casa tomé

Casa Tomé, A casa das tortillas. Coirós de Abaixo 10, Coirós. 675928541. Indefinible. Local de toda a vida. Cociña tradicional coa tortilla de Betanzos de raíña indiscutible. Prezos moi populares.

Casa Tome

Casa Tomé, en Coirós (A Coruña), é un deses segredos gardados a voces e reservado a persoas xa iniciadas.
Coñecín Casa Tomé no libro Sitios de toda la vida, de Eusebio Pérez-Pastor; unha lectura moi amena para descubrir “tascas, mesóns, pousadas, ventas, cantinas, e bares dos de antes“.
O libro está coidadosamente editado polo propio escritor en novembro de 2022 e o mellor xeito de conseguilo é falando directamente co autor a través das súas redes sociais.

Pérez-Pastor comeza afirmando que Casa Tomé “é un dos sitios máis auténticos cos que me teño topado” (e despois dunha detida lectura do libro podo dicirvos que os sitios auténticos que asoman desde o libro son multitude).
Trátase de “unha casa de pedra situada en medio duns prados; non hai por alí letreiros, nin toldos, nin nada que non sexa auténtico a máis non poder“.
Entras na casa “porque é unha casa, e Carmen, que é a dona, faite pasar á cociña… O lume onde se guisa alí é unha vella lareira“.
Carmen fríe as patacas na lareira e bate os ovos para a tortilla. Mentres tanto ti, sentado a carón do lume, picoteas uns chourizos caseiros ou unha cuniña de queixo cun bo pan.
Con respecto á autenticidade da tortilla de Betanzos, o argumento de Pérez-Pastor resulta irreprochable: estamos en Coirós (limítrofe de Betanzos polo sur), e de Coirós era a señora Angelita, a mesma que en 1910 fundaba La Casilla de Betanzos e, con ela, a popularización de todo un xeito de entender a tortilla de patacas.

Sitios de toda la vida
Sitios de toda la vida

O libro non se limita a enumeración e descrición sucinta dos sitios, senón que en moitos dos locais conta a historia (para demostrar que se trata de locais de toda a vida), ou narra anécdotas do que alí se coceu para, aos poucos, escribir esa historia.
Disque Casa Tomé naceu como bodega hai cinco xeracións, ou sexa, ano arriba ano abaixo, arredor de cento cincuenta anos; eran os avós dos avós de Carmen.
Ademais de bodega, tamén empezou a funcionar como furancho da época: locais que ofrecían viño de colleita propia para acompañar as viandas que os propios clientes traían da casa. Nestas, que chega un grupo de coruñeses famélicos que non traen comida e Manolo pídelle á súa dona que calle un par de tortillas para os visitantes. A cousa funcionou, e a casa adquiriu a sona de Casa de tortillas. Grazas ao díxome-díxome, cada vez eran máis as xentes que se achegaban á bodega pedindo a tortilla de patacas para acompañar o viño. Así, cara a 1973 legalizaron o local converténdoo en casa de comidas diarias.

A cociña de casa Tomé é escueta, pero os seus pratos son moi bos e caseiros. Están elaborados con produtos autóctonos, propios daqueles arredores“.

Casa Tome

Dicir que a día de hoxe xa hai un cartelón de Coca-Cola que anuncia a Casa Tomé; dicir, tamén, que a comida na cociña queda para os máis afortunados; a maioría temos que conformarnos coas mesas de fóra, na horta, ou nas do vello comedor da casa; comemos neste comedor acompañados dunha estufa de leña; xa vedes, nós aquí dentro acougados polo lume, e a maioría dos comensais a pasar frío fóra, á calor dun sol de 8-10 graos de xaneiro.

Casa Tome O viño
Viño Mencía de colleita

Comemos co viño de Mencía da casa; ben, pero un chisco acedo de máis; xerra de medio litro, 3.5€. Certo que para este prezo tampouco se pode pedir moito máis.

Casa Tome Empanada
A empanada

Acompañamos o viño, para entreter mentres fan a tortilla, con dous bocados de empanada. É de masa algo follada e bonito. Está moi boa; destaca pola cantidade de chicha que ten dentro e porque en conxunto está especialmente zumenta.

Casa Tome Chourizo frito
Os chourizos fritidos

Disque os chourizos caseiros son o segundo buque insignia de Casa Tomé (por detrás, claro está, da tortilla de patacas). En efecto son especiais; carnosos, con moito lombo (e pouco touciño) non excesivamente especiados nin afumados e perfectamente fritidos. Unha xoíña inesperada.

A tortilla de Casa Tome
A tortilla de patacas

E, claro, a súa señoría a tortilla. Callada no momento, con patacas cortadiñas aos dados e moitísimo ovo. Simplemente fantástica.

A tortilla de Casa Tome
A tortilla de Betanzos

Pero iso si, que ninguén se leve a engano: estamos na área de influencia da tortilla de Betanzos, famosa por ser extremadamente zumenta; non hai moito e non lembro onde, lía unha referencia que falaba de “tortilla de culler”.
Estamos ante unha auténtica “tortilla de Betanzos” e o ovo sen callar salta á vista; abstenerse no caso de ter noxo polas tortillas pouco feitas (ou medo ao ovo sen cociñar).
Comentamos se todo ese ovo sen callar que se coa ao fondo do prato será cuestión de que se pasa a tortilla pouco tempo polo lume, ou, talvez, porque leva moita cantidade de ovo. Coincidicimos en que tanto monta.

Casa Tomé Torta de mazá
A torta de mazá
Casa Tome Queixo con marmelo
Queixo con marmelo

A oferta de sobremesas é suficiente. Optamos pola torta de mazá e por un clásico furancheiro, a tetilla con marmelo. En ambos casos falamos de pratos sobresalientes que manteñen o nivel xeral da comida moi alto.

Podemos definir Casa Tomé (A casa das tortillas) coma un furancho do século XXI. Por espazos, por oferta gastronómica, por viños de colleita, por prezos; pagamos 16 euros por cabeza.
A gran protagonista, sen dúbida é a tortilla; pero sempre vai caer algo máis por aí; sexa o chourizo, unhas lascas de xamón, a ensalada para acompañar a tortilla…
Ademais, e por encargo (mínimo 6 persoas), están os callos, a carne asada e o cocido. Hoxe, sen ir máis lonxe, hai varios grupos co cocido encargado: cóase por todas partes un apetecible cheiro a caldo de grelos que, mesmo sen probalo, resucita aos mortos.

Casa Tomé
A casa das tortillas
  • Coirós Abaixo, 10
  • 15316 Coirós (A Coruña)
  • 675 92 85 41
  • GPS: 43.251419N, 8.172004O
  • Cociña: tradicional
  • Prezo: 15€
  • Peche: luns