porque non só nos alimentamos de modernidade

Casa Ríos, en Domaio, é sinxeleza en estado puro. É produto das rías. É unha man experta e sabia aos fogóns. É tradición culinaria galega a prezos máis que razoables.

Casa Ríos Domaio

A nosa visita a Casa Ríos coincide coa polémica emisión dun capítulo dun, tamén polémico, programa de televisión. É un deses programas de telerrealidade (aínda que o dicionario marca a palabra como non recoñecida, tamén o fai no caso de escribir a foránea reality).

pngegg

Falo en concreto dese nos que os concursantes aprenden a cociñar. Unha das probas desta semana enfrontaba a dous equipos elaborando o mesmo menú, un en versión cociña tradicional e outro en interpretación cociña actual.
Unha confrontación tan absurda como estéril.
Todo ten o seu momento, o seu lugar, o seu porqué.
A realidade foi que a tradición arrasou á modernidade.
É que, acaso, a maioría dos padais están máis afeitos a cociña das avoas?
É que, se cadra, a cociña actual é máis difícil de entender? (gustativa e racionalmente)
Todo é tan sinxelo como que a cociña tradicional é máis fácil de elaborar que a moderna?

Asegún e depende.

Na cociña moderna existen milleiros de artefactos e técnicas culinarias impensables para as nosas avoas.
A cociña moderna esixe un dominio absoluto da cociña clásica e, ademais, o control a fondo do inmenso universo que arrodea á propia cociña actual.
Por dicilo en prata, é máis doado aproximarse a unha Tarta de torta do Casar con xeado de cereixa que ao Xeado de torta do casar, galleta, cereixa en dúas texturas, begonias y faba tonka.

En fin, sirva a reflexión para reivindicar a cociña tradicional (mantendo o lugar preferente que, en moitos círculos, ocupa a de vangarda)

Cambiando de rollo, e na liña do escrito en días anteriores sobre as guías gastronómicas e os que, ben profesionalmente, ben a nivel amateur, nos dedicamos a falar da nosa experiencia en restaurantes, retomo a conclusión de que ninguén no mundo é quen de coñecer toda a oferta culinaria, digamos, nun radio de 100 quilómetros arredor do seu lugar de residencia.

Primeiro chegou a recomendación do meu gran provedor de novidades, o meu querido profesor Tornasol; falou dos bruños, das empanadas e dos chocos. Logo, nunha conversa casual, resulta que Casa Ríos foi lugar habitual de papatorias para os selectos gastrónomos de Factorías Vulcano. Agora, cando procuro en Internet información para escribir, atopo unha referencia de 2011: “Antiga taberna onde se tomaban as botellas que tiñan a refrescar dentro dunha gaiola de Coes no regato que corre a carón do bar. Reformado en restaurante, serven as mellores centolas da Ría de Vigo. Relación calidade prezo insuperable, nunca falla. Hai que reservar sobre todo a fin de semana , sen reserva é inútil ir. (Blog Guía secreta das Rías Baixas, Casa Ríos Domaio).

Así, de entrada, recoñecer que non se trata dun descubrimento, que Casa Ríos leva aí (case) toda a vida; e eu sen sabelo. E, se non o sabes, como recomendalo?, como incluílo-excluílo cando ser trata de listados do mellores restaurantes de…? Se cadra, e no seu, é mellor que a maioría dos presentes na lista, pero como non está, non existe; e así se pecha o círculo.
A variña máxica que che toca ou non e que che sube ao ceo, ou, en caso contrario, che condena á unha escuridade da que só podes saír polo sempre recomendable boca-a-boca.

Sen espaventos nin dicir que Casa Ríos é un templo da cociña mariñeira galega.

A oferta, que cambia cada día segundo o mercado, é limitada e asoma cantada por Antonio (Toño). Mariscos (ameixas, nécoras, camaróns), empanadas (chocos e xoubas), luras e peixe.
Por certo, a personalidade de Toño é un dos distintivos da casa; hai mares de comentarios criticando o seu xeito de atender (resumido en maleducado), e moitos máis defendéndoo (que se personalidade, que é así, que se carácter especial, que hai que querelo como é, que cello revirado acaba por resultar simpático, gran profesional, seco, eficiente… Se cadra, unha opinión que resume todas: xamais te enganará e xamais che fará as beiras).

Casa Ríos Domaio

A falta de centola, en veda, pedimos as ameixas. Calidade óptima, tamaño tirando a grande, ración xenerosa… e preparación espectacular. Abonda con dicir que me saltei a dieta de glute e mollei ata que fartei. Caendo nos tópicos, as ameixas da miña nai.

Casa Ríos Domaio

Empanada de xoubas; unha para probar; é un anaco xeneroso pero sabe a pouco; de novo valoracións que xa resultan manidas; digamos, simplemente, que está de morte.

Casa Ríos Domaio

E, claro, as inevitables luras. Con patacas fritidas. Con perdón dos irmáns portugueses, exquisitas; dignas de calquera dos grandes chefs de Redondela.

Casa Ríos Domaio   Casa Ríos Domaio

Saída doce que, sen acadar o carácter excelso, mantén máis que dignamente o tipo; digamos que a tarta de Santiago e o flan estaban moi ricos. Gustoume especialmente o flan; creo que se parecería moito ao que faría miña nai se tivese Thermomix.

Coa botella de albariño da casa e café pagamos 31€ por persoa. Coñecendo a calidade do produto e o seu prezo en mercado, temos un motivo máis para quedar encantados.

Casa Ríos
Rua Palmas 111, Domaio
36957 Moaña (Pontevedra)
34 986 32 61 90
GPS: 42.289393N, 8.685341O
Cociña: Tradicional
Prezo: 20€
Peche: luns