Nesta ocasión, o paseo a Pontevedra tiña un obxectivo claro: a visita ao XV Salón do Libro Infantil e Xuvenil (salondolibro).
Unha gozada.
Baixo o título xenérico de Cociñando Contos, e durante case un mes (do 14 de marzo ao 5 de abril, no Pazo da Cultura e distribuídas por todo o casco de Pontevedra), unha manchea de actividades onde experimentar as infinitas maridaxes entre a cociña, os alimentos, a gastronomía… e o libro infantil e xuvenil.
Un intento máis –nunca serán suficientes– de estimular o gusto pola lectura entre os cativos (e non tan cativos).
Cine, música, obradoiros, contacontos, artes plásticas, xogos, exposicións, teatro, espectáculos de rúa, talleres…
Algúns exemplos.
Venres 4 de abril, 17.30h. Obradoiro: Cociña extraterrestre, a cargo da editorial Pata de Peixe. Para un público familiar e centrado en rapaces de 5 a 10 anos. Elaboración de diferentes receitas relacionadas co libro Coidado Extraterrestres, cociñando sobremesas con cousas verdes.
Venres 21 de marzo, 18h. Obradoiro: Que se coce nos pucheiros?, a cargo de Pepe Solla. Para un público familiar. Da man de Pepe Solla descubriremos os segredos que agochan os pucheiros.
Almorzos ilustrados: durante todo o tempo de duración do salón, nos locais da rúa Real, manteis ilustrados co gallo do salón. Arcimboldos: roteiro de escaparates saborosos; oito artistas plásticos decoran outros tantos escaparates de establecementos de alimentación inspirándose na obra de G. Arcimboldo.
Quedáronme os ollos na actividade Fotografía a túa novela, do venres 4 e sábado 5 de abril, entre 18 e 20h.; taller para crear un cómic a partir dunha historia e a base de fotografías.
Claro que, falando de fotografía, nada máis fotoxénico que o café dos artistas, un recuncho no que fotografarse tomando un café a carón dos grandes da literatura infanto-xuvenil galega. Agustín Fernández Paz, Neira Vilas, Paco Martín, Marilar Aleixandre, Bernardino Graña…
Por certo, unha oportunidade óptima para visitar, tamén, o continente, o edificio, da autoría de J Manuel de las Casas, con recunchos dotados dunha plasticidade espectacular.
En fin. Demasiadas emocións xuntas. Estendinme un pouco máis da conta.
A comida, en Bagos, terá que quedar para mañá.