casa portuguesa

Casa Portuguesa (Parrilla Umia). Vilanoviña 29, Vilanova de Arousa. 986715242. Local amplo, sen pretensións pero acolledor, terraza sobre o río. Típico acollemento portugués. Menú diario 12 euros: os mércores, cocido.

Coñecín a Casa Portuguesa grazas a un artigo de Mónica Irago en La Voz de Galicia (Seis restaurantes galegos para facer a ruta do bacallau).
Seguro que hai máis, pero os que aparecen na reportaxe non admiten dúbida: Vinoteca Marcos, en Vigo (antiga Casa Elsa de Nigrán); Casa María Luísa, Silleda; Casa Rosalía en Brión; Restaurante Solleiros, Santiago (premio ao mellor bacallau tradicional de España na súa primeira edición); Casa Salvador, A Baña (a nosa visita a Casa Salvador).
E, claro, a Casa Portuguesa. No artigo, Joaquim Fonseca, portugués, propietario, afirma que o bacallau forma parte da súa cultura; e, aínda que hai máis de mil formas de preparalo, na Casa Portuguesa a receita que manda é o bacalhau à portuguêsa (con pataca panadeira, cebola, pemento e unha salsa portuguesa que prefiere no revelar); tamén na brasa (asado na grella con cachelos, pementos e cebola); tamén, e por encargo, «à brass», ao forno, con gambas, etc.

 Fomos un día de semana en outubro e atopamos un apetecible menú do día no que entraba, de prato principal, o bacallau rebozado e fritido con cachelos: moi bo. Ademais, de primeiro ensalada mixta e ovo frito con chourizo e patacas fritidas; de segundo, ademais do bacallau, grellada mixta. Con sobremesa e café foron 12 euros.
Este día soubemos que os mércores de inverno, non menú do día entra o cocido. Así que onte, mércores alá fun co meu amigo Luis.

Sopa do Cocido Casa Portuguesa

Aínda que hai tres entrantes para elixir, vimos ao que vimos e tiramos pola sopa do cocido. Intensa, saborosa, con cabeliño, vai directamente a sangue (en concreto en forma de colesterol; veño de facer unha analítica e ando mellor que nunca; en todo caso é cuestión de non abusar…)

Cocido Casa Portuguesa Carnes
Cocido Casa Portuguesa

Ingredientes: repolo, pataca, garavanzo, orella, lacón, tenreira (costela mamiña), pezuño, óso de soá, chourizo, touciño de febra, costela salgada.
Como vedes, bastante completiño; unha mestura de ingredientes finos (lacón) e máis populares e rurais como o óso.

Cocido Casa Portuguesa Carnes

En xeral o cocido está moi bo. É variado, está todo moi ben cocidiño, perfecto de sal, os ingredientes son de boa calidade… Un único pero: hai bocados, en especial a costela, con algún puntiño de máis de rancio que estropea o sabor do bocado pero que, por fortuna, non afecta ao conxunto.
En todo caso, é un cocido máis que salientable para o seu prezo.

Casa Portuguesa Sobremesa
Casa Portuguesa Sobremesa

Para a sobremesa tomamos unha tarta xeada e arroz con leite. Ademais, había para elixir flan caseiro ou xeados.
Destacable o café, con toda a esencia dos cafés portugueses (negro, curto, moi denso).

O prezo pechado de 12 euros converte a comida en moito máis que recomendable e o cocido en, case, inexcusable.

De regreso a Vigo, para en Pontevedra para ver dúas exposicións no Museo Provincial.

Exposición de Anxo Cabada
Exposición de Anxo Cabada

Na exposición Sombras Atlánticas, o fotógrafo Anxo Cabada amosa unha selección de retratos de artistas galegos. Son 34 fotografías en branco e negro que foron tomadas co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si. Entre as persoas retratadas podemos topar nomes como os de Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Ánxel Huete, Francisco Leiro, Soledad Penalta, Manolo Paz, Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira ou Lula Goce.
Sombras Atlánticas de Anxo Cabada está na sala Castelao do Museo Provincial ata o 15 de xaneiro.

Exposición de Silverio Rivas
Exposición de Silverio Rivas

Eloxio do silencio, de Silverio Rivas, é unha revisión da obra dun artista de referencia para entender a escultura contemporánea en Galicia. A mostra inclúe obras desde os seus inicios na abstracción ata a actualidade que nos invitan a descubrir a orixe do seu proceso creativo, sempre dirixido á procura do equilibrio, a harmonía e a perfección.
Eloxio do silencio, de Silverio Rivas está na sala Castelao do Museo Provincial ata o 5 de febreiro.

Casa Portuguesa
  • Vilanoviña 29
  • Vilanova de Arousa 36614 (Pontevedra)
  • 986 715 242
  • GPS: 42.556410N, 8.707435O
  • Cociña: tradicional galego-portuguesa, grella
  • Prezo: menú do día 12€
  • Peche: as noites, menos o sábado