Churrasquería Choles, Camiño Chan das Pipas 4, Vilar de Infesta, Redondela, 986403162. Durante a semana, menú do día. Hoxe, mércores, un bo cocido como prato principal; 12€ o menú completo.
Choles está nun curruncho algo perdido do concello de Redondela, na área de influenza do aeroporto de Peinador, en pleno Camiño Portugués.
Defínese como churrasquería, pero, analizando a carta, eu diría que vai un pouco máis alá das carnes na brasa e o encadraría entre eses prezados locais de cociña caseira. O negocio conta, tamén, con panadería.
Local típico, bar á entrada, gran comedor, espazos exteriores.
Nulas pretensións de aparentar o que non é. O comedor é grande e, a pesar de que o número de mesas ocupadas é importante, resulta algo eslamiado.
A excepción, un único cadro que chama poderosamente a atención. Resúltame fermoso e viste con solvencia a friaxe do espazo.
A carta, como mandan os canons, nunha pizarra visible desde a maioría dos ángulos.
Entrantes. Luras (8€ ración e 5€ a tapa); Chipiróns, fritos ou encebolados (9/6€); Gambas (12€); Ameixas á mariñeira (14€, dependendo do mercado); Ameixas con fideo (9€).
Carnes. Churrasco de porco (7,50€), Churrasco de tenreira (8€), Chourizo crioulo (1.50€ a unidade), Xamón asado (6.50€), Cordeiro (12€), Entrecosto de tenreira (14€)…
Peixes. Pescada na prancha, cocida ou á romana (9€); bacallau na prancha ou cocido (12€); rodaballo (10€).
Entre as sobremesas, todas a 3 euros, temos tarta xeada, tarta de Santiago, flan caseiro, flan de queixo, etc.
Durante a semana (hoxe, mércores) menú do día: tres entrantes a elixir, tres principais, sobremesa, bebida e café, 12€.
Hoxe, entre os entrantes, a sopa do cocido, xoubas ou pescada á romana; respecto ao prato principal…, non sei que dicir. Quedo con que hoxe hai cocido.
A sopa anuncia a riqueza dun cocido que se prevé dos bos. Está moi rica, moi saborosa e nada, nada salgada, no seu punto (ou no punto de sal que a min me gusta). Por dicir algo, diría que ten un chisco de pasta de máis, e que a ración é enorme; se non queres ocupar o espazo do cocido, debes renunciar á metade da ración.
O cocido, ingredientes: pataca, repolo, garavanzos, óso de soá, costela salgada, touciño, tenreira, chourizo e cacheira.
Entre as carnes destaca o tamaño do anaco de soá; está moi rico, como todas as carnes, no punto de sal e apenas sen rancio; os trozos soltos de cacheira son pequenos pero están ricos; bo touciño de febra; a tenreira, un clásico: costela mamiña. Gustóume moito. A verdade é que hoxe non sabería dicir se prefiro a costela mamiña ou o habitual xarrete. Normalmente uso xarrete e deixo a costela para a carne ao caldeiro; hoxe confirmo que tamén é unha magnífica opción para o cocido. A graxa da costela mamiña é moito máis evidente que a sutil do xarrete e, tamén máis abundante.
Patacas, verdura e garavanzos, abundantes e moi saborosos.
Respecto ao uso do óso de soá, eu defendo que está presente (ou debería estar) nos cocidos que chamo máis “rústicos”; trátase dun corte que non se utiliza nos cocidos máis “finos” pero que en moitas ocasións boto de menos (e que conste, eu, ao meu cocido, non lle boto soá).
Nas sobremesas do menú entran todas as da carta; optamos polo flan de café e pola tarta da avoa. En ambos casos manteñen un alto nivel e serven de broche destacado a unha magnifica comida.
Con auga, xerra de viño tinto da casa, gaseosa e café, pagamos os 12 euros marcados.
Haberá que probar a carta pero este cocido dos mércores da Churrasquería Choles antóllaseme moi recomendable.
Churrasquería Choles
- Chan das pipas, 4
- (Igrexa-Vilar Infesta, 20)
- 36815, Redondela (Pontevedra)
- 627 95 06 26
- Cociña: caseira, tradicional
- Prezo: menú do día 12€; carta 15-20€
- Peche: luns. Domingo, e de martes a xoves, noite.