ao final do camiño

Casa Manolo ofrece un variado menú do día. Entrante, prato principal, sobremesa e auga por 10€. Un histórico reconvertido en visita obrigada de camiñantes na súa última etapa a Compostela.

Casa Manolo Santiago 3

Se mergullas por Internet, podes descubrir aspectos moi interesantes deste local compostelán ao que, nun artigo de José Antonio de la Riera, enmarcado e exposto no propio local, Casa Manolo é rebautizada como ‘a catedral civil’ de Santiago.

O artigo pode lerse completo en Tradición Xacobea.
Alí está, por exemplo, como Casa Manolo nacía a mediados dos anos cincuenta do pasado século, na rúa Travesa, por iniciativa dos irmáns ourensáns Rodríguez Gómez. Grazas á súa estratéxica localización (e ao ben que daba de comer por poucos cartos) pronto se fixo unha sona estudantes e profesores da veciña facultade de Letras e, tamén, entre todo tipo de usuarios e usuarias do transitado mercado eda feria de Compostela.
Disque, tamén, nos anos sesenta, os estudantes de filosofía e letras (e achegados) tomaron Casa Manolo como centro de discusión e conspiracións varias contra un franquismo que, con falsos aires de decencia, aínda seguía demasiado vivo.
Chegados aos oitenta, co rexurdir do Camiño, e grazas ao boca a boca, converteuse en referencia absoluta de peregrinos que chegaban de todos os currunchos do mundo.
Foi nos noventa cando Casa Manolo decidiu que había que medrar e aterrou no seu actual destino na praza de Cervantes. Foi algo curioso; da reforma do vello local da Almacenes Simeón encargouse o arquitecto Pedro del Llano, que fixo o salto ao máis absoluto baleiro: en Cervantes creou un ambiente moderno, moi lonxe da tasca tradicional, que hoxe segue a ser paradigmático.

Casa Manolo Santiago 28    CasaManolo2
(Imaxes da web do local)

(Na Web de Casa Manolo podemos ler como, en 2002, cando se celebraba o Día mundial da arquitectura baixo o lema ‘Arquitectura e patrimonio cultural’, en Compostela, o COAG escolleu Casa Manolo como eixo da súa celebración. E isto, segundo palabras do representante do COAG, e desde o punto de vista arquitectónico, porque Pedro del Llano fixo ‘un espléndido traballo de reflexión sobre a función e fin da rehabilitación arquitectónica, adaptándose ás novas necesidades e usos do local poñendo de acordo os materiais co tempo; unha obra ao mesmo tempo arriscada e respectuosa, absolutamente moderna pero integrada’; por outra banda, xustifican a elección desde o punto de vista do patrimonio cultural, ao tratarse dunha ‘taberna fundada nos anos 50 por onde pasaron varias xeracións de estudantes mesturados con xentes do rural que os xoves de feira pedían o polbo ou os callos, e con personaxes de todo o mundo, unha taberna con sitio propio no recordo de moitos profesionais e visitantes da cidade… O actual Manolo practicamente aparece en todas as guías do Camiño e converteuse nun fenómeno sociolóxico-cultural que traspasa fronteiras’.)

Casa Manolo Santiago 27

Hoxe, un xoves calquera dun cambiante mes de abril, día non festivo, encontramos casa Manolo en todo o seu esplendor. Ao chegar, pasaba un chisco da unha e media, tivemos que esperar, pouco, pero esperamos: xa non había mesas libres.
E logo, cando saímos, as colas á procura dunha mesa son as que vedes na foto.
Pola súa feitura, corpos estomballados, pés resentidos, movementos espesos e caras de felicidade, practicamente todos os que alí comían, agás nosoutros, eran peregrinos.

Casa Manolo Santiago 4

Seica ultimamente, grazas ao boca a boca, a Internet e a numerosas guías do Camiño que a recomendan, Casa Manolo traspasou a propia historia para converterse nunha icona máis do Camiño compostelán.

A carta é moi variada. Propón, para elixir, once primeiros e dez segundos; as sobremesas, chegado o momento, son cantadas a viva voz polo camareiro (flan, xeado, torta de Santiago…).
Entrantes: caldo galego, lentellas estufadas, ensalada mixta, ensalada rusa, ovos ao prato con tomate e verduras, croquetas caseiras con carne, croquetas caseiras de bacallau, caldeirada de luras, fideos con ameixas, espárragos con dúas salsas e pementos de Padrón.
Segundos pratos: codillo asado con gornición, churrasco (costelar de porco) asado ao forno, filete á prancha con patacas fritidas, milanesa con patacas fritidas e leituga, milanesa con queixo, polo asado ao forno con gornición, bacallau á prancha, pescada á prancha con ensalada, linguado (mendo) á prancha con ensalada, luriñas fritidas con patacas e leituga.
Destacar que as racións son moi abundantes.
O servizo resulta algo frío e distante, pero moi dilixente.
O ambiente resulta acolledor. O local é un auténtico crisol de feituras e voces chegadas de todas as partes do mundo.

Casa Manolo Santiago 8 Casa Manolo Santiago 11

A comida está ben, sen máis, merece esa valoración á que xa estamos tan afeitos nestas liñas e que se resume nun ‘OK’.
Os pratos que comemos nós non están para botar foguetes pero cómense ben; os entrantes, os dous (o guiso de luras e os ovos ao prato), resultan bastante escasos de sal; no meu, a zaragallada bastante máis substanciosa que a propia lura. Hai que destacar o esforzo por presentar os pratos cun certo esmero.

Casa Manolo Santiago 17 Casa Manolo Santiago 19

De segundos, a milanesa con queixo (por riba e non dentro do empanado) e o bacallau acompañado de patacas e bastante pemento vermello. Non é dos mellores bacallaus da miña vida, pero tampouco dos peores. A milanesa, cando che toca bocado con queixo, rica, se non, notábase demasiado o empanado un pouco groso de máis.

Coido que haberá pratos máis e menos afortunados; os que nós probamos quedarán na media. É posible que eu arriscase bastante cando pedín: o guiso de luras está reservado para cociñas tradicionais con moito fundamento, e non hai que ser ningún fenómeno para adiviñar o bacallau que hoxe en día che poden dar nun menú de 10 euros.

Casa Manolo Santiago 23 Casa Manolo Santiago 24

Sobremesas, a torta de Santiago e o xeado.
Pois iso; sen máis; torta prefabricada e xeado común.

Como vedes, Casa Manolo é un local recomendable e que nalgún momento hai que coñecer: por tradición, por historia viva da cidade, por arquitectura e decoración.
Se procuramos calidade nos pratos e nas preparacións, hai locais mellores en Santiago para comer; pero do que non hai dúbida, é en que a maioría deles, por non dicir todos, dificilmente poden facer competencia a Casa Manolo en cantidade e prezo.
Agora si, coidado coas colas.
E é que cando o río soa…

Casa Manolo
Praza de Cervantes
15704 Santiago de Compostela (A Coruña)
981 582 950
GPS: 42.881197N,  8.542039O
casamanolo.es
Facebook
Comida: tradicional
Prezo: menú do día 10€