pequena xoia na foz do douro

A Pizzería Restaurante Casa da Foz (rúa Padre Luís Cabral 1150, Porto) foi un auténtico descubrimento. Local moi pequeno, apertado, ruidoso, abigarrado…, pero auténtico. Boa comida italiana a prezos populares.

Casa da Foz Porto 04

Nunha vella casa, nunha ruela ínfima, apenas 25-30 lugares que ultimamente están ateigados nos días e horas punta chegando a duplicar e mesmo triplicar servizos. Imprescindible reservar.
O local, pequeneiro, ten as mesas moi xuntas, sen apenas espazo para circular. As paredes decoradas con vellos carteis publicitarios de principios do pasado século e fotografías en branco e negro de carreiras de coches. Atopamos carteis de cine (Rebeca, The Asphalt Jungle, L’Angelo Azzurro…), de locais coma o Lido, bebidas (Martini, Coca-Cola nos tempos da Bety Boop), do trasatlántico Normadía, dos vinhos Ramos Pinto (‘são presente de reys’), da 6ª edición do Grand Prix do Automobile de Mónaco (2 de abril de 1934), da Inauguración da mítica Exposición Universal e París de 1889…
En fin, con tanto póster resulta difícil diferenciar a cor orixinal das paredes.
Pero aínda así, estivemos cómodos; malia chocar co veciño do lado e escoitar máis a súa conversa que a túa propia, sentes un aire de autenticidade, a sensación de comer nun barucho do porto de Nápoles.

Casa da Foz Porto 06Casa da Foz Porto 07

Trato excelente e carta case que exclusivamente centrada na cociña italiana.
Entradas (Pão de alho con pesto 3,5€, Bruschetta con tomate e queijo 3,25, ou con tomate e presunto 4,25€, Focaccia 7,5, Cogumelos recheados com pesto 7,5€, Gambas salteadas com molho de cogumelos 8,75€, Carpaccio de carne 10€… Saladas (entre 4 e 12 euros), 17 pratos diferentes de pasta, Spaguetti, Penne, Tagliatelle, Lasagne…, Bolognese, Arrabbiata, Pesto, Carbonara, Puttanesca, Vongole… (as pastas van desde os 9,75€ da ración de Spaguetti bolognese ao 45 do misto de 4 pastas –pesto, bella nonna, nero gamberoni e al telefono–, e a media está arredor dos 12 euros a ración). 26 clases de pizzas (entre 8 e 13€). Calzoni, Rolls… e Carnes (cun atractivo Cabrito de leite assado no forno, só por encomenda, e a 130€ a peza enteira).
Nas bebidas destacan as sangrías da casa (con viño branco ou tinto, moita froita e moitísima hortelá, que é a que dá sabor e carácter ao bebedizo; pedimos unha xerra pequena e, ben fresquiña, acompaña con honra a comida).

Casa da Foz Porto 10Casa da Foz Porto 11

As racións son moi abundates.
Compartimos, de primeiro, uns Spaguetti, Gamberoni & Salmone (azite, alho, malagueta, camarão, salmão fumado e caviar) e a continuación a Pizza 4 formaggi (mozzarella, gorgonzola, provola, scarmoza e oregaos).
Tanto a pasta como a pizza, fantásticas.
O espagueti, ao dente, forte, sabrosón, con moitos tropezóns, un aire picante divertido pero non excesivo, nada graxentos…
Unha das masas de pizza máis fina que probamos nunca; moi boa; ben ateigadiña de queixos pero con sabor equilibrado, sen caer no empapuzamento que pode dar o exceso de queixo.

Casa da Foz Porto 15

Boa selección de sobremesas (Mousse de chocolate, Tiramisú, Cheescake, Leite creme torrado com gelado de baunilha, Tarte gelada com chocolate quente, Fondant de chocolate com gelado de tangerina, Farófias…
Compartimos un Carpaccio de Ananas com gelado de baunilha que, coa súa frescura e punto de acidez, complementa e contrasta ás mil marabillas co resto da comida (a maioría das sobremesas están entre os 3,5 e os 5 euros).

Pagamos 21 euros cada un, prezo moi razoable para a calidade da comida. Local moi recomendable para unha comida italiana informal. Imprescindible reservar.

Casa da Foz
Rua Padre Luís Cabral 1150
4150-202 Porto (Foz)
226177636
www.casadafoz.pt
Facebook
GPS: 41.149956N  8.674175O
Cociña: italiana
Prezo: 25€
Peche: pola semana só abre pola noite; sábado e domingo tamén ao mediodía.