dicionario da comida galega

O Dicionario da comida galega, de Xavier Baixeras, é un marabilloso percorrido por toda a cultura gastronómica de Galicia, da a á z. Un dicionario, si, e moito, moitísimo máis.

Dicionario comida galega 1

Teño escrito en diferentes ocasións (Dicionario de alimentación e restauración) como este dicionario, da autoría de Manuel González (á cabeza dunha decena de especialistas, construído ao abeiro da Real Academia Galega da Lingua, e editado pola Xunta) é o meu referente, o amigo inseparable que sempre teño ao meu carón cando sento a escribir (claro, en galego) sobre todos estes temas relacionados coa gastronomía.
Pode ser decargado en formato pdf neste enlace ou pinchando na imaxe de abaixo, da súa portada. Trátase dun dicionario multilingüe (galego-castelán-inglés) e presenta miles de entradas centradas, case que exclusivamente, nos alimentos.

DicionarioAlimentaciónRestauración

Por outra banda, cando eu empezaba con todo isto da cultura e a arte das cousas do comer, aparecía nas librerías o Diario de comidas (Galaxia, 2004), do poeta Xavier Rodíguez Baixeras. Era, exactamente, o contido da práctica que eu estaba a facer para un curso de elaboración de páxinas web para mestres: reflexar nunha especie de diario todo aquilo que sucedía ao meu arredor relacionado coa comida.
Dalgún xeito converteuse no meu ideal; o mellor afago que pensei daquela, e que hoxe manteño, e se cadra aínda con máis intensidade e convicción, foi que non me tería importado en absoluto que fose o meu nome o que aparecía na portada daquel libro.

DiarioDeComidas

Hoxe xúntanse estes dous libros nun só: un dicionario de comidas da autoría de Xavier Baixeras. A priori, unha chea de esperanzas e ilusión depositadas neste proxecto.

Agora que xa o teño nas mans, que, malia o seu peso, podo acariñalo e darlle voltas, e pasar as follas admirando, simplemente, as fotografías, ou parar de súpeto para ver, por exemplo o que nos conta sobre o perixel (e como o define, e como aporta outros xeitos de chamalo –pirixel, prixel, prexel, prinxel, perixil–, e como inclúe toda unha serie de cántigas populares nas que o perixel adoita relacionarse coa rapazas e temas amorosos, e as épocas de sementa e recolleita, etc).

É un dicionario, claro, o título non engana.
Pero, tamén, unha enciclopedia, un libro de consulta, de ciencia, de filoloxía, de socioloxía, de etnoloxía, de tradición; e, por riba de todo, un texto literario co que pasar un fermoso rato de lectura; sen máis.

Disque son ‘miles de voces’ que abarcan, en orde alfabética da a á z, tanto os alimentos coma os utensilios, técnicas ou persoeiros galegos da historia da gastronomía.
Cada entrada vén, necesariamente, coa definición e a etimoloxía; e, ademais, e segundo o caso, complétase con anécdotas, con receitas, con comentarios doutros autores, con cántigas ou poemas, con aspectos sobre a produción, cría ou agricutura, por suposto con moitas fotografias, etc.

Dicionario comida galega 3

Trátase dun libro de gran formato (máis de 24x27cm), papel satinado de alta calidade, pasta dura, profusión de imaxes a varias cores, etc. O seu prezo é elevado, moi elevado (50€), pero eu diría que resulta barato e, á larga, moi, moi rendible.
Porque se trata dun libro necesario. Nesario polo que representa de plasmación impresa dun anaco da historia da gastronomía galega, da lingua, da tradicion, da cultura. E, necesario, tamén, polo que aporta, nun momento de especial incerteza de pervivencia, ao futuro da lingua galega.
Unha inversión.

Está publicado pola alaricana Aira editorial coa colaboración, para o deseño e maquetación, dunha editorial especialista en libros de gran formato e edición especialmente esmerada (e un nome engaiolante): Engaiolarte.

Un libro que, por se todo o anterior fose pouco, posúe unha feitura moi fermosa, un perfecto ‘obxecto de decoración’. Un libro que pode vivir, con desleixo e sen preocupacións estéticas, enriba da máis delicada das mesas de deseño para, segundo recomendan os deseñadores e arquitectos, dar sensación de que o noso fogar é unha vivenda ‘viva’, onde vivimos xentes que gostamos de libros coma este Dicionario da comida galega de Xabier Rodríguez Baixeras.