costa do vez

Restaurante Costa do Vez. Quinta Silvares, s/n, Arcos de Valdevez. 351258516122. Tradicional onde os haxa, na feitura e na cociña; carta ampla, servizo próximo e prezos que non se disparan.

Costa do Vez Tarxeta

Leo con atención o artigo que co título Equilibrio/Contradiciones escribe Jorge Guitián nas súas Carreteras Secundarias.
Síntome plenamente identificado.
En esencia defende que a quen nos gusta escribir por lecer, debemos escribir por pracer e xamais por obriga.
E, no mesmo senso, fala da comida, da visita a restaurantes; cando a visita a este ou aquel restaurante se converte nunha obriga ou, peor aínda, nunha obsesión para poder adornar a nosa pruma cunha amosega máis (unha ‘muesca‘ para os que estamos lonxe do galego académico), mal negocio, moi mal negocio: perdemos o pracer de comer ao leilán, un pouco ao aquí te pillo aquí te como, e tamén a sorpresa de descubrir lugares fóra dos circuítos.
E, peor aínda; resulta catastrófico cando a obriga se transforma en presión á hora de deixar por escrito a reflexión sobre o restaurante correspondente.

A diferencia de Jorge Guitián, que xa ten unha seria motivación profesional, para min todo isto é un xogo.
É un xogo procurar información sobre restaurantes; é un xogo sistematizar esta información e abrir opcións de visita; é un xogo pensar e decidir a visita a este ou aquel restaurante; é un xogo gozar da comida e tamén do feito de facer unhas fotos (procurando que o pracer das fotos sexa subsidiario ao goce da comida); é un xogo pensar na estrutura da entrada e a valoración do restaurante; é un xogo traballar as fotos no Photoshop; é un xogo sentar no ordenador, abrir o WorPress e empezar a escribir.
Máis ou menos, nesta mesma orde.

O caso é que ultimamente hai momentos, demasiados, nos que non me apetece escribir; en especial sobre determinado modelo de restaurantes.
Antes de abandonar este blog (xa teño pasado por tres ou catro crises nas que valoreir mandalo todo a paseo) teño decidido non escribir por obriga, só facelo cando mo pide o corpo (o corpo, si, non a cabeza, que esta pode deixarse enganar por falsos cantos de serea); se son menos entradas, non pasa nada; se non están todos os restaurantes que visitamos (a maioría merecerían estar) pois tampouco pasa nada.
Vou continuar co blog como debe ser, mantendo toda a esencia dun xogo.

A visita ao Costa do Vez non é de onte nin de antonte; hai unhas semanas, cando estivemos alí, non me apeteceu escribir.
Hoxe (non sei que mudou) si me apetece. Así que, aí vai.

Trátase dun local situado á entrada de Arcos de Valdevez segundo se chega de Monção (pola xeral, non pola marabillosa estrada de Longos Vales e Sistelo).
O espazo é tradicional, rústico, bastante recargado, ruidoso…, pura esencia do restaurante portugués de sempre. Unha ledicia.
A carta, bastante ampla, non ten segredos: cociña miñota simple e directa, coa atípica incorporación de pinceladas de alta cociña internacional.
Sopa (3€), Costela mendinha de vitela assada (14€), Robalo de anzol (19€), Polbo à Lagareiro (22€), Posta de bacallau com badan (para dúas pessoas 26€); Posta de vitela grelhada (e especifica ‘mal passada’, 18€), Medalhões de lombo de boi ao Rossini (16€), Tornedó ao Madeira (mal passado, 17€)… Aínda que só aparece reflexado na posta de bacallau, salientar que as doses adoitan ser abondosas e cumpren ben para dúas persoas (cando menos para xentes de tripas apoucadas coma nós).

Costa do Vez Entrada
Costa do Vez Entrada
Costa do Vez Entrada

Somos catro e comezamos polos tres aperitivos que nos poñen diante dos ollos: unha feixoada de callos, unhas empanadillas de carne, e champiñóns salteados con chourizo.
Gosto dos tres pero destaco eses callos con fabas condimentados moi acertadamente coas especiais tradicionais dos callos con garavanzos; distintos e moi ricos. Os rissóis, para min, sempre son un acerto; esa variación de rebozalos en pan raiado axuda ao éxito. Os cogomelos, un punto picantiños, tamén ricos.

Costa do Vez Pescada
A pescada
Costa do Vez Arroz Malandrinho
O arroz malandrinho

Os Filetes con pescada fresca com arroz malandrinho figuran entre as suxestións do día.
Non hai para menos. Os filetes de pescada son de primeira e o rebozado que os envolve, de división de honra. Veñen acompañados de tomate en rodelas e un pouco de ensalda de leituga, cebola e cenoria.
Pero, ante todo, o acompañamento que marca a diferencia é un marabilloso arroz malandrinho de verduras.
De principio a fin, quedo engaiolado por este prato. Para os catro que somos pedimos dúas racións.

Costa do Vez Cabrito no forno
O cabrito

O Cabrito assado em forno a lenha tamén está entre as suxestións. Vén acompañado das súas pataquiñas (na propia salsa e tamén ao forno), un arroz seco e verduras salteadas.
O preparado do cabrito está de escandalo; case a pelo, ao forno e no mollo que vai soltando o animaliño. Vexo unha pequena diferencia entre os anacos de cabrito; hainos de cabritiño, tenros e boísimos, pero tamén de cabrito un pouco máis grande (algo máis duros).
Os acompañamentos, simplemente perfectos; para obviar a tallada e centrarse unicamente neles.
Tamén dúas racións para compartir entre os catro.

Costa do Vez Triloxía Doce
Trilogia arcuense

De sobremesa pedimos dúas da Trilogia arcuense, un prato cos tres doces máis tradicionais de Arcos de Valdevez: os charutos dos Arcos, o bolo de discos, e o bolo de mel.
Os tres magníficos. Esencia de toda a dozura das sobremesas portuguesas…, pero na xusta medida, sen caer no empacho por azucre. En calquera dos tres manda a améndoa e a verdade e que non sei cal é o meu favorito; repetiría de calquera dos tres.

Tomamos cafés, unha xerra do viño maduro da casa, auga, e pagamos exactamente 30 euros por persoa. Dadas as caracterísitcas da comida, as cantidades, a materia prima, as preparacións…., pareceunos un prezo axustado.

O Costa do Vez é un local moi aprezado polas xentes locais; hoxe, sábado, estaba cheo; había, cando menos, dous grupos familiares bastante numerosos; penso que non había ningunha opción sen reserva.

Costa do Vez Acompañamentos
Os acompañantes do cabrito

Algún día haberá que escribir sobre os acompañantes na cociña portuguesa; dous simples pratos, e xa vedes a riqueza dos acompañamentos: tomate, ensalada, arroz molladiño, arroz seco, batatas no forno e verduras salteadas.
Arroz malandro ou malandrinho é como carinhosamente chamamos a tradicional receita mais molhadinha do arroz português. Tem uma razão de ser, já que o caldo onde o arroz é cozido tem que ter sabor e aí ele ganha muito sendo servido mais caldoso“.

E, por certo, os nosos anfitrións, Luís e Luz, expertos na gastronomía de Arcos de Valdevez, e ademais deste Costa do Vez, recoméndannos como alternativa O barriguinas (na mesma estrada 101, un pouco antes), e o restaurante A Floresta (no centro).

Costa do Vez
  • Quinta De Silvares
  • EN 101, 686
  • 4970-483 Arcos de Valdevez
  • +351.258.516.122
  • GPS: 41.85390N, 8.422688O
  • costadovez.pt
  • Facebook
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 25-30€
  • Peche: (segundo o propio Facebook, sempre aberto)