casa obdulia

Un bar de comidas de toda a vida. Un fillo que regresa. Menú do día, cociña tradicional, degustación que Juan de la Cruz prepara co aprendido no Ermitaño, Marcelo, Berasategui…

Pois por iso. Sábado pola noite. Con Pepe e Merce e moitas ganas de probar. Reserva anticipada con indicación do que queremos tomar (no noso caso o menú de degustación pero pode ser cociña tradicional galega; noutra mesa ao fondo: camaróns, navallas, ameixas e unha robaliza na brasa con patacas panadeiras que daba envexa vela pasar). Disque o menú do día ten sona entre a moita xente do naval que se move pola zona.
O local é un bar; no primeiro andar fixeron un lavado de cara e prepararon un comedor algo máis coqueto pero sen esaxeracións, sen pasarse. O local non ten moitas pretensións pero dá todo o que debe dar: resulta cómodo e, aínda que algo desanxelado, agradable.
A atención é boa en todo momento; primeiro por parte do propio Juan e logo -algo máis seca- da camareira que nomea os platos que van aparecendo diante de nós.
A lista de viños é reducida pero moi ben seleccionada; viños galegos e tamén referencias nacionais; todos con bastante pedigrí. Pedimos un Pétalos do Bierzo (25€).

Casa Obdulia CamarónsPuño de camaróns.

Casa Obdulia Brandada bacallauBrandada de bacallau coa súa pel crocante

Casa Obdulia Boi de marBoi de mar con escuma de mar

Casa Obdulia Chipirón da ríaChipirón da ría

Casa Obdulia Ovo a baixa temperaturaOvo a baixa temperatura, puré de chícharos tacos de xamón e mollo de tenreira

Casa Obdulia RobalizaRobaliza con emulsión de ali-oli suave

Casa Obdulia FaceiraFaceira con parmentier de pataca e crema de cabaza

Casa Obdulia Torta de mazáTorta de mazá

Casa Obdulia Petits FoursCasa Obdulia Petits Fours
Petits fours

Menú de degustación centrado no produto.
Comezamos moi ben cos camaróns, no seu punto de cocción temperatura e sal. A brandada pareceume que non estaba totalmente ligada, pero, pola contra, a pel crocante do bacallau, exquisita. A partir de aquí a cea foi crecendo de xeito espectacular; a cada prato que entraba vías mellor o fundamento da cociña de Juan de la Cruz e as depuradas técnicas que utiliza en cada preparación. Sen menosprezar ningún dos pratos anteriores (o punto e a textura do peixe perfectos, o ovo e en especial a cremiña de chícharos, en fito, todo) a faceira xa foi o máximo: por dentro, puro aire que se desfai na boca, por fóra, no seu punto exacto cun toque de crocante moi logrado; a mestura, marabillosa.
Para a sobremesa xa me faltan cualificativos. Moi, moi rica.
Para rematar, os bocadiños doces e un café de pota infusionado con anís e canela de xeito moi logrado.

O menú anterior custa 37 euros por cabeza; xunto co viño, as bebidas menores e dous cafés chegamos aos 45€ cada un. Prezo moi axustado para o valor real da cea que disfrutamos. Sen dúbida hai que telo de man para repetir calquera día destes.
Un non acaba de entender como un cociñeiro da categoría de Juan de la Cruz está en Casa Obdulia. Só se me ocorre que na súa escala de valores prevalecen a vida tranquila, o facer o que quere… sobre a presión dos grandes locais e a obsesión permanente polas medallas.
Un aplauso.

Casa Obdulia
Juan Manuel de la Cruz
Avda de Galicia 140
36216 Vigo (Pontevedra)
986 452 630
GPS: 42.251423N  8.689202O
Cociña: Produto, tradicional, tradicional con técnicas actuais
Peche: domingo
Prezo: Menú de degustación 37€