Casa Salvador, o templo do bacallau, está na Baña e vai para os 100 anos importando e cociñando bacallau de Islandia. Casa de comidas de sempre cunha magnífica relación calidade-solera-prezo.
O local é clásico, o comedor de toda a vida, sinxelo, sen excesos, sen estridencias, diáfano, moi luminoso e agradable. Servizo amable, atento e rápido.
A carta é ampla e mantén o clasicismo xeral da casa: croquetas (7€), gambas á prancha (12€), espárragos da Rioxa extra (6€), ensalada… Filete de croca (11€), estrecosto (13€), costeleta de tenreira (13€)…
Pero aquí quen manda é o bacallau: en empanada para abrir boca (6,60€), ao forno e á galega (18€). Ao forno hai que encargalo con tempo pois quere hora e media de lume de leña; vén cun sofrito de cebola, pemento vermello, tomate e pemento doce, e acompañado de pataca cocida; desalgado no seu punto, está para repetir.
Leo por aí que outra das estrelas da casa son os riles ao xerez, así que, como bo afecionado que son, e ante a escaseza de prato tan exquisito nas mesas modernas, pido para probar: están, se cabe, aínda mellores que o bacallau.
Carmen é de empanadas e tampouco sae decepcionada; como vedes, masa moi finiña e unha boa altura de compango de bacallau con pasas. Moi rica.
Boa selección de sobremesas caseiras; desde o arroz con leite (3,60€) ao queixo de Arzúa con marmelo da casa (4,5€), pasando por variedade de tortas. Tiramos pola de iogur con froitos do bosque e pola de café con augardente branca; esta, en especial, pon broche de ouro á comida.
Unha de empanada, unha de riles, unha de bacallau ao forno (que conta coma unha e media), coas dúas sobremesas, auga e unha xerra de viño ribeiro da casa pagamos 22€ por cabeza.
Non está nada mal. Moi boa comida clásica para un prezo que anima a repetir calquera venres de vixilia.
Casa Salvador
Mercedes García Barreiro
Seoane 23, Barcala
15837 A Baña
(Estrada Santiago-Muxía)
981 885 312
GPS: 42.932055N, 8.767043O
Cociña: Tradicional
Peche: Luns
Prezo: 20-25€