cen por cen portugal

O sábado comimos en Braga. Pepe e mais eu.
Non levabamos nada preparado pero si sabíamos os dous que queríamos algo novo, distinto, escapar do de sempre, o Inácio, a Cozinha da Sé, os centros comerciais…

Restaurante Paulo Padeiro Braga 01Restaurante Paulo Padeiro Braga 03

Por unha vella referencia sen concretar, caímos no restaurante Paulo Padeiro.
Está lonxe de toda guía turística, nunha ruela de terceira categoría por Carandá.
Por fóra nada de especial, un de tantos, sen reclamo de ningún tipo que anime a entrar. E, dentro… outro tanto, tres cuartos do mesmo: feitura típica de bar de barrrio reconvertido a restaurante.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 04Restaurante Paulo Padeiro Braga 05

Local non moi grande e un tanto agoniado, balcão de granito gris que xa non é tal, sillas e mesas de madeira maciza estas protexidas por baixomanteis granate, algún cadro de flores, moito ruído, diversas referencias á autocompracencia… e, como non!, paredes incondicionais do Sporting de Braga teimudas por destacar unha historia recente de éxitos deportivos máis que salientables nun estadio que, pola súa arquitectura, traspasa fronteiras.

Sábado ao mediodía, a unha e cuarto (portuguesa), e o Paulo Padeiro está a tope. Unha mesa de non menos de vinte persoas, outra con oito, un par delas con catro e varias, como a nosa, ocupadas por parellas.
O servizo é amable, rápido e eficiente. Carta bastante curta a base de propostas portuguesas nas que destacan un bacallau e o cabrito ao forno, este, sen dúbida, auténtica estrela do local. Para o viño, deixámonos enganar pola camereira, unha muller da nosa quinta, que non disimula a súa orixe rural portuguesa e posuidora duns riscos faciais especialmente agradables.
Monte das Servas Escolha 2011 (Alentejo). Sen irse no prezo (10€), máis que digno para apoiar o cabrito.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 08Restaurante Paulo Padeiro Braga 09

De petiscos, unhas olivas fantásticas e unha pasta de untar, de atún con diversas verduras, que non se queda atrás.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 11Restaurante Paulo Padeiro Braga 12

O cabritiño dá cumprida resposta á sona que lle precede. Algunha punta algo seca e churruscada de máis (os inconvenientes do forno), pero en xeral no seu punto: tenro e moi saboroso.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 16

De acompañamento trae unhas pataquiñas simplemente extraordinarias. A sabedoría de Pepe apunta que están cocidas en caldo antes de entrar ao forno co mollo do cabrito. A maiores pedimos arroz e unha ensalada.

Restaurante Paulo Padeiro Braga 17Restaurante Paulo Padeiro Braga 18

A oferta de sobremesas volve a ser digna representante dos doces típicos do norte de Portugal. Decantámonos polas mousses, Pepe de maracullá e eu a inevitable de chocolate, nesta ocasión, e como novidade, o camareiro ofrece botarlle un grolo de whisky que, a verdade, non aporta nada. Penso se non tería sido máis axustado unhas pingas de coñac.
O prezo está dentro dos límites do razoable. Pagamos algo menos dos 20€ cada un. Non é ningunha ganga e menos tratándose do Portugal da crise, pero o viño e os acompañamentos que pedimos a maiores axudan a comprender mellor o prezo.
Seica unha comida de diario, cun viño máis acorde coa casa e o cabrito unicamente coas súas pataquiñas, o prezo sería máis axustado.
Coas matizacións anteriores, estamos ante un local tipicamente portugués que resulta máis que recomendable.

Mercado Cultural de Carandá 01Mercado Cultural de Carandá 03

Ao rematar a comida, agradable paseo polo Mercado cultural de Carandá.
Nace como mercado da man de Souto de Moura (como o estádio) e, cando os centros comerciais substitúen aos mercados de toda a vida, o propio Souto fai o proxecto de reconversión a espazo cultural.
Está un chisco abandonado pero paga a pena.

Paulo Padeiro
Américo Ferreira Carvalho, 95
4710-217 Braga
965 242 333
GPS: 41° 32′ 43.76″N,   8° 24′ 54.76″W
Localización en Mapas de Google