disfrutar galicia. guía de restaurantes 2012

Despois de demasiados días apertando o cinto, tamén dun par de intentos que non chegaron a ningures, o xoves de semana santa pillounos polo norte.
O meu descoñecemento da zona levounos a pedir acougo á penúltima guía de restaurantes galegos.
Trátase de ‘Disfrutar Galicia. Guía de restaurantes 2012‘, publicación de La Voz de Galicia (2012) coa recompilación das críticas semanais que saían os venres nas Fugas e na actualidade, tamén os venres, na sección de Sociedade.

_1090498

Son máis de 800 restaurantes de toda Galicia agrupados por zonas segundo as edicións rexionais do propio periódico; as zonas diferéncianse por cores.
Dentro de cada zona figura en primeiro lugar o concello cabeceira da rexión e a continuación o resto de municipios por orde alfabética.
Os restaurantes están clasificados en tres grandes grupos en función do ‘nivel’.
Os de primeiro nivel destacan coa crítica a páxina completa, os de segundo nivel cobren entre dous unha páxina e, por último, nas grandes cidades aparece unha relación final de establecementos de terceiro nivel.

_1090504

Nunha primeira lectura, de achegamento, paréceme unha boa referencia.
A publicación céntrase en Galicia e isto coincide cos intereses deste blog.
As referencias son moitas e variadas, sen centrarse en modas pasaxeiras, conceptos de cociña, sector de prezos, feitura externa, etc.
A información dos restaurantes é bastante completa con datos que poden axudar a unha elección.
Información conpleta: de servizos por medio de símbolos (reserva, barreiras físicas, climatización, wiffi, tarxetas…), prezo medio, teléfono de reservas, día(s) de peche, coordenadas GPS, enderezo, un exemplo de menú (entrada, prato e sobremesa) recomendado e con prezo real (no momento da visita), e unha descrición máis subxectiva na que poden entrar aspectos como historia do local, curiosidades, outros pratos destacados, datos sobre ocociñeiro(a), etc.

_1090503

Despois do éxito rotundo coa recomendación de La Solana, o segundo achegamento deixa un par de dúbidas de edición facilmente subsanables. Por exemplo, e esta é unha cuestión moi opinable, así como o interior me parece impecable, non acaba de convencerme o deseño exterior da publicación; ese ‘Galicia’ escrito con chourizos, pementos, grelos e filloas antóllaseme demasiado obvio, folclórico, simple, máis propio dunha edición ‘de andar por casa’ que dun libro profesional con vistas a facerse un oco no mundo editorial.
Os cambios de criterio poden despistar. Cada provincia consta co municipio capital de provincia e arredores en primeiro lugar; a continuación o resto de zonas por orde alfabética. No caso de Lugo, a sección dedicada á Mariña aparece antes que a propia capital. Todas as provincias están divididas en zonas e estas en concellos; Ourense figura co propio concello en primeiro lugar, a continuación un apartado denominado ‘Ourese Área Metropolitana’ (restaurantes e concellos dos arredores de Ourense sen unha ordenación clara) e por último a enumeración, un tanto desordenados, outros 17 concellos da provincia.

_1090503

Mais o que nun principio podería asomar coma unha certa falta de orde ou de criterio, enseguida destaca como algo máis grave.
Restaurantes da categoría de Galileo ou A Rexidora figuran nese estraño apartado bautizado como ‘Ourense Área Metropolitana’; Galileo está no concello de Pereiro de Aguiar e A Rexidora en Barbadás; o concello de Pereiro de Aguiar conta cunha representación de suficiente peso como para figurar de xeito autónomo como figuran outros moitos concellos galegos (cando menos dous restaurantes de primeiro nivel -Galileo e O Roupeiro- e outro de segundo nivel -La Table-).
Mentres no resto de provincias o concello capitalidade figura nun apartado propio cos restaurantes da capital (os tres niveis) ao principio do capítulo e os concellos próximos a continuación, por orde alfabética, o concello de Pontevedra figura xunto cos de Poio, Bueu, Sanxenxo…, mesturados os concellos e ordenado o apartado polo nome dos restaurantes. O concello de Bueu figura neste capítulo (A Centoleira, A Estrella, Cachafeiro…), pero tamén na zona de Vigo como concello específico (O Pescador)…
Sen entrar nunha absurda discusión localista, que creo non é o caso, semella que a guía está especialmente coidada para a provincia de A Coruña, menos para Lugo, bastante menos para Pontevedra e moitísimo menos, case nada, para Ourense.
Entendo que La Voz de Galicia é unha empresa de A Coruña e que queira ‘tirar para casa’ (acaso non tira este blog descaradamente cara ao sur?), pero os desaxustes son de tal calibre (para unha empresa de información con medios para facelo bastante mellor) que o título de ‘Disfrutar Galicia’ me parece claramente inapropiado.
Por moito que me esforce non atopo ecuanimidade nunha guía de restaurantes de Galicia con bastantes máis referencias da provincia de A Coruña (425) que do resto de provincias galegas xuntas (368 en total, 178 en Pontevedra, 114 en Lugo e 76 en Ourense). É posible que a provincia de A Coruña estea por riba das outras en oferta gastronómica (insisto, ‘é posible’, nin afirmo nin nego, non dispoño de criterios obxectivos… Santiago pesa moito…), pero si afirmo nitidamente que esa posible supremacía non é, nin moito menos, nas proporcións que presenta o libro.

_1090503

Que conste, volvo a repetir que a publicación me gusta globalmente.
Gustaríame bastante máis, ben con outro título diferente (que non fixese referencia a toda Galicia), ben cunha maior equidade xeográfica nas referencias.

Ah!, e por certo, se falamos dunha manifestación cultural (e creo que a gastronomía si que o é), feita por galegos, en Galicia, cun mercado potencial de distribución case limitado aos propios galegos, non acabo de comprender por que a publicación non está en lingua galega.