chiringuito punta furado

Chiringuito Punta Furado. David García Otero. Punta Furado, A Illa de Arousa. 621343448. Ubicación espectacular na parte norte da Illa. Atractiva oferta de corte mariñeiro-galego a prezos razoables. Servizo eficiente.

A Illa de Arousa

A Illa de Arousa nunca foi de demasiado chiringuito.
Tampouco era un destino turístico de masas.
Seica unha leva á outra.
Desde hai uns poucos anos o mes de xullo, i, en especial, o de agosto, empezan a resultar un pouco agoniantes para os que temos a vivenda na Arousa.
O boca a boca, as redes, a prensa… en fin, os fados de carne e óso emperrénchanse en cualificar a Illa coma un ‘destino idílico’; claro que, con tanta xente, perde parte do seu encanto e, dexeito absoluto, o dereito á valoración de ‘destino idílico’.
Malia todo, a min gústame pasar na Illa tempadas importantes do meu devir, mesmo no inverno.

Solpor na ponte da Arousa

Como exemplo de promoción podo mencionar o artigo A illa das 80 praias no corazón das Rías Baixas (Praias e chiringuitos de A Illa de Arousa), da web de Repsol, de data xuño de 2022.
Entre as praias destaca O Bao-Camaxe, Lavanqueira, as do parque do Carreirón (Lombeira), Sualaxe e Area Secada.
Entre os chiringuitos mencionan os seguintes:
Areoso Beach. “en Punta Quilma, no medio dun piñeiral a pé de praia, na cara oeste da illa”. “carta afastada do típico chiringuito… cociña á vista, pratos con produtos de tempada e proximidade…, moita presenza de ensaladas e verduras.. moito peixe e sempre a opción de dúas carnes e dúas sobemesas doces… practicamente todos os pratos pasan por un wok…”. Punta Quilma. Tel. 686 47 96 69
Coco Bao. “Na praia de O Bao-Camaxe”. “parada obrigada para personas con intolerancias alimentarias, en especial ao gluten… as algas son a alma da súa cociña e da que saen ensaladas realmente orixinais que resaltan o seu sabor… Non descoidan o produto da zona e ofrecen ricas navallas ou ameixas, peixes como xureliños ou sardinas pescados da ría e os cacheliños con un mojo difícil de olvidar… Meca de veganos, con moitas algas e oferta de vexetais difícil de atopar en chiringuitos… Croquetas con alga wakame e setas portobello, fronte a proposta carnívora de croquetas de queixo afumado con xamón serrano…” Praia do Bao. Tel. 606 32 52 53.
Chiringuito O Faro. “No faro de Punta cabalo… Impera unha comida moi da terra con produtos locais, da Ría de Arousa… Tortilla, pementos de Padrón, empanadas de millo, croquetas caseiras, mexillóns, navallas, churrasco, secreto croca de ternera… Prezo moi asequible que fai que moitos veraneantes vaian a diario” Rúa do Faro. Tel. 659 05 70 87.

E, por último, este chiringuito de Punta Furado ao que hoxe dedico a entrada.
Do Punta Furando, Repsol di, entre outros detalles: “Gastronomía de calidade a pe de praia… Unha carta ampla con moito marisco da zona, peixe do día e carne de vaca madurada… especializado en arroces e fideuá… ten auténticos fans que regresan polas súas croquetas de mexillón e chipirón… a comida e a paisaxe son os protagonistas deste chiringuito…”

Chiringuito Punta Furado Carta

A presentación da carta, nos manteliños individuais, xa resulta bastante habitual. O fondo, o contido da carta, xa non tanto.
Entre os entrantes están as croquetas de xamón ibérico (10€) ou de luriñas na súa tinta (11€), o polbo ‘á feira’ (18€) ou na prancha con escuma de patacas e queixo de Arzúa (19€), a chacina de vaca rubia galega con queixo trufado (14€), o espeto de vieiras da ría e lagostino con ‘allada’ (15€).
Os arroces e fideuá (‘especialidades’), de marisco (37€), de vieiras e lagostinos (43€), ou o arroz vegano-vexatariano (previo encargo, 28€ por persoa).
Pratos principais ‘do mar’, peixe do día segundo o mercado (hoxe robaliza e bonito) ou tartar de atún vermello con aguacate e mango (18€).
Pratos principais ‘da terra’, picaña de vaca (19€), solombo de vaca rubia galega 35-40 días de maduración (21€), faceiras de porco ibérico con redución de Pedro Ximénez (17€).
Ensalada mixta (9€) e Punta Furado (leituga, brotes, vieiras, burrata, pesto, tomate confeitado e millo frito, 17,50€).
Menú especial para os ‘peques’, fingers de polo (8€), croquetas con patacas (7€).
Hoxe, fóra de carta, ensalada de tomate e chuletón.

Dicir que malia estar en pleno verán e hora punta, o servizo é rápido e moi eficiente. Respecto á mesa, un día coma hoxe é imprescindible reservar.
Destacar que as racións, en xeral, son moi abundantes. Co que pedimos teriamos comido perfectamente tres persoas.
Somos dous e tiramos pola ensaladilla e polo arroz negro.

Chiringuito Punta Furado Ensaladilla

A ensaladilla con lagostinos ao allo e marmelada de pemento (10€), é orixinal, está moi boa, e a ración resulta especialmente abundante. Destaca, tamén, o intento de presentación un pouco máis coidada que o habitual dun chiringuito. Ten moitos anacos de lagostino, pero, a verdade, non lle noto moito o allo; pola contra, as pinceladas de marmelada de pemento vermello si que están aí, perceptibles, dándolle un toque orixinal ao bocado.

Chiringuito Punta Furado Arroz negro

O arroz negro de chopo e lagostinos con ali oli. De substancia, moi rico, sabrosón pero sen trampas, ao choquiño en xeral e moi perceptibles os numerosos tropezóns de lagostino (ademais dos seis enteiros que veñen por riba). No tocante á textura, para gustos; ao dente, cun punto de cocción moi actual pero que non gusta a todo o mundo (este, en concreto, a min si que me gustou, e moito…)

Ten sobremesas caseiras (5.5€) pero o que non tiñamos nós era lugar para elas (o arroz tamén é moi, moi abundante). Bebemos cañas, tomo café, e pagamos 27 euros por persoa.
Para ser un chiringuito de moda, cunha cociña especialmente traballada e unha ubicación con vistas espectaculares, non me pareceu nada caro, ao contrario, penso que o prezo está moi axustado e anima a repetir.

Chiringuito Punta Furado
David García Otero
  • Lugar de Punta Furado, Cabodeiro
  • 36626 A Illa de Arousa (Pontevedra)
  • 621 343 448
  • GPS: 42.566582N, 8.857185O
  • Facebook
  • Instagram
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 25-35 euros
  • Peche: durante o verán non ten día de peche