chiringuito paraíso

Como continuación de Chiringuitos na Arousa, hoxe comparto dous que visitamos nos últimos días. O Gradisela (Espiñeiro) e O Paraíso (Riasón). Gustáronme ambos os dous; calquera deles é moi recomendable.

Chiringuito-Gradisela

As visitas foron en plena vaga de calor.

O Gradisela está ao pé da praia de Espiñeiro, tanto que en momentos álxidos as mesas se confunden coas familias tomando o sol na area.
Chegamos sobre as oito e media e había máis xente na praia que no chiringuito, situación que foi cambiando pouco a pouco ata que, sobre as nove, se ocuparon todas as mesas e houbo que montar máis. A maioría, para esa variante tan de moda nos chiringuitos da Arousa: os cócteles, granizados, xeados e demais tentacións veraniegas.

Moitos dos chiringuitos da Illa engaden ao nome atributos de orixe americana; hai os que se botan polo beach club, o beach bar, e mesmo un lunch sunset and concerts. No caso do Gradisela identifícase como “restaurant & sunset”.
En fin, concesións ao márquetin e á clientela con ínfulas pseudo-cosmopolitas.

A realidade é que con case trinta graos, esta merenda-cea é un auténtico luxo.

A carta, como a maioría, tenta captar adeptos mesturando o de sempre con certos toques de novidade (cando menos nos nomes). Entre os entrantes atopamos as Croquetas (xamón, tintanegra, mexillón, todas a 9€), o Polbo (Feira 18€ e Prancha con tetilla 19€), Zamburiñas ou Navallas a 14€, Twister ou crocante de lagostinos (8.5€), Tortilla de pataca (9.50€), Pemento piquillo de marisco con crema mariñeira (9€).
Da horta: Ensalada (6€), Ensalada morna de polo con améndoas (8.5€).
Mar e montaña: Secreto ibérico (13€), Entrecosto de tenreira galega (15€), Peixe espada (15€), Espetada de peixe sapo e lagostinos (10€).
Os nosos arroces e woks. Arroz de polbo e lagostinos (35€); Arroz de mariscos (para 2, 35€); Arroz tintanegra (para 2, 30€); Wok de lagostinos (10.50€) ou de vieiras (11€); FIdeuá de marisco (38€).
Baby Shark. Espagueti blue de atún (7.5€); Finguers de polo con patacas (8€).
Sobremesas. Coulan con xeado de vainilla, tarta de queixo ao forno, sobremesas Alicia’s Cake.

Chiringuito Gradisela 2Chiringuito Gradisela 3

Tiramos polas croquetas de xamón e polos lagostinos rebozados en pan cristal (9 e 8.50€).
Acompañados por cañas ambos pratos están a un nivel máis que salientable.
Somos dous e pagamos 10€ por cabeza.
Se metemos na cocteleira todas as posibles variables, o prezo é moi, moi tentador.

Chiringuito O Paraiso 1

Comida moi agradable no chiringuito O Paraíso (Praia de Riasón); calor abafante, pero coa brisiña do mar e á sombra estase moi ben.
Poucas mesas ocupadas e servizo especialmente amable, atento e próximo.

A carta é un pouco máis clásica. Comeza coas ensaladas: Simple 6€, Mixta 9€ e Paraíso (canónigos, rúcula, tomate cherri, cebola frita, froitas deshidratadas, noces, queixo de cabra e olivas) 11€.
Entrantes. Polbo (á feira 15€ e con queixo 16€); zamburiñas (15€); gambas ao allo (12€); pementos (5€); croquetas (xamón, marisco, espinacas con pipas) 10€; tostada de xamón con tomate (6€), pizza (16€)…
Peixes: espada 13€; sardiñas 9€; peixe do día s/m e paella por encargo.
Carnes: xamón asado 9€; solombo de porco en salsa de champiñóns 12€; secreto de porco 12€; lombo á mostaza 10€; milanesa de polo 8€.
As sobremesas son a 4.5€: flan de café, flan de queixo, mousse de chocolate, tarta tres chocolates.

Chiringuito O Paraiso 7Chiringuito O Paraiso 8

Somos catro e pedimos dúas de sardiñas (tres por cabeza) con ensalada, e dúas do peixe do día: unhas luriñas con patacas fritas de acompañamento (aviso claro ao ofrecelas: son da ría, acabadas de coller e andan polos 19€ a ración). As sardiñas están boísimas, pero as luriñas…, unha auténtica festa! Tamaño pequeno, case saltan no prato, e cociñadas maxistralmente na súa propia tinta. A man que cociñou estas luras non pode fallar noutras preparacións. Certo que o entorno axuda, pero son das máis exquisitas que comemos nunca.
De sobremesa xeados e bebemos dúas cañas por cabeza; xunto con algún café, pagamos 21 euros por cabeza. Coincidimos en que foi unha comida de festa a prezo –case– de saldo.

O Chiringuito O Paraíso é un dos máis concorridos e preferido pola xente da Arousa. Hoxe descubrimos algúns dos motivos.