chiringuitos nas praias da illa de arousa

Ultimamente teño a teima (ver) de procurar na miña redacción o máximo axuste á norma e vocabulario da Real Academia Galega.
Como non teño clara a súa utilización, busco a ‘legalidade’ da palabra chiringuito.
Chego á conclusión de que, de ser puristas, na raia do fundamentalismo, que non é o caso, en galego non deberiamos utilizar o termo ‘chiringuito’: non está no dicionario da RAG. Tampouco o atopo no Dicionario de dicionarios da USC nin no meu de cabeceira, o impreso de Ir Indo.
Se o que fago son equivalencias co castelán, ao introducir chiringuito no Tradutor da UVI devólveme ‘chiringuito’, pola contra, o Tradutor da Xunta devolve ‘quiosco’.
O RAG define ‘quiosco’ como: ‘pequena construción instalada ao aire libre para a venda de periódicos, caramelos, etc.’
A RAEL di de ‘chiringuito’; ‘quiosco o puesto de bebidas al aire libre’.
Se falo dos ‘chiringuitos de praia’ cun castelán, un asturiano ou mesmo co meu xenro galego, todos imos saber de que estamos a falar. Teño para min que o de ‘quiosco de praia’ pode levar a confusión, mesmo para un galegofalante; quen máis quen menos asociaremos o quiosco á definición da RAG, á parte que fala da venda de periódicos.
Utilizo, pois, e con todas as consecuencias, a palabra ‘chiringuito’ coa esperanza de que nalgún momento os académicos a inclúan, por uso, nos dicionarios do galego.

Mapa de praias da Illa de Arousa 2

A Illa ten innumerables praias. Chiringuitos, só nunha mínima parte delas.
Basicamente atopamos os chiringuitos concentrados nas praias que dan ao norte da Illa, ao continente, e máis concretamente nas que están ao sur da ponte -esquerda- segundo entramos na Illa; son as praias, por así dicilo, máis turísticas, aquelas ás que se pode chegar mesmo a pé de praia co coche.
Fóra destas están o chiringuito de Cabodeiro e o de Area Secada.

Cartel Senda Costa Illa

Na liña de costa que vai desde a ponte ata a rotonda de entrada ao parque natural de Carreirón (máis, menos, dous quilómetros e medio) teño contado ata nove chiringuitos. Ademais están os dous campings e o Oasis, que non son propiamente chiringuitos pero, en especial os primeiros, si presentan unha oferta asequible para unha xornada de praia; o segundo, o Oasis, ultimamente está a ofrecer menú do día.

Chiringuito no BaoChiringuito na praia Camaxiña 1

Entre os chiringuitos hainos que responden á definición textual da RAEL (bebidas e xelados), e unha maioría que tamén dá comidas.
Entre os de comidas cada un ten as súas peculiaridades. Está, por exemplo, o chiringuito Lavanqueira, que presume da súa paella de fin de semana a 3,5€ a ración, o da praia Camaxiña, coa carpa máis ampla e confortable para os días de vento, ou El Chozo, co seu anuncio de polbo, sardiñas e churrasco.

Chiringuito LavanqueiraChiringuito El Chozo 3

Teño referencias concretas da fiabilidade de tres dos chiringuitos.
O Chibao, no aparcamento da praia do Bao, primeiro á esquerda segundo pasamos a ponte, é quizá o máis concorrido. Ten oferta clásica: polbo, navallas, xoubas, mexillóns, espetada… Merendamos seis: dúas de polbo, dúas de chinchos e unha de calamares, de bebida seis cañas; ben, sen grandes espaventos pero ben, calidade e prezo do que debe ser un chiringuito. Pagamos sete euros por cabeza.

Do Chiringuito Con do Cocodrilo faloume Alba. Oferta ampla e tradicional, sen moitas complicacións pero mantendo un nivel de cociña ben aceptable. Polbo, sardiñas, tortilla, filete ou lombo con patacas, navallas, ensalada, fideo con ameixas… moita variedade con prezos arredor dos 7 euros de media.
O Con do Cocodrilo é o segundo chiringuito se empezamos a contar desde a rotonda de Carreirón, nun extremo da praia das Salinas. Por certo, o con, o crocodilo, é dos máis fermosos e espectaculares da Illa.

Chiringuito Con do Cocodrilo 2Chiringuito Con do Cocodrilo 3

O último descubrimento é o Coco-Bao. Faláronnos del, aínda onte, Luis e Flori, cada vez máis asiduos nas nosas escapadas polo Salnés con Luz e outro Luis; así, xa podo aprezar o seu bo criterio gastronómico e a fiabilidade dos comentarios. Falan dun chiringuito especial, na praia do Bao, o último segundo tiramos cara a Camaxe.
Carta moi ampla e un chisco fóra do común dos chiringuitos (por exemplo pola utilización de algas); cociña especialmente coidada, servizo por riba da media, presentación dos pratos moi esmerada… Toman unha ensalada mariñeira (con algas e diversidade de moluscos), unhas ameixas á mariñeira (as rapazas que levan o local son mariscadoras da Illa)…
Malia todo disque o prezo está na media dos chiringuitos.

Chiringuito Coco-Bao 3Chiringuito Coco-Bao 1

En próximos días temos pensado probar o Coco-Bao para falarvos máis polo miúdo e acompañar o comentario con fotos.
Mapa en Google da localización dos Chiringuitos da Illa de Arousa.