cultura popular

Co de popular non pretendo referirme a un concepto caduco e politizado, asociado en tempos de difícil memoria a folclorismo. Aquilo que pasou á súa pequena historia de mesquindade como os coros e danzas.
Nada máis lonxe da miña intención.
Todo o contrario.

A miña idea é que toda a cultura –sen diferenzas, sen maiúsculas nin minúsculas, sen matices, toda a cultura, e pensemos que case todas as manifestacións humanas son cultura– toda a cultura debe ser popular, ou, o que é o mesmo, de e para o pobo.
Toda manifestación cultural debe estar accesible a todos os seres humanos e non só a unha minoría privilexiada que sempre pretenderá institucionalizar esa situación: monetizar a cultura para así convertela nun privilexio e non nun dereito.

Ao longo do Camiño de Santiago hai centos, miles de expresións culturais dignas dunha ollada protagonista.
En dez días é materialmente imposible visitalas todas.
Así, botas man de recomendacións, guías, a túa propia memoria, olfacto… e tentas visitar aquilo que a ti che merece a pena, o que para ti pode resultar imprescindible.

Igrexa de santa María de Santa Cruz da Serós   Santa María a Real de Sangüesa   Igrexa de santa María de Santa Cruz da Serós

O problema é que a maioría dos monumentos que forman o Camiño de Santiago cobran unha entrada por entrar.
Sexan do Patrimonio Nacional ou Local, do Patrimonio Real ou, e sobre todo, da igrexa católica, a maioría cobran simplemente por entrar.
Así, na primeira etapa que fixemos, entre Jaca e Pamplona (fóra a propia capital navarra), botamos contas e, de ter entrado en todos os lugares que estaban na nosa lista, teríamos gastado arredor de 120 € en entradas.
120€ polos nove días da nosa peregrinaxe a Compostela, non vos quero contar…

Hai excepcións, pois claro que hai excepcións!, e moi importantes e honrosas, pero son as menos, limítanse a iso, excepcións.
O que amola bastante, e así fixémolo saber en máis dunha taquilla de pago, é que toda esta feria está montada arredor de Santiago, se existe un camiño é para chegar a Compostela e dar unha aperta ao Apóstolo. Pois a día de hoxe para entrar na catedral e dar un croque ao Mestre Mateo, e que eu saiba, ninguén cobra un can.
Pola contra, e como exemplo, que non pretendo demonizar, que pode ser esta como calquera das outras miles, para entrar a ver a pequena igrexa de san Nicolás, en Burgos cobran. Si, ten un retablo maior do ano 1505, en alabastro policromado, absolutamente magnífico, delicioso, engaiolante, para apampar diante del un par de horas, digno de desviarnos do noso traxecto só por velo. Pero…

Retablo Maior de San Nicolás. Burgos   Retablo Maior de San Nicolás. Burgos. Detalle

O estado (calquera estado) debería buscar alternativas de mantenemento do patrimonio diferentes ao pago por poder ter acceso a unha manifestación cultural.
E da igrexa católica digamos o mesmo (claro que a miña proposta non vai porque sexa o estado quen lle manteña o patrimonio á igrexa).
Por certo, algún economista debería facer unha tese a fondo sobre a milagre económica da igrexa católica. Pasar en dous mil anos de cero ao patrimonio actual é digno de estudo.
O patrimonio da igrexa católica está levantado a costa do pobo e debe ser aberto ao pobo, que seica hai moitísmas igrexas que nin rezar deixan.

Atardecer en Compostela     Catedral de Santiago     Catedral de Santiago. Nave lateral     Catedral de Santiago. Cubertas

Nun momento no que todo está a cambiar a un ritmo de vórtice, hai que reformularse o sentido da cultura e, por exemplo, repensar o sentido da cultura en Internet.

Canavezes Picado 2     Ronchamp 21_2

En vez de abrir os ollos a unha realidade que está aí, que non ten volta, e pensar por onde poden ir os tiros en moi curto tempo (hoxe, quizá xa onte), os lexisladores dedícanse a escribir leis que o único que aportan son prohibicións, vetos, sancións, penas para quen ouse navegar na procura da Illa do tesouro da cultura (popular).

Logo Cedro     Logo Sgae

Por certo. solicitei a miña baixa de Cedro (organismo que xestiona os dereitos de reprodución e uso das obras dos escritores, algo así como o SGAE dos escritores) cando souben que para salvagardar os meus dereitos pretende cobrar un alquiler (un ‘dereito de autor’) por coller un libro prestado nunha biblioteca.
Soubeno grazas á carta pública dunha das persoas máis íntegras que coñezo neste desnortado comezo do século XXI: un indignado José Luís Sampedro que afirmado ter chegado á escritura a través da lectura gratuíta en bibliotecas e que persoalmente se negaba a que ninguén tivese que pagar por ler un libro seu nunha biblioteca.