paixón pola cervexa

Un local agradable + trato exquisito + unha oferta espectacular + cervexa + queixo + prezos comedidos = Tenda Bar Craft Vigo (rúa Fisterra), unha cervexería moito máis que recomendable.

Cervexaría Craft 1

Onte, no Craft, mentres saboreaba tres cervexas diferentes e unha sensacional táboa de queixos, a cabeza fervía de ideas e recordos.
Para os que, malia non ser hoxe moi politicamente correcto, fomos adolescentes habituais do Pasillo e o Joaquín, a cervexa era moito máis que un quita-sede. Daquela non había, apenas, variedade; e se ías ao Joaquín e ao Pasillo era por dous motivos: porque o movemento facía que a cervexa estivese sempre viva, moi via, e, sobre todo, porque as mans que tiraban a cervexa eran as mellores de Vigo.
Nunha segunda fase comezaron a chegar as primeiras latas; entón probabas e gardabas aquelas latas vacías coma se fosen xoias, e procurabas aquí e alá a novidade, ás veces levado pola vistosidade ou fermosura do envoltorio, máis que polo seu contido en forma de cervexa; pero, aos poucos, afacías o padal a novos sabores (sen ter moita idea da catas, de lúpulos, de fermentacións, de amargor, acidez, temperatura…).
En fin, cando crecías (ou crías facelo), caías nos brazos agarimosos e irrestibles do viño, momento en que chegaba a primeira mudanza e a perda de todas aquelas latas nun recuncho do esquecemento. E daquela perdías, tamén, un pouco do teu afán transgresor, das ganas dun vivir diferente, dun sentir diferente cada segundo do día. En fin, o que perdías era a xuventude, acomodábaste, xa eras, por fin!, un adulto ao uso. A cervexa pasaba a ser o mellor refresco para combater a calor do verán.

Cervexaría Craft 5  Cervexaría Craft 7  Cervexaría Craft 6 

Onte, no Craft, recuperei parte das sensacións perdidas.
O local, non moi grande no piso superior, pero con espazo para acoller a un bo puño de apaixonados no inferior, é agradable. Cun certo aire de pub inglés, quen domina é a paisaxe da cervexa: nos andeis ateigados de latas diferentes entrando á dereita e, á esquerda, a pizarra coas cervexas do día, a barra, os grifos, a exaltación da cervexa por medio da palabra.

Cervexaría Craft 11

Daquela chega Zeus e, coma rei do Olimpo das cervexas, presenta con calma, con agarimo, con moita paixón, cunha voz que enfeitiza, as especialidades de grifo do día. Gradación, forza, sabor, modernidade na elaboración e resultados, recomendacións segundo o gusto e a experiencia, en fin, acabas por perderte e elixes apenas por un par de palabras soltas; ‘máis suave … menor graduación’, e Carmen vai a unha Einsiedler Landbrier de 5% de alcohol, estilo Lager e procedente de Alemaña. Eu quedo con ‘sabor … sidra’, dunha Basqueland Arraun, tamén de 5%, tipo Amber Ale, do País Basco.

Cervexaría Craft 8

Para axudar á cervexa, e mentres chegan os queixos, un bocado oferta da casa: unha pizzatosta, ou sexa, unha base de pan (con toques doces) con queixo fundido e aires de tomate, e ao forno. Sabor rico, moi rico.

Cervexaría Craft 13

Entón, de novo, Zeus, con idéntica paixón, coa mesma delicadeza, cun coñecemento de causa propio dun mestre queixeiro explica os seis queixos que forman a táboa. Que se comezar por aquí e rematar por alá… Ben, iso nunha primeira cata, que logo todo se mestura e entran as preferencias persoais.

Cervexaría Craft 15  Cervexaría Craft 16
Cervexaría Craft 17  Cervexaría Craft 18

E tanto ten que sexan queixos de aquí (o azul galego), ou de alá (de Cantabria, Córdoba, Francia ou Tombuctú). Afumado ou cun aire de dozura. Cremoso ou máis ben tirando a seco. De cabra, ouvella, vaca ou mestura. Curado ou fresco. Cada un é un bocado de deuses, coa súa personalidade propia, este pide moito pan e aquel o contraste coa uva pasa. En fin, a selección de seis queixos satisface todos os padales e convértese nun auténtico festín. 

E, por fin, coa boca entre a pastosidade e unha certa queimazón do último bocado de mofo, e a frescura dunha Ada Brune belga tipo abadía, chega a conta: 24€, doce por cabeza; catorce de queixos e dez de cervexas. Perfecto. Nin os queixos nin as cervexas son baratas, pero o resultado final antóllaseme dos que invitan a repetir.
E sen tardar moito…!

NuevoDocumento 2019-08-30 20.43.53_1  NuevoDocumento 2019-08-30 20.43.53_4

Na carta, ademais das infinitas variedades de cervexa e os queixos, táboas de ibéricos, táboas de ibéricos de vacuno, salchichas, patés…
E todo o anterior para disfrutar no local e para levar para casa.
Ah!, e antes de rematar, un recoñecemento especial a Luis, que, ademais de fervente seguidor e divulgador deste blog, foi o que nos puxo na pista deste espectacular local.

Art&Craft

E agora si, xa para rematar, unha pequena referencia ao Arts&Crafts, movemento que nace a finais do século XIX da man da arquitectura, como oposición do mundo artístico á imparable colonización do mundo industrial: recuperar o valor do home (e da muller) fronte á máquina, o traballo manual fronte á produción en serie, materiais tradicionais fronte aos novos inventos… Cada quen traduce como quere, pero a nós chegounos cunha expresión que segue moi viva: ‘Artes e Oficios’.
Claro que, no caso que nos ocupa, o de ‘Craft’ vén do sentido tradicional que estaba na base do movemento inicial, manualidades, e que valoraba o artesanal e singular fronte ao industrial e feito en serie.
Pois iso: cervecería Craft: cervexa artesanal, singular, fronte aos monopolios das cervexas industriais fotocopiadas.

Tienda Bar Craft
R Fisterra, 3
36203 Vigo (Pontevedra)
34 986 129 367
Facebook
www.craftvigo.com
GPS: 42.233993N,  8.722585O
Cociña: cervecería, táboas, tapas
Prezo: 12
Peche: luns. Resto, abre a partir das 19h