casa marco

Casa Marco. García Barbón 123, Vigo. +34986225110. Un clásico polo que non pasan os anos. O Clásico. Cociña tradicional que coida os detalles. Éxito garantido. Moi destacable relación calidade prezo.

Para os que somos de Vigo, case unha obriga.
Para os que veñen de fóra, unha aposta segura sempre e cando busques cociña tradicional fóra da típica mariscada galega.
E, como matiz imprescindible, cociña “clásica”, que non antiga. Algunhas preparacións, os acompañamentos e o empratado marcan un salto cualitativo con respecto á “vella” cociña.

O local, sen grandes foguetes, resulta cómodo e atractivo. Á entrada, mesas pequenas á dereita, barra á esquerda e corredor para chegar ao comedor principal, máis amplo e con vistas á cociña. A decoración céntrase no papel pintado e na iluminación. Comemos, moi a gusto, nas mesas da entrada.
O servizo é amable, próximo e dilixente, pero sen invadir en ningún momento a comodidade da estancia no restaurante.

Carta bastante ampla e variada, na que resulta difícil escoller.
Suxestións do chef (algunhas en carta e outras cantadas de viva voz en función do mercado do día). Lombo de atún vermello na brasa con areas de sal grosa (pouco feito), 23€. Cocote de pescada do pincho con cocochas en salsa verde, 20€. Martiño de Ons ao forno e o seu zume emulsionado con aceite de allos, 22€.
Entrantes fríos. Chacina de vaca con lascas de queixo semi curado e aceite de tomiño, 18€. Ensalada de aguacate, mango, mazá e froitos secos, 10€. Carpaccio de atún vermello con queixo parmesán e tostas de pan tumaca, 19€. Escarchas de bonito do Norte con pementos do piquillo e espárragos de Navarra, 14€….
Entrantes quentes. Cesta de croquetas caseiras de chistorra, 8€. Tortilla de patacas sen cebola (española), 8€. Cazola de cogomelos de tempada con lascas de xamón ibérico e ovo roto, 17€. Revolto de grelos con lagostinos, queixo de tetilla e salmón fumado, 13€. Zamburiñas na brasa con aceite de limón, 17€…
Arroces e pasta. Arroz de peixe sapo con vieiras e algas, 17€. Arroz de solombo de tenreira gallega con setas de tempada e queixo parmesán, 17€. Refogado de pasta fresca con lagostinos, luras da ría e salsa alioli, 17€.
Peixes. Cocote ou tronco de pescada do pincho na brasa con salsa bilbaína, 18€. Lombo de bacallau na brasa sobre pementos asados e aceite de oliva virxe extra, 20€…
Carnes. Entrecosto de becerro de Samos na brasa con salsa de queixo de tetilla e grans de pementa, 16€. Pa de cordeiro de leite cociñada lentamente ao aroma de romeu, 22€. Roliño de solombo de tenreira galega recheado de xamón ibérico e queixo san Simón da costa con salsa de fungos, 17€. Canelóns de rabo de tenreira galega estufados ao estilo tradicional con ensalada de queixo de O Cebreiro, 17€

Casa Marco Crema de lentellas

Abrimos boca cunhas lentellas líquidas con lascas de xamón cortesía do chef. Moi ricas e entoan o corpo nun día que, fóra, vai moi, moi frío.

Casa Marco Empanada de xoubas

Poñémonos de acordo para comezar cunha das suxestións do chef: a empanada caseira de xoubas feita con dúas fariñas, trigo e millo. Espectacular. A masa finiña, zumenta pero non graxenta, especialmente fina para ter millo e saborosa; a zaragallada, na que domina a cebola, coas súas xoubas abertas á metade está moi boa; o conxunto, sensacional. A ración máis que suficiente para compartir dúas persoas de primeiro (mesmo para probar e levar unha idea catro persoas).

Casa Marco Arroz
Casa Marco Arroz

O arroz de bonito do norte con lagostinos e queixo de tetilla.
Aquí a decisión estivo máis disputada. Pesaba a idea dunha comida a base de compartir entrantes e sobremesas; pesaba os peixes (ai, ese Martiño de Ons ao forno e o seu zume emulsionado con aceite de allos); pesaban as carnes (quedáronme na cabeza os Canelóns de rabo de tenreira galega estufados ao estilo tradicional con ensalada de queixo de O Cebreiro, ou a pa de cordeiro, ou os roliños de solombo con salsa de fungos). En fin, decidímonos pola nosa paixón polos arroces e pola orixinalidade da proposta do queixo de tetilla.
Diría que o arroz ten un paso de secado final por forno, momento no que, vento, se lle engaden uns dados de tetilla que chegan á mesas fundidos e que se remexen para que o arroz quede ligado. O resultado vén sendo o do toque final de manteiga dos risottos, un arroz cremoso no que se nota a presenza da tetilla na textura e moi levemente no sabor, e no que, neste caso, predominan os abundantes tropezóns de bonito e lagostinos.
Co particular que son para os arroces, este gustoume, e moito. A ración para dúas persoas é abundante.

Casa Marco Xeado
Casa Marco Leite fritido

Se o meco é unha constante no trato e nas presentacións, o empratado das sobremesas supera todo o anterior.
O xeado de trufa con abelá garapiñada e os dados de leite fritido á laranxa sobre unhas natillas lixeiras de amareto.
O xeado, caseiro, moi, moi bo, pero o leite fritido, brutal. Natillas finas e saborosas, o leite fritido moi cremoso, case líquido, no interior dun rebozado crocante e, tamén, co seu punto de sabor; e, todo arredor, unha bóla de fíos de caramelo.

Comemos cunha botella de Algueira (mencía, 2021) e auga, e ao final café. O prezo por cabeza é de 36 euros.
Saímos coa satisfacción dunha magnífica comida e de ter pagado un prezo bastante máis que razonable para o que podería ser o caché dun restaurante que xoga na liga de Casa Marco.

Un detalle a ter en conta: pola botella de Algueira cobran 16€; na propia adega, a través de internet, atopo un prezo de 13€.
Moi lonxe da regra do x3, ou da norma de cargar máis marxe aos viños baratos, un sobreprezo de 3€ nunha botella de viño de 13 antóllaseme unha proposta envexable que define ás claras a filosofía desta Casa Marco.

O dito. Unha aposta segura e un restaurante moito máis que recomendable en Vigo.
Para unha viguesa, e parafraseando ao mestre Saramago cando na súa Viagem a Portugal falaba de “atravesar a serra do Marão, de Vila Real a Amarante”, visitar Casa Marco “debería ser outra imposición cívica como pagar os impostos ou rexistrar os fillos”.

Casa Marco