davide afonso

Restaurante Davide Afonso. EN13, 79 Gandra (Valença, Portugal). +351251825420. Na vella estrada de Porto. Restaurante portugués, local, moi racial. Comida tradicional en cantidades e prezos populares. Bo menú do día.

Davide Afonso Destacada

No baixo (enorme) dunha casa na estrada vella que saía para Porto; moi cerca de onde estaba o mítico (para os que xa temos unha certa idade) Lido.
Sen concesións de ningún tipo nin á decoración, nin a calidade dos materiais, nin a nada superfluo. Ao Afonso vénse comer. E, a este nivel, non defrauda. Hoxe, mércores, de mediados de marzo, un pouco pasada a unha e media, teño que esperar (non moito) para acceder a unha mesa. Logo, a medida que os máis madrugadores van rematando, a maioría das mesas ocúpanse por segunda vez. Entre os comensais mandan os locais, e, dentro destes, dous grupos ben diferenciados e bastante equilibrados: os traballadores que están ao menú do día, e os que están á carta, neste caso mandan as parellas dunha certa idade. Ademais, un grupo numeroso (diría arredor de 40) de viaxeiros españois da ‘terceira idade’ (por certo, imaxino que menú a prezo cerrado para grupo: arroz de marisco -disque unhas das especialidades da casa- e o bacalhau á moda da casa; non sei canto van pagar pero imaxino unha magnífica relación calidade-prezo.

O servizo, tamén sen concesións; trato correcto, un sorriso permanente, cunha palabra amable, e sempre correndo; de feito, entre tres persoas dan conta de todos os que estamos aquí a comer.
A carta non ten segredos. Sopa de legumes e caldo verde (2 euros e pouco); gambas ‘à La Guillo’ 10.95€; saladas (mista 5.60€, de tomate 4,45€). Entre os peixes, o mencionado arroz de marisco (23.85€), o bacalhau da casa (individual 21,65€, dose completa para dous 32,75€), os filetes de pescada (12.95/7.95 euros), ou o polbo (cocido ou na brasa). Entre as carnes destacamos o anho assado (18.95/12.95€), o lombo de porco assado (15.70/10.45 euros), o churrasco misto (18.95€ a dose completa), a picanha na brasa (27.50/17.50 euros) o bife à Afonso (19.45€), etc.

E, claro, o menú do día, coñecido dos dous lados da fronteira. Entrante, prato principal, pan, café e sobremesa, 7 euros (7!!!); a bebida cobrárona á parte:2 euros por unha botella pequena de viño do Texo, da Adega cooperativa de Cartaxo, óptimo para un menú do día.

Davide Afonso Sopa

De primeiro, a sopa de legumes; neste caso dominaban a cenoria e unhas follas de repolo e resultado está moi bo; fondo en forma de puré lixeiro e tropezóns das verduras; quentiña e moi, moi rica.

Davide Afonso Carne Asada

De prato principal hai para elixir entre o robalo (na brasa) e a vitela asada no forno. Pido a carne e xa vedes, vén con arroz branco, ensalada, e unhas pataquiñas medio guisadas con cebola allo e pemento. Todo está realmente bo e a ración é familiar (tres boas lonchas); ademais da carne, gosto especialmente das patacas, diferentes e moi ricas.

Davide Afonso Mousse

De sobremesa, a elixir entre as da carta; dibido entre mousse de chocolate e a salada de frutas; ao final pode o lado lambón.

En fin, un menú do día moi recomendable que, completo, e coa botelliña de viño, sae por 9 euros.

Davide Afonso
  • Formigosa Gandra 79
  • Valença, 4930-309 (Portugal)
  • +351 251 825 420
  • GPS: 41.996206N, 8.640306O
  • Facebook
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: menú do día 7€ + bebida. Menos de 30€
  • Peche: todas as noites; luns

Non podo calificalas como ‘arte urbana’ pois están en ningunha parte, fóra de núcleos incluso pequenos; tampouco son graffitis.
Ao longo da estrada que une Valença e Caminha (e incluso algún algo máis abaixo), nalgúns rexistros eléctricos ao pé da estrada, hai unhas fermosas figuras feitas con retais de azulexos (de unha soa cor). Representan animais e figuras antropomorfas. Aí deixo algunhas.

Figuras Azulexos 1
Figuras Azulexos 4
Figuras Azulexos 5
Figuras Azulexos 2
Figuras azulexos