diverXO. definitivamente SI

Antonte a dúbida –gastronomicamente quasi existencial– xiraba arredor de se unha comida en Diverxo pagaría a pena. Hoxe teño que afirmar de xeito inequívoco, sen ningún tipo de remorso, que si.

Diverxo

Estou a falar co corazón e cuns sentidos que, vintecatro horas despois, seguen a flor de pel, dunha memoria que aínda é presente apegada ao padal. A opinión da cabeza xa chegará, a fondo, sen reservas, en forma dunha análise, punto por punto, dos diferentes aspectos que poden dar vida e forma a un restaurante desta magnitude.
Diverxo é o noso primeiro tres estrelas Michelín, e á marxe de polémicas territoriais, tamén único nunha cidade tan gastronómica como é Madrid.
A comida en Diverxo custounos a frioleira de 435€ (217 euros por cabeza).
Non é momento de pronunciarse sobre se merece ou non as tres estrelas, tampouco sobre se hai outros restaurantes en España que deberían estar por diante de Diverxo no máximo recoñecemento Michelín.
As reflexións sobre se realmente vale o que custa, ou sobre a ética (de quen cobra, pero tamén de quen paga) duns precios desorbitados, tamén terán o seu espazo.

Hoxe a cuestión é bastante máis sinxela e persoal: estamos arrepentidos da ‘experiencia’ diverso?, pois sinceramente non. Pagounos a pena o esforzo ecónomico? Si. Sen dubidar un segundo.
E, por suposto, o noso particular criterio de valoración: volveríamos pagar un prezo similar por repetir comida en Diverxo? Aquí, sen entrar en contradicción coas opinións anteriores, teño que responder abertamente que non. En primeiro lugar porque en caso de gastar de novo máis de dous centos euros por comensal nunha comida, preferiría coñecer outro restaurante dese nivel, Aduriz, O Celler de Can Roca ou mesmo Belcanto, por poñer só tres exemplos que me veñen neste momento á cabeza. E, en segundo lugar, estamos a falar de comidas excepcionais para momentos excepcionais a prezos excepcionais. A excepción, por repetición, pasa a ser norma e se lle dá menos aprezo. A próxima excepción, cando toque, non será en Diverxo.