casa rosal

Casa Rosal, Laxe 22, Lores (EP-9205 Km 1), Meaño (Pontevedra). 637570085. Cociña tradicional, diversos ambientes, menú do día, tapas, cocido domingos, e todo a un prezo que tira a barato.

Casa Rosal Meaño Tarxeta
Tarxeta de Casa Rosal

“Rincón gastronómico”, , “Cociña caseira”, “Ampla variedade de tapas e racións”, “Suxestións en carnes e peixes do día”, “Especialidades en bacallau ao forno, cordeiro e cocido os domingos”… Son algúns dos reclamos que utiliza Casa Rosal nas propias redes sociais.

Local tradicional con múltiples espazos: bar, comedor, ampla terraza, zona chill-out interior e exterior…
Comemos na zona de relaxación interior, habilitada durante o inverno como comedor; os grandes murais de pequenas fervenzas de auga sedosa son as que marcan a diferenza na decoración nesta parte do comedor. O ambiente, algo neutro, acorde coas pretensións.
O servizo resulta extraordinariamente amable, case ao estilo portugués, por momentos cunha certa dose de servilismo innecesario.

A carta é bastante ampla e variada.
Para picar. Tortilla (8€), Tortilla con chourizo (9€), Croquetas (7.50€), Orella (5€), Chipiróns (10€), Polbo á feira (14-20€), Zamburiñas (12€)…
Ensaladas. Mixta (7.50€), Tropical (leituga, mango, piña, queixo de Burgos e salsa de iogurt, 8,20€), Morna (vieiras e gulas, 10€)…
Arroces. Con choco na súa tinta (2 persoas, 30€), de arroz con lumbrigante (2 persoas, 40€), Paella mixta (ameixas, mexillóns, chipiróns, lagostinos, tenreira e peixe sapo, 2 persoas, 27€)…
Peixes. Cazola de bacallau (14.50€), Pescada á romana (10.50€), Peixe sapo con lagostinos no seu prebe (14.50€)…
Carnes. Solombo de porco en mollo de champiñóns (9.50€), Segredo de ibérico con patacas asadas (13€), Croca de tenreira á prancha con patacas asadas (poden ser fritas, 13€), Costeleta de tenreira galega (700 gr. 16€, 1 Kg. 20€)…
As sobremesas varían segundo o día, son todas caseiras, a 4€.

Hoxe, domingo, pedimos un cocido e un peixe sapo ameixas en salsa verde.
O cocido, completo, coa súa sopa, a bebida e o doce son 20 euros.

Casa Rosal Sopa do cocido
A sopa do cocido

Boa sopa. Propia dun bo cocido. Estou atopando que a maioría das sopas de cocido están feitas con pasta tipo piñón ou tamén chamada pepita. Non é unha cuestión menor; eu gosto da pasta fina, tipo fideo (cabeliño) ou chuvia. Na cabeza, máis que en calquera outro lugar, a pasta grosa dáme a sensación de enchenta, de contundencia, de que non podes pasarte porque hai que deixar lugar para o cocido; posiblemente esa é a clave: unha sopa consonte ao que é un cocido. Eu, persoalmente, tiro máis pola sutileza da sopa fina.

Casa Rosal Cocido
O cocido de Casa Rosal

Ingredientes do cocido de Casa Rosal: verza, repolo, pataca, garavanzo, chourizo, morro, orella, touciño e xarrete de tenreira.
Non existen dous cocidos iguais.
Non existen dous comedores de cocidos iguais.
Por iso, calquera tipo de comparación (toda valoración, en si, é unha comparación) resulta absurda.
Ao que máis podemos chegar é ao “gústame-non me gusta”, e, no caso do cocido, todos gustan.
O cocido de Casa Rosal é de anacos grandes e, talvez, menos variados e tal vez algo monótonos. Está fantástico, pero eu gosto máis da riqueza do cocido de pequenos bocados e moi, moi variados, deses que metes na boca e, cada un sen excepción, é único e che deixa o padal abraiado.
A orella é máis base que orella en si mesma, e me gustan eses bocados; o moro é todo el, un morro enteiro e unha boa tira da carne que sae del; tamén me gusta o fociño, pero tería preferido uns poucos máis de miolos; o touciño marca o ton do cocido, é, para min, o bocado máis saboroso; normalmente non son de carne fóra do porco pero este xarrete de hoxe está francamente bo e métolle máis dunha dentada; as verduras, as patacas, os garavanzos, o chourizo, todos no seu punto, dese que se nota ás claras que vén de cocción nun bo caldo e durante un tempo que para moitos sería excesivo (non para min!).

Casa Rosal Peixe sapo
Peixe sapo con ameixas e mollo verde

O peixe sapo dá fe de que a cociña desta Casa Rosal ten un bo nivel. Vén coas ameixas (tenras e moi ricas) e as patacas cocidas na propia salsa verde, rica e ben ligada.

Casa Rosal Tarta de Oreo
Tarta de Oreo

A sobremesa, unha tarta caseira de Oreo para repartir, simplemente magnífica. As marcas distintivas, un biscoito de oreo escumoso e lixeiro, e unha crema tipo moca que é a que realmente marca a diferenza. Un dos mellores doces clásicos que tomamos nos últimos tempos.

Casa Rosal Cocido
O prato de cocido

Como valoración xeral, estamos ante unha moi boa comida de domingo.
O peixe sapo e a tarta son dous momentos que marcan a diferenza dunha cociña na que se fai algo máis que cociñar.
Pasa á lista para unha visita próxima (moi próxima) para unha merenda-cea de picoteo; teño para min que non nos vai defraudar.

No tocante ao prezo, diría que moi ben.
O cocido completo (coa sopa, a bebida, o pan e a sobremesa) son 20€, que non está nada mal.
Ademais, con auga e o peixe sapo, pagamos 18.50€ por cabeza.
Boto contas e calculo que unha cea de picoteo tipo furancho (ou pseudo-furancho) de torilla e luras, pode saír moi, pero que moi arranxadiña.

Casa Rosal
  • Laxe 22, Lores (EP-9205 Km 1)
  • 36969, Meaño (Pontevedra)
  • 637 570 085
  • GPS: 42.428060N, 8.785264O
  • Facebook
  • Cociña: caseira
  • Prezo: sobre 20€
  • Peche: xoves; luns, martes, mércores e domingo, noite.