comer en porto seguindo as guías gastronómicas

Antes de continuar coa serie de entradas nas que inclúo as miñas propias recomendacións para Comer en Porto segundo o barrio no que nos atopemos, vou pechar o círculo dedicado á análise das guías gastronómicas de Portugal, (Algo sobre as guías gastronómicas de Portugal e Perder o norte). Hoxe, seguindo o que alí expuña, dou un terceiro paso para tentar resumir a presenza nestas guías dos restaurantes da cidade de Porto establecendo o top 10 destes restaurantes utilizando como criterio a aparición e valoración das guías.
Lembro que as guías utilizadas son: Repsol, Michelín, revista Wine-A essência do vinho (on line), NetMenú (on line pero con versión impresa dos Restaurantes de Portugal de José Silva), a lista de Restaurantes de Portugal do blog Mesa Marcada, e a guía on line do periódico Expresso; ao tratarse da cidade de Porto inclúo, tamén, a presenza ou non no blog favorito sobre a cidade: O Porto Cool. NetMenú e Wine valoran os restaurantes de 1 a 5, só que Wine utiliza décimas e é moito máis estrito á hora de incluír restaurantes na súa limitada lista. Da guía micheín unicamentre hai mencionados, xa que no Porto non hai nin estrelas nin BigGourmand. Repsol substitúe as estrelas por soles (dous restaurantes cun sol) e mencionados. Na lista de Mesa Marcada aparece o lugar que ocupa o restaurante dentro do total de 101 en todo o territorio portugués; do Expresso mencionamos a presenza na lista desde 2005 e se se lles outorgou nalgún momento a distinción de Garfo de Ouro. O PortoCool menciona ou non.
O listado queda reducido a 14 restaurantes seleccionados e ordenados segundo o número de guías no que teñen presenza. Así, no primeiro lugar está o Foz Velha, presente en todas as guías; a continuación o Chanquiñas e o Terra destacados en 5 das guías e así sucesivamente. En caso de empate en número de guías procuro utilizar un segundo criterio de número de presenzas destacadas nese total de guías.
Deste xeito, o top14 dos restaurantes de Porto segundo as guías son:

Restaurante Zona Tipo Prezo 1 2 3 4 5 6 7
Foz Velha Foz Aut 4 4 3,8 S S S GO 23º
Chanquinhas Leça Tra 3 4 3,2 S Sol S
Terra Foz Med 4 3,5 S S S 80º
Portucale Centro Por 5 5 3,0 Sol S
Buhle Foz Med-Asi 4 4,9 S S 38º
Shis Foz Asi-Fus 3 4,5 S GO 69º
Os Lusiadas Matosinhos Mar-Pei 4 4 4,5 S GO
Góshò Boavista Xap-Fus 3 4,4 S S 48º
Artemisia Bombarda Int-Act 3 3,4 S S S
Cafeina Foz Int 4 4,2 S S S
Casa Branca Gaia Tra-Por 3 4 S S S
O Cometa Miragaia Aut-Por 3 4 2,5 S S
Sessenta Setenta Massarelos Aut-Int 3 3,5 S 60º
Don Juan Matosinhos Esp 3 4 4,2 S S

Lenda:
Tipo de Cociña
: Autor, Tradicional, Portuguesa, Mediterránea, Asiática, Fusión, Internacional, Marisquería, Peixe, Churrasco, Española
Prezo: De 1 a 5: De Moi Barato a Moi caro considerando o 3 como o Prezo Medio, arredor dos 25 € por persoa
Guías:   1: NetMenú      2: Wine     3: Michelín     4: Repsol     5: O PortoCool     6: Expresso      7: Mesa Marcada
S: O restaurante aparece mencionado na guía correspondente
NetMenú: Valoración de 0 a 5 en valores enteiros
Wine: Valoración de 0 a 5 en valores expresados en décimas
Michelín: Est: Estrelas; Bg: BigGourmand
Repsol: Sol
Expreso: GO: Garfo de Ouro
Mesa Marcada: Posto na lista de todo Portugal, desde o 1 ata o 101
O nome do restaurante aparece en claro para dirixirnos á páxina web
Pinchando no nome do barrio en que está o restaurante accedemos á localización en Mapas de Google

Vemos que o líder absoluto é o restaurante Foz Velha, está presente en todas as listas e nalgún caso destacado; no listado do Mesa Marcada ocupa o lugar 23 de todo Portugal e primeiro de Porto. Debo recoñecer que tamén é un dos meus restaurantes favoritos en Porto e dos que, malia gran oferta da cidade, valoro co meu particular ‘merece repetir’. Con todo, acumula valores suficientes para que algún día lle dedique un post en exclusiva.
Do resto, desde o meu punto de vista, a primeira sorpresa é que locais tan tradicionais como o Chanquinhas ou o Portucale sigan aí, ao pé do canón, ocupando os lugares 2 e 4 da lista; a día de hoxe son os únicos merecedores dun sol de Repsol (aínda que os dous caeron da Michelín, na que algún día estiveron, e non aparecen nas listas máis ‘quentes’). Valoracións deste tipo son as que me levaron a escribir nalgún momento que as guías tradicionais, en Portugal, valoran mellor aos restaurantes tradicionais e de oferta clásica, principalmente portuguesa.
No extremo contrario está a oferta de locais modernos tipo Cafeína, Sessenta Setenta ou o reformado Buhle que, ademais da decoración, buscan ir un pouco máis alá na oferta culinaria; vemos como este tipo de restaurantes si están nas guías ‘de dentro’ (Wine) e nas máis actuais (PortoCool), pero apenas se mencionan nas todopoderosas michelín ou repsol.
Por último, e na liña de restaurantes modernos, está, para min, (ou mellor non está) o gran ausente da lista: o Bull&Bear; o que para min foi a punta de lanza da cociña de autor en Porto ocupa o lugar inmediatamente posterior na lista (o 15), ao figurar unicamente en 3 das guías (NetMenú: (4/5), Repsol: mencionado e Expresso: mencionado desde o 2005 con Garfo de Ouro). No Bull&Bear fixen un dos meus primeiros menús de degustación (con viños diferentes, un para cada prato), e repetín varias veces.