casa ríos o freixo

A Casa Ríos (porto de Freixo, Outes), foi un agradable descobrimento. Cociña de produto de mar de calidade e ben elaborado, coidada selección de viños e sobremesas que se saen.

Outes-CasaRiosOFreixo2

Bar de porto de toda a vida que vén de ser actualizado pola segunda xeración dos propietarios (os dous fillos do matrimonio fundador) fusionando experiencia e renovación.
Planta baixa e terraza que funcionan como bar en plan batalla, e comedor –moderno, agradable, sen excesos nin estridencias– no piso superior; destaca a enorme vidreira que ocupa todo o frontal e que, á parte de iluminación, ofrece espectaculares vistas ao porto de Freixo e ao interior da ría de Noia.
Servizo correcto aínda que nalgún momento un puntiño envarado.
Importante carta de viños con destaque absoluto para as DO galegas.

Restaurante Rios O Freixo 08

A carta comeza cunha ampla proposta de mariscos que se actualiza diariamente (vedas, prezos…) de viva voz. Disque en casa Ríos son imprescindibles as ostras (1.20€ unidade) e que pasadas pola prancha son únicas; non esquezamos que Outes disputa a primacía da ostra galega a Arcade. Mexillóns (ao vapor, con aceite picante, en escabeche suave, entre 8.5 e 11€), Volandeiras (á prancha 14€, con salsa de albariño 14.50, con verduriñas e touciño ibérico 14.50€), ameixas, berberechos, navallas… Non faltan os mariscos ‘maiores’ (lumbrigante, cigala, camarón…) con prezos máis fluctuantes segundo o mercado do día.
’Para comezar’: Ensalada campera con parmesano e Emil Cotto (15€), polbo á prancha con cachelos ou á feira (16€), croquetas caseiras (9€), etc.
Os peixes tamén con importantes variacións en función de como foi a pesca do día. San Martiño, Linguado, Sargo… Á prancha, á galega, pezas enteiras especiais para o forno…
Carnes: Pá de cordeiro de leite asada (25€), Entrecosto de tenreira galega (18€), Filete de croca con patacas e pemetos fritidos (13€).
E outra das estrelas da carta: os arroces e as pastas, co clásico Arroz con mariscos (19.5€), un máis novidoso, de centola (19€), o rompedor Risotto de rabo de vaca estufado (16€) ou os atractivos tallaríns con lagostinos e salsa de chile doce (14.6€).

Restaurante Rios O Freixo 11

Animámonos cunha necoriña para cada un dos seis que somos (a 62€ o quilogramo, xusto o peso das seis pezas que pedimos). Discusión previa sobre aquilo de servir o marisco frío ou quente segundo os costumes do norte e sur. Neste caso viñan morniñas e estaban espectaculares, pechando toda posibilidade de discusión.

Restaurante Rios O Freixo 12

Para seguir probamos entre todos unha Ensalada de perdiz escabechada con granada e Malandrone. Moi lograda; suave; contrastes que me gustaron moito (a perdiz co tomate, o queixo coa granada, a fusión global).

Restaurante Rios O Freixo 14Restaurante Rios O Freixo 15Restaurante Rios O Freixo 17Restaurante Rios O Freixo 16

De prato déusenos polos arroces e pedimos dous: dúas doses dun da carta (o de lubrigante) e outras dúas do especial do día (Arroz negro con carabineiros); en ambos os dous casos a 25€ a ración). Aquí si houbo unha clara división de preferencias; eu, sen menosprezar o clásico, voto claramente polo arroz negro (sendo saborosísimo e moi intenso, resultoume moito máis sutil, máis meloso e máis rico). Os dous pagan a pena.

Restaurante Rios O Freixo 18

E chegou a hora da verdade, a das sobremesas.
Quedáronos por probar a Copa de queixo con coulis de froitos vermellos, as Caniñas do Carballiño recheadas de crema, os xeados artesáns e as Filloas de crema pasteleira. Todos os doces entre os 5 e os 5.5€.
Os que si catamos foron:

Restaurante Rios O Freixo 21
Tatín de mazá con xeado de vainilla

Restaurante Rios O Freixo 20
Coulant de Guanaja con xeado de mandarina

Restaurante Rios O Freixo 22
Trufas recheas de crema de pistacho

Restaurante Rios O Freixo 19
Milfollas de crema con froitos vermellos

Un auténtico festín. Case abonda coas fotografías para facérmonos unha idea.
A miña elección (a milfollas, na que por certo coincidimos –felizmente– tres), unha marabilla da repostería de principio a fin: da presentación aos sabores, da madurez dos froitos á delicadeza da crema pasteleira, da acedume á dozura…, en especial, polo logrado da masa do ‘follado’. Un luxo.

Tomamos café –ao que invita a casa– nunha pequena sala de estar ao fondo do comedor con vistas á campiña; a comida e a sobremesa resultaron tan agradables que cando nos levantamos xa pasaba ben das seis da tarde.

Con auga e dúas botellas de Casal de Armán pagamos 42€ por persoa.
Non podo dicir que se trata dun restaurante barato.
Pero se temos en conta o menú, a calidade dos produtos, o esmero na cociña, as sobremesas…, o agradable que resultou a comida e a sensación de satisfacción que deixa, Casa Ríos O Freixo é deses raros restaurantes nos que pagas ‘a gusto’ no difícil chanzo arredor do prezo medio-alto.
Para repetir.

Rio Tambre 042
Foto desde a ponte colgante sobre o Tambre a carón da central

Por certo. Nesta ocasión a excusa para a excursión foi disfrutar do tramo final do río Tambre. Pontenafonso e a foz en Noia e, en especial, a central hidroeléctica de Palacios e toda a natureza que se move no seu arredor (as rutas, a ponte colgante, as pesquerías, un vermuciño no hotel…).

Casa Ríos O Freixo
Molle do Freixo
15288 O Freixo, Outes (A Coruña)
981 76 51 20
www.riosfreixo.com
Facebook
GPS: 42.794043N  8.945976O
Cociña: mercado, mariñeira
Prezo: 40-50€