durmir no porto

Aproveitando a proposta de coñecer os 6 santuários de bem comer nunha fin de semana, propóñome actualizar a miña información sobre onde durmir no Porto, base máis que apetecible para a nosa excursión gastronómica.

Porto Panorámica dende Gaia2

Porto é unha gran cidade, moi cosmopolita, con evidentes influencias británicas debidas á  histórica relación dos ingleses co viño do Porto.
A lista de nomes para definir locales onde pasar a noite é moi ampla en Portugal: hotel, pousada, albergaria, pensao, residencial, hospedaria, motel, estalagem…, e, por se non fose suficiente,  habemos de sumar as de novo cuño (‘hostel’), e as xa mencionadas de sangue inglés (‘guest house’ ou ‘bed&breakfast’).

Restaurante The Yeatman 01

Para dar forma a un comentario que intúo vai ser longo e denso e para facilitar a lectura (e non aburrir), vou dividilo en cinco entradas diferentes.

Hotel AC Porto 03

Unha, esta na que estamos, xa vedes de que vai: matizacións e aspectos comúns sobre o que serán as seguintes publicacións.

Grande Hotel de Porto 4

A segunda das entradas vou facela tomando como referencia a que xa sabedes é a miña páxina de cabeceira para todo o que se coce no Porto: O Porto Cool.
Trataríase, por darlle unha sona, dos Hoteis máis cool.

Color en Porto 01

Cambiando totalmente de tercio, o seguinte comentario será para ‘Durmir no Porto a un prezo razoable’. Aquí destacarei algúns dos locais que nacen para dar acougo ao público xuvenil: os típicos albergues e os que se agrupan no novo cuño de ‘hosteis’: locais con filosofía mochileira pero sumamente coidados no ambiente, servizos, prezos… e sobre todo no deseño.
Todos eles baratos e cada vez máis unha opción válida para os que xa non somos ‘tan novos’.

Palacio do Freixo 10

Un modelo que está a se estender por Porto nos últimos meses é o dos ‘Apartamentos turísticos’. Trátase de casas antigas exquisitamente rehabilitadas, en zonas estratéxicas, co modelo do aluguer (por días) e dirixidas ao visitante de turismo ou de viaxe curta de negocios, que quere estar ‘como na casa’

Porto Casas Baixa2

E, xa por último, algúns locais, a maioría hoteis tradicionais, que non están nos grupos anteriores e poden pagar a pena. Son algúns dos que, fóra os contemplados nos grupos anteriores, podemos atopar en calquera das numerosas páxinas de reservas de hoteis que hai en Internet.

Hotel Silken

En todo caso é unha selección moi particular tomando como referencia a miña experiencia no Porto e os comentarios de numerosas e variadas webs. Obviamente non coñezo todos os mencionados (nin sequera a maioría); pero ben como aloxamento, para comer ou tomar unha cervexa, ou para unha simple visita de recoñecemento, falo con coñecemento de bastantes deles.
Os prezos, salvo que se indique o contrario, son os que aparecen na páxina correspondente (O Porto Cool, Booking, o propio hotel…) para un cuarto dobre sen pequeno almorzo.