos cartos… Ás veces pregúntome se, nos tempos que corren, non será un pouco obsceno pagar (cobrar?) estes prezos por unha simple comida.
Logo, por outro lado, tentas autoxustificarte con que é o único vicio que tes, con que se unha entrada para o fútbol ou para un bo teatro, con que a comida realmente o vale…
O local, que houbo que rehabilitar e agora manter; o servizo, numeroso e extremadamente profesional; o traballo de investigación e creación que hai detrás de cada un dos trinta ou corenta bocados que ao final acabas levando á boca; o pequeno (ou grande) punto de tontería que hai detrás dos recoñecementos gastronómicos mediáticos (léase estrela Michelín)…
En fin… Metres poida seguir permitíndome o luxo, farei un par de excesos e seguirei pagando dúas veces ao ano estes prezos desvergoñados…
… E a Casa de Chá da Boa Nova é un deses locais nos que, sen dúbida algunha, non me importaría repetir.

Casa de Chá da Boa Nova
Rui Paula

Avenida da Liberdade. Leça de Palmeira
Matosinhos, 4450-705
351 229 940 066
351 932 499 444
GPS: 41.202808N,  8.714683O
Cociña: Moderna
Peche: Domingo. Luns mediodía
Prezo: 85-120€
ruipaula.com
Estrela Michelín
2 soles Repsol
Nº 1 de Matosinhos en TripAdvisor
Restaurante 31 de Portugal 2015 do Mesa Marcada