degustando a cociña de josé avillez

Na nosa última visita a Lisboa (Por que gosto tanto de Portugal), e para esa cea especial que sempre gusta facer en cada viaxe, procurei as distintas opcións do chef portugués de moda: José Avillez.
Daquela aínda contaba cunha soa estrela Michelín (pronto chegaría a segunda), pero o prezo do Belcanto pareceume inasumible… e no Cantinho non conseguimos mesa. O resto das propostas (Café Lisboa, Pizzeria Lisboa, Café-Bar), non reunían os requisitos para a ocasión.
(Por certo, Lisboa é unha cidade cunha inmensa oferta gastronómica, pero andade con moito ollo: se nos centramos nos locais que poderíamos chamar ‘gourmets’ e os de moda, resulta especialmente cara).

DSC00302DSC00304DSC00306DSC00309DSC00311

Foi cando, co éxito que xa vos contei, caímos no 100 Maneiras.

DSC003112

O sábado 29 de agosto, por fin, conseguimos comer no Cantinho do Avillez, neste caso no que leva algo máis dun ano en Porto, na Baixa, na rua Mouzinho da Silveira (si, esa rúa de tráfico ás veces insoportable que baixa de Sao Bento á Ribeira).

DSC00266DSC00268DSC00270DSC00272

O Cantinho vén ser unha tasca tradicional adaptada á estética máis rabiosamente actual… E a cociña do Cantiño, pois exactamente igual: pratos –a maioría– do fondo de armario portugués, pero co marabilloso toque Avillez (como el mesmo di, produto das súas viaxes).

DSC00282

A proposta é bastante ampla e aberta, e inclúe a ‘revisión’ de clásicos (a inevitable francesinha portuense ou unha ‘simple’ hamburguesa –barrosa–) ou novas e sorprendentes invitacións (como os xa afianzados Peixinhos da horta com molho tártaro ou o Risotto de cogumelos Portobello com toucinho fumado, parmesão e manjericão….)

DSC00273DSC00277

O saúdo do chef chega en forma dunha cunca cunha crema fría de tomate (a taza de estaño, daquelas de antes), outra con olivas aliñadas e un pratiño de manteiga adozada cun aire de allo e trufa negra.

DSC00287 DSC00288

Compartimos dous primeiros: un Atum de conserva caseira com maionese de gengibre e lima, e a Terrina de foie gras com compota de cebola e tostas. Calquera dos dous totalmente recomendables, se ben, e pola novidade e polo tratamento, tiro máis polo atún.

DSC00296

De segundo tamén compartimos as Lascas de bacalhau com migas soltas, ovo BT e azeitonas explosivas. Aquí si que a reinvención da broa (ademais da raiadura de por riba, os picatostes –para os máis puristas ‘carochos’–), a base de repolo e feixóns salteados co sabor do bacallau, ou as olivas explosivas, transforman un clásico nunha opción digna de facerse uns quilómetros para probala.

Comimos con cervexa, non tomamos sobremesa e si café, e pagamos 24€ cada un. Comida máis que suficiente para os dous; cualidade, creatividade e tratamentos realmente excepcionais e prezo –case– irrisorio para o número un da cociña portuguesa do momento.
Especialmente recomendable.

DSC00261 DSC00250 DSC00259

Como colofón, non perdades un paseo pola rua das Flores.
Está enorme, que se sae.

O Cantinho do Avillez
José Avillez
r/ Mouzinho da Silveira 166
4050-416, Porto
Teléfono: 351 223 227 879
GPS: 41º08’35.7”N  08º36’48,2”
Localización en Mapas de Google
Web