espectacular relación calidade-prezo

O restaurante Luís (Cobres, Vilaboa) é un furancho reconvertido a restaurante. Cunha ampla carta de restaurante na que non faltan os mariscos, mantén prezos e variade de viños de furancho.

Restaurante Luis Vilaboa 02

Tiñámoslle ganas e onte, case por casualidade, caémonos por alí.
A primeira impresión é que se trata dun local enorme; dous comedores; un máis tradicional, en plan batalla, para arredor de 80 persoas e outro, bastante máis grande, con aspecto de carpa. Disque en verán a terraza é un luxo.
O servizo é amable e, imprescindible nun local deste tamaño, moi rápido e dilixente.
Na carta non falta de nada, nin sequera as recomendacións do día (hoxe, unhas coliñas de peixe sapo, 8€, en salsa verde ou ao forno, e sargo á prancha 10€).
Mariscos: navallas (9€), boi (15€/kg), nécora da ría (3€ unidade), centola da ría (30€/kg), ameixas ao vapor (5€), vieira (4€ unidade), zamburiñas á prancha (7€)…
Tapas: Polbo á feira (9/12€), croquetas (marisco ou choco na súa tinta, 3€), zorza (3€), luras (4€), ovos fritidos (3€), tortilla de patacas (pequena 3€, grande 4€)…
Peixes: pescada 6€ (romana, galega, prancha), peixe sapo 8€ (galega, prancha), rodaballo (prancha 8€, forno 9€), robaliza ao lombo (10€)…
Carnes: cordeiro asado (8€), chuletón de vaca (15€), entrecosto á pementa (11€), xamón asado (4€), solombo á prancha (10€) ou á pementa (11€)…
E aínda quedan as especialidades da casa: fideo con ameixas (7€), Peixe sapo con fideo e ameixas (9€), rodaballo guisado con ameixas (9€), arroz con lumbrigante (20€), arroz estilo furancho (8€), choquiños con arroz (6€), bacallau ao forno (9€)…
Ensalada mixta (3€) e ensalada completa (6€); caldo ou sopa (2€).
A bodega xoga con varias denominacións embotelladas para o restaurante (incluído un Rioxa), oferta aceptable de viños galegos e algúns do resto de España. Non é gran cousa pero, dadas as características do local, ata podemos considerala unha boa oferta.
Probamos un Godello da casa (4€) que se defende máis que dignamente no contexto da comida.

Restaurante Luis Vilaboa 15

Decidimos probar a bandeixa de mariscos (25 €).
Consta de bruño, boi, 2 nécoras, lagostinos e un puño de percebes.

Restaurante Luis Vilaboa 16 Restaurante Luis Vilaboa 17 Restaurante Luis Vilaboa 18

En contra de toda lóxica (prezo), resulta moi ben. Os lagostinos, o bruño e os percebes, realmente bos; a nécora estaba rica de substancia aínda que non estaba chea a rebentar e o boi normal. Globalmente paga a pena.

Restaurante Luis Vilaboa 19

A continuación, unha empanada caseira; había de carne e de luras e optamos por esta última; moi rica, masa fina e interior saboroso e nada graxento; gustounos moito.

Restaurante Luis Vilaboa 20Restaurante Luis Vilaboa 21

No caso das sobremesas falamos, de novo, dunha oferta moi ampla e tentadora. Ademais da carta de xeados de fábrica, moitas opcións de elaboración caseira: torta de queixo fría e ao forno, filloas con crema nata ou mel, cañas, torta de café, flan caseiro, flan de café, torta de caramelo, mirabeis ao Porto, queixo con marmelo… Todos os doces a 3€ e probamos unha tarta de mouse de chocolate (moi rica) e a tarta de chocolate da avoa (en tarro de vidro, menos substanciosa, non tan lograda como a de mouse).

En fin, pagamos 20.5€ cada un.
O restaurante Luís hai que entendelo, valoralo e querelo no seu contexto. Todo en Luís é de batalla; todo menos os prezos (opinade por vós mesmos cos exemplos que anotei), que están por debaixo das espectativas, e a calidade da comida, que está claramente por riba dos prezos. Local para repetir. Unha uva non fai acio pero, pola nosa experiencia de onte, Luís e un local máis que digno (moi recomendable) para levar a eses familiares de Madrid (algo quisquillosos) que nos visitan pensando que Galicia é Eldorado do marisco.
Ah!, unhas últimas puntualizacións: o restaurante esta por riba da área de servizo de San Simón (AP-9), para chegar non é difícil pero hai que saber por onde pasar por debaixo;  as vistas sobre a parte interior da ría de Vigo son espectaculares; malia o tamaño e a enorme oferta de prazas, en sábado, domingo e días sinalados está a tope e convén reservar; por se acaso, o restaurante conta cunha sucursal, seica das mesmas características, en Domaio. Luís conta, ademais, con hostal.

Restaurante Luís
Nores s/n. San Adrián de Cobres
36141 – Vilaboa (Pontevedra)
986 672 250
GPS: 42.320278N  8.664270O
www.restaurante-luis.es
Facebook
Cociña: galega
Prezo: 10-20€
Peche: noite; luns